O Festival Carballo Interplay (CIP) converterá a localidade coruñesa na capital da cultura dixital global do 4 ao 6 de maio do 2017. O CIP naceu hai catro anos como o primeiro festival de webseries de España e na actualidade é un referente neste sector e segue dando a coñecer novos formatos e contidos dixitais ao público.

O programa de actividades desta edición tinguirá a vila de proxeccións, vídeo conferencias, obradoiros, conversas e debates. Todas as actividades son gratuítas ata completar aforamento, así que xa sabes,se queres asistir tes que estar de primeiro na cola .

Sección oficial

35 webseries de todo o mundo competirán na sección oficial nesta cuarta edición do festival. As seleccionadas para participar no concurso foron escollidas entre 146 webseries que chegaron de diferentes países.

As pezas finalistas proxectaranse en seis bloques, un de versión orixinal en galego, tres internacionais e dous de España ao longo das tardes do festival no Auditorio de Carballo. A temática das webseries é variada, ciencia ficción, drama, thriller, documental, pero o humor e a comedia serán as que predominen como nas anteriores edicións.

O xurado encargado de elixir as webseries gañadoras está integrado pola guionista e xornalista Isa Calderón, coñecida polas súas videoreseñas "Reviews fuertecitas"; o pioneiro en webseries en España, Rubén Ontiveros, e creador de ‘¡Qué vida más triste!’; o director de series de televisión, curtametraxes e videoclips, Javi Camino; a directora e realizadora Giselle Llanio, que actualemente dirixe a serie da CRTVG ‘Pazo de Familia’; e o guionista e xestor cultural Javier Trigales, que traballou en programas como ‘Sé lo que hicistéis’ ou ‘El Intermedio’.

A decisión do xurado darase a coñecer na gala de clausura o sábado 6 de maio ás 21:30 horas no Auditorio de Carballo.

Programa

O programa do festival  está dirixido a todo tipo de públicos con diferentes gustos e idades. Os máis pequenos tamén poderán participar en diferentes obradoiros para ir dando os seus primeiros pasos no mundo do audiovisual.

A muller vai ter un papel destacado grazas á participación das seguintes youtubers: a responsable da canle de ‘Soy una pringada’; a galega que xestiona a canle ‘Percebes y grelos’; e da guionista Isa Calderón.

Expertos en contidos audiovisuais para internet tamén darán a súa visión sobre a profesionalización do sector. Entre eles destacan Mafalda González-Alegre de Flooxer, Borja Prieto e Natalia Flores da axencia creativa Está pasando e Teresa Segura e David Sainz da produtora Different Entertainment.

E moito máis haberá no programa do CIP, así que non o perdas e vai por Carballo a partir do día 4 que vas flipar! .

Ata a próxima!