R vén de celebrar unha nova edición das súas Xornadas Tecnolóxicas R; esta vez, no Miradoiro de San Pedro da Coruña e coas "Intelixencias", humana e tecnolóxica, como grandes protagonistas.

Máis de 110 profesionais acompañáronnos nunhas Xornadas R que se celebran anualmente e xa se consolidaron como evento de referencia onde se reúnen empresas de Galicia e destacados/as expertos/as en temas xeopolíticos e tecnolóxicos para analizar e compartir ideas, tendencias e retos.

Nesta ocasión abordouse o tema das "Intelixencias" e a súa dualidade; é dicir, a integración das dúas intelixencias, a humana e a artificial, o cal supón un potencial sen precedentes para afrontar os desafíos do futuro. A clave pasa por encarar o mañá dispoñendo da información necesaria para superar eses retos e construír unha sociedade máis avanzada, madura e preparada a todos os niveis.

Alfredo Ramos, director de R, foi o encargado de inaugurar o evento, reiterando a importancia deste foro como espazo de reflexión e xeración de novas ideas.

Joaquín Almunia: os desafíos da axenda internacional

xornadas tecnolóxicas R joaquin almunia

Tras a intervención de Ramos, Joaquín Almunia, exministro e exvicepresidente da Comisión Europea, valorou na súa charla -"Os cambios xeopolíticos e económicos que se aveciñan: Impacto nas nosas organizacións"-, os retos que nun futuro próximo viviremos no escenario económico e xeopolítico global. Nun mundo cada vez menos previsible, os desafíos marcarán a axenda internacional.

O conflito entre Israel e Palestina, as próximas eleccións en EE.UU., a transición ecolóxica e o poder das grandes tecnolóxicas son algúns dos temas sobre os que reflexionou Joaquín Almunia.

Andrés Pedreño: por que a IA é decisiva para o futuro das empresas

xornadas tecnoloxicas pedreño

A continuación, Alberto Díaz, responsable de IA y Data de R, falou co catedrático de Economía Aplicada e experto en Intelixencia Artificial Andrés Pedreño, quen reflexionou sobre "Por que a IA é decisiva para o futuro das empresas".

Partindo de que Europa sofre actualmente un gran déficit en IA, integrala en todas as funcións empresariais suporá unha auténtica revolución, dende a automatización ata o incremento da produtividade ou a experiencia de cliente. E representa unha nova maneira de enfrontar os grandes retos da humanidade nas empresas e na sociedade.

Pedreño chamou a experimentar, a asumir riscos e a erradicar o medo á IA, xa que esta nunca decide sobre un dereito fundamental; sempre contará cunha supervisión e regulación humana.

Tamén se referiu aos modelos conductais e aos procesos de democratización da IA que son necesarios para conseguir que sexa accesible a todas as empresas e corporacións.

Premio aleluIA: recoñecemento á innovación empresarial en Galicia

xornadas tecnolóxicas R convocatoria

Ao final do acto entregouse o premio aleluIA, un novo certame que quere distinguir proxectos cun plus de creatividade e espírito innovador á hora de aplicar a tecnoloxía en Galicia.

Nesta primeira edición, a gañadora foi a empresa galega de automoción Pérez Rumbao, onde a industrialización e os avances tecnolóxicos xogaron un papel determinante nos seus xa máis de cen anos de traxectoria.

Un ano máis, as Xornadas Tecnolóxicas R supuxeron un lugar de encontro no que falar sobre economía e tecnoloxía ante os desafíos que teñen por diante as nosas empresas e o conxunto da sociedade.