A transformación dixital é imparable no novo escenario post-pandemia e as empresas deben aproveitar este momento de cambio para convertelo en oportunidades. Son os dous grandes titulares que nos deixou este ano a Xornada Tecnolóxica R. Conducida polo director de R, Alfredo Ramos, e baixo o lema 'Novos tempos, grandes oportunidades', esta cita xa de referencia para o sector en Galicia celebrouse presencialmente na Finca Montesqueiro, en Oleiros e, en paralelo, no auditorio do edificio virtual de R e do Grupo Euskaltel 'The Tech Experience'.
As xornadas contaron coa presenza de Josep Piqué, experto conferenciante Internacional en dirección de empresa e con grande experiencia tamén como conselleiro delegado de diversas empresas tecnolóxicas. Xunto a Piqué, ademais da voz de R, profesionais galegos de Abanca, Igape, Greenalia e Parfois, analizaron as claves estratéxicas deste proceso de dixitalización, para o que resulta fundamental o acompañamento de provedores tecnolóxicos como o operador galego. Tamén puidemos coñecer de primeira man as experiencias transformadoras de Vegalsa e CLUN.
Baixo o título 'A adaptación da empresa ao mundo post-pandemia que nos vén', Josep Piqué analizou a incidencia que ten a tecnoloxía sobre a evolución do mundo global dende o punto de vista xeopolítico. As compañías teñen que aproveitar a oportunidade da dixitalización para permanecer no mercado sen perder de vista retos como a privacidade e a xestión dos datos ou a ciberseguridade.
Josep Piqué: 'Ou somos dixitais, ou o mercado vainos triturar'
Josep Piqué acompañou tamén a profesionais galegos de R, Abanca, Igape, Greenalia e Parfois na mesa profesional 'Éxito, retos e oportunidades da situación actual'. Nela coñecemos como están a empregar a tecnoloxía e onde están a poñer o foco para acometer con éxito e rendibilidade estes momentos de cambio.
Para Eduardo Aldao, Director de Innovación de Abanca, a disrupción tecnolóxica que estamos a vivir vai provocar a transformación dos modelos de negocio e das empresas, como está a pasar coa industria financeira: as chamadas FinTech.
Beatriz Mato, directora de Desenvolvemento Corporativo e Sostibilidade de Greenalia, puxo o foco en como as empresas poden ser máis sostibles e á vez máis competitivas.
Pola súa banda, Juan Redondo, Chief Dixital Transformation Officer de Parfois, destacou a importancia do dato dentro das estratexias de dixitalización e transformación, e analizou que necesitan as empresas para converterse en verdadeiras 'compañías Data Driven'.
Todas estas empresas de referencia en Galicia están a transformar o panorama empresarial da comunidade no seu percorrido cara á plena dixitalización, grazas a estratexias como o aproveitamento do dato e a tecnoloxía Big Data, a creación de organizacións Agile con implicación do CEO nos procesos ou o emprego de solucións de Intelixencia Artificial. E onde xogan un papel importante as axudas públicas á innovación e á transformación, como subliñou o Director da área de Competitividade do IGAPE, Norberto Penedo.
En todo este proceso de dixitalización é fundamental acompañar as empresas, de aí a importancia de alianzas estratéxicas con provedores de referencia como R para conseguilo; a través dos seus servizos de cloud, ciberseguridade, IoT, Big Data ou IA R desenvolve novos servizos que lles acheguen solucións de cara a mellorar a súa competitividade, como comentou Isidro Fernández de la Calle, director de Empresas de R, quen se referiu, ademais, ao 5G como outro dos grandes fitos conseguidos e detallou que 'R xa cobre actualmente o 50% de Galicia con esta tecnoloxía e o obxectivo é alcanzar o 70% a peche de ano'.
Isidro Fernández de la Calle: 'R xa cobre actualmente o 50% de Galicia coa tecnoloxía 5G'
O exemplo de Vegalsa e CLUN
Durante a Xornada Tecnolóxica de R puidemos coñecer de primeira man as experiencias transformadoras de Vegalsa e CLUN.
A galega Vegalsa atópase nun proceso de transformación dixital cara a unha organización Data Driven, onde as decisións estratéxicas baséanse na análise dos datos coa idea de satisfacer máis aos seus clientes. Así o poñía de relevo Alberto Iglesias, Responsable Pricing de Vegalsa: 'Os datos convertéronse no novo petróleo. Son xa un dos activos máis importantes na economía mundial'.
Pola súa banda, Javier Cabana, director de TI de CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas) falou sobre a 'Dixitalización en empresas do sector primario e a industria agroalimentaria'. En CLUN apostaron por 'unha infraestrutura de redes e datos que dean resposta ás necesidades de negocio, unha arquitectura de software escalable no tempo e mesmo por facilitar ferramentas de decisión aos socios'.
Todos estes relatorios puideron seguirse en streaming a través do edificio virtual de R 'The Tech Experience'.
Se queres ver de novo a Xornada Tecnolóxica R, pincha aquí: