Setembro está ao virar a esquina e con el chega a “volta ao cole”, pero non só para os pequenos da casa senón para todos. Así que, aínda que soe moi duro, hai que poñerse as pilas e seguir ampliando a túa formación para que o teu negocio estea sempre á última
Á hora de facer un curso todos queremos que nos facilite flexibilidade horaria (por iso a formación online é a que mellor se adapta a esta necesidade) e que sexa moi práctico, vaia, que nos sirva para algo.
A continuación indicámosche cinco cursos online que poden resultar moi interesantes para mellorar a xestión da túa empresa sen gastar un peso
Hoxe en día toda empresa necesita dunha páxina web para poder presentar os seus produtos e servizos, así que para empezar podes creala ti mesmo. Wordpress , a plataforma de blogs máis usada no mundo, conta con varios cursos gratuítos sobre temas relativos á creación de blogs. Por outra banda, a plataforma de formación gratuíta de Google, Actívate, tamén dispón dun curso online para aprender a crear a túa propia páxina web. Para poder acceder a Actívate soamente é necesario estar rexistrado en Gmail cunha conta de enderezo electrónico e poderás acceder a todos os seus cursos formativos.
E para manter a páxina web actualizada, é aconsellable ter coñecementos de deseño gráfico para poder editar correctamente todos os elementos que a compoñen. Para empezar podes adquirir coñecementos de Photoshop e Illustrator, dous dos principais programas de deseño gráfico máis utilizados. A páxina de youtube CursosenHD dispón de varios cursos de deseño que resultan moi útiles ao poder verse en vídeo cada paso, o de Photoshop conta con leccións de arredor de 10 minutos. E para aprender a manexar Illustrator a web Crehana ofrece uns varios cursos, pero mellor empezar polo de introdución.
Unha vez que a túa empresa xa ten páxina web estaría moi ben que tivese tenda online, non cres? Pois Actívate de Google tamén ofrece este curso de comercio electrónico para completar así a web do teu negocio.
E xa para que o teu negocio sexa a “repera” podes crear unha app de móbil sobre os produtos e servizos que ofreces. Para iso indicámosche o curso de Actívate ou o de Coursera. Os cursos desta última plataforma son de pago pero pódense realizar gratuitamente unha vez que te rexistres sen obter a certificación de que realizaches o curso.
Unha vez teñas a túa páxina web e app en funcionamento, un curso de márketing dixital non che viría mal e para iso Actívate ensínache as ferramentas básicas do sector tecnolóxico e dixital. Ademais este curso está certificado por IAB Spain.
Con esta oferta de cursos seguro que “a volta ao cole” será máis levadía e entretida e os resultados que obterás despois de realizalos farán que o teu negocio estea sempre á última.
Un saúdo.