O xoves 5 de xuño celebrouse na Coruña unha nova edición das Xornadas Tecnolóxicas R. Nesta ocasión, abordouse o tema da ciberseguridade dende as perspectivas doutras "Mentes dixitais".

Nun mundo global onde xa non hai fronteiras, crear contornas ciberseguras converteuse nunha prioridade estratéxica e transversal a todos os niveis: político, social e tamén persoal. Así que as Xornadas Tecnolóxicas, evento dirixido especialmente ao empresariado galego, puxeron o foco nas ameazas dixitais coas que convivimos e fronte ás que debemos estar preparados/as e ser resilientes. Para iso é ineludible dispoñer de información que nos permita superar retos e construír unha sociedade máis avanzada, preparada e madura.

A xornada "Mentes dixitais", celebrada no Miradoiro de San Pedro da Coruña (restaurante "Árbore da Veira"), achegouse á situación xeopolítica mundial e tentou ofrecer algunhas claves para que as empresas poidan moverse nun contexto completamente novo e aínda en proceso de transformación. Para iso contouse coa presenza de Pedro Baños, Coronel de Infantería do Exército de Terra e Silvia Leal, experta internacional en tecnoloxía e tendencias de futuro.

Alfredo Ramos, director de R e de MASORANGE en Galicia (Premio Enxeñeiro do Ano 2024 polo COETG), inaugurou o acto situando ao auditorio neste contexto da ciberseguridade como fundamento e clave do funcionamento actual de calquera empresa.

xornadas tecnoloxicas R pedro banos

De seguido interveu o primeiro invitado das Xornadas de 2025, Pedro Baños, Coronel de Infantería do Exército de Terra (na reserva) para analizar, entre outros temas, de que maneira actores estatais e non estatais utilizan o ciberespazo como ferramenta de presión, influencia e/ou sabotaxe.

Tamén se detivo no relato de como a fragmentación do poder internacional e a crecente rivalidade xeopolítica están a xerar novas ameazas cibernéticas. O relatorio de Baños ofreceu unha visión estratéxica sobre os riscos máis relevantes no ámbito dixital e plantexou recomendacións clave tanto para institucións públicas como para empresas privadas, coa finalidade de reforzar a súa resiliencia neste escenario incerto e cambiante.

xornadas tecnoloxicas R 2025 silvia leal

Posteriormente, conducida por Susana Rey Baldomir (membro da Oficina de Privacidade e IA de R), desenvolveuse a charla de Silvia Leal, experta internacional en tecnoloxía e tendencias de futuro, que falou sobre os principais riscos en materia de ciberseguridade que lles ameazan ás empresas no actual contexto tecnolóxico. Dende ciberataques sofisticados ata a falta de cultura dixital, Leal ofreceu unha visión estratéxica sobre como anticiparse ás ameazas e converter a ciberseguridade nunha vantaxe competitiva.

Ao final do evento, entregouse o II premio aleluIA á multinacional Parfois pola súa innovadora integración da Intelixencia Artificial coa intelixencia humana na toma de decisións do negocio.

Este galardón, que se outorgou por primeira vez nas Xornadas Tecnolóxicas R do ano pasado, distingue proxectos onde se achega un plus de creatividade e espírito innovador á hora de aplicar a tecnoloxía.

As Xornadas Tecnolóxicas R convertéronse, un ano máis, nun foro de debate especializado no que empresas e especialistas analizan temas, tendencias e desafíos que marcan o noso presente e o noso futuro. Nesta edición, a gran protagonista foi a ciberseguridade.