Hai un ano presentabamos no noso foro galego de ciberseguridade (CyberSec@GAL) o nodo da Xunta CIBER.gal, e agora a Cátedra R en Ciberseguridade colabora e participa dunha maneira activa no primeiro encontro organizado dentro do nodo. E é que queremos seguir traballando, de maneira conxunta, coas institucións privadas e públicas na divulgación de coñecemento e experiencia neste complexo campo.
O mércores 10 e o xoves 11 de novembro estaremos na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela en CIBER.gal, o encontro galego de ciberseguridade dirixido a empresas, cidadanía e administración e que pon en valor a seguridade na contorna dixital.
Ao longo de dúas xornadas, realizaranse talleres, charlas divulgativas e paneis de debate en formato presencial, multisede e híbrido.
O evento constará de catro partes, e nós participamos activamente en: Panel de debate, Reto Cátedra R & Gradiant, Talleres e Premios Cátedra R en Ciberseguridade UVIGO-UDC.
Panel de Debate
Un Panel de debate sobre 'Covid-19 e industria: Cando non queda máis remedio que abordar a ciberseguridade', que se celebra o mércores 10 de 12:50 a 13:40 h, servirá para que expertos no sector compartan a súa visión sobre a situación actual e futura da seguridade nos procesos de fabricación e nos negocios nun contexto marcado pola Covid-19.
- Belén Pérez, coordinadora CCI (Centro de Ciberseguridade Industrial) en Galicia
- David González, COREN Responsable de seguridade da Información
- Armand Pascual, Subdirector da Área de Ciberseguridade Industrial en S2 Group.
- Yago Crespo, Business Information Security Officer (BISO) UFD Distribución Electricidad.
Modera: Susana Rey, Responsable de Privacidade en R
Inscríbete en: https://catedrarciberseguridade.com/cybersec_gl. Selecciona 'Bloque de Actividades destinadas al tejido empresarial'.
Reto Cátedra R & Gradiant
De 15:00 a 19:00 h, momento para o Reto Cátedra R & Gradiant. En que consiste? Creamos varios retos de ciberseguridade para demostrar habilidades e destreza á hora de resolver problemas relacionados coa criptografía, a análise forense, networking ou reversing.
Os retos desenvolveranse en formato presencial e neles poderán participar alumnos de centros galegos de calquera rango de idade ou estudos. Os competidores levarán o seu propio equipo e terán un tempo máximo de 4 horas para solucionar o maior número posible de retos. Os premios aos gañadores entregaranse o xoves 11, coincidindo coa entrega de premios da Cátedra R.
Incríbete aquí https://catedrarciberseguridade.com/cybersec_gl para participar no noso Reto Cátedra R & Gradiant.
Anímate e participa! Á finalización da competición realizarase un sorteo entre os participantes de Huawei Watch GT2 Pro!
Talleres prácticos
O mércores 10 de novembro, entre as 10:00 e as 14:00 h, arrincará en CIBER.gal un taller práctico orientado á detección, identificación e análise de ameazas en redes e aplicacións. Este taller celebrarase en formato multi-sede, con localizacións distribuídas nas tres universidades galegas, institutos de FP e o Gaiás, e está pensado especialmente para estudantes de módulos superiores ou cursos de especialización de FP e estudantes de grao ou másteres universitarios en estudos afíns ás TIC.
Neste taller, os profesores Juan Carlos Burguillo (UVIGO) e Elena Hernández (UDC) realizarán un breve repaso conceptual, a través de casos prácticos, á análise de malware e ás técnicas de detección e eliminación de ameazas usando ferramentas de código libre que os asistentes poderán instalar e/ou probar durante as sesións.
Inscríbete aquí https://catedrarciberseguridade.com/cybersec_gl nos talleres.
Premios Cátedra R
CIBER.gal finaliza o xoves 11 de novembro, ás 13:45 h, coa entrega de Premios Cátedra R en Ciberseguridade UVIGO-UDC a traballos académicos de Grao, Máster e Doutoramento na área de ciberseguridade e no ámbito do SUG (Sistema Universitario de Galicia). Nesta edición, son cinco os traballos galardoados.
- Os premios de Traballo Fin de Grao: 300€ cada premio.
- Os premios de Traballo Fin de Máster: 400€ cada premio.
- O premio ao traballo de investigación en Tese doutoral: 700 €
- 2 premios reto Cátedra R & Gradiant: de 700€ e 300€
CIBER.gal nace para trasladar a persoas, entidades e empresas o coñecemento e a actualidade sobre ciberseguridade e fomentar a creación de talento. Son obxectivos que compartimos en R, traballando e achegando solucións para trasladarvos ás empresas todo ese potencial de coñecemento e preparación mediante a formación continua, a innovación e a investigación na área da ciberseguridade.
Máis información sobre o evento: https://catedrarciberseguridade.com/cybersec_gl