En R vimos de celebrar unha edición máis das nosas Xornadas Tecnolóxicas, nesta ocasión tituladas 'O teu futuro decídelo hoxe, súmate ao efecto dixital'.
Un encontro exclusivo no que falamos do novo modelo produtivo e de negocio derivado dos acontecementos vividos estes dous últimos anos e onde se lanzaron propostas ante os novos desafíos económicos e sociais.
O evento celebrouse o xoves 9 de xuño no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, ante un auditorio de profesionais e responsables de empresas reunidos/as para escoitar a expertos de varios sectores directamente relacionados coa economía e a tecnoloxía, encabezados polo catedrático economista Santiago Niño-Becerra e o especialista en Metaverso Roberto Romero.
R, tecnoloxía e proximidade
O Director de R, Alfredo Ramos, presentou a xornada reivindicando a importancia da tecnoloxía para afrontar novos retos e o valor de facelo, ademais, sen perder nin ápice do noso compromiso firme con Galicia, dende a proximidade e o acompañamento ás empresas da contorna nos desafíos diarios.
Esta segue sendo unhas das claves na nova etapa que agora comeza para R e na que se aposta por proxectos como a expansión da rede fibra MAX, a Intelixencia Artificial, o móbil avanzado para grandes empresas ou as melloras en servizos de nube híbrida. Todo iso sen mingua da excelencia dos nosos servizos e co fin último de devolver a esta terra a confianza que nos brindou ao longo de máis de dúas décadas.
Santiago Niño-Becerra e o novo escenario global
Tras el, o Catedrático Emérito da Universidade Ramón Llul e experto conferenciante Santiago Niño-Becerra ofreceu o seu particular e detallado debuxo do panorama socio-económico no que estamos inmersos despois de dous anos de crise sanitaria e económica a nivel mundial.
Na súa charla 'Un probable escenario', Niño-Becerra relatou a súa visión sobre unha economía na que nada será igual porque chega unha transición total cara un novo modelo no que deben coexistir varias xeracións con graos diferentes de cultura dixital ata chegar á chamada xeración 'alfa', absolutamente dixital e que xa non terá referencias coas que facer comparacións.
Niño-Becerra fixo fincapé nos dous factores básicos que se atopan tras os cambios: a tecnoloxía como motor de cambio e a nova orde mundial que empezou a configurarse tras a entrada de China na OMC e o seu imparable crecemento económico a escala mundial.
Neste contexto, deu un repaso a temas como a innovación, a fabricación avanzada, a loxística intelixente, a eficiencia enerxética, a sustentabilidade ou a resiliencia.
A experiencia transformadora de Applus +
Tras el, o responsable tecnolóxico e de dixitalización de Applus +, Ramón María Rincón, detallou a experiencia transformadora que a súa empresa está a levar a cabo no día a día para adaptarse ao novo escenario económico e empresarial.
Roberto Romero e o Metaverso
De seguido chegou a quenda de Roberto Romero, experto tecnólogo e especialista no denominado fenómeno do Metaverso, un universo futuro no que se poderá interactuar cos clientes e as clientas e favorecer a venda de produtos reais e virtuais.
O Metaverso non é un hardware nin unha plataforma; será unha rede, a evolución da internet; é dicir, o ciberespazo evoluciona a metaverso. E nel destaca o papel do usuario e as súas catro características principais: identidade ou quen é legalmente; personalidade ou como se presenta na rede; transaccionabilidade económica e de datos; e inventario, onde almacena os datos.
Durante a súa charla 'Unha viaxe incrible: do ciberespazo ao Metaverso' Romero esbozou as oportunidades que este inminente espazo virtual ofrece para negocios e empresas, tales como crear comunidade, visibilidade de marca, exposición de produto e compromiso.
Mesa profesional para compartir estratexias empresariais
O programa das Xornadas Tecnolóxicas deste ano completouse coa mesa profesional 'Os cambios que chegan: está a túa empresa preparada?', moderada por Ana Abelenda, xornalista de La Voz de Galicia.
Nela participaron, ademais de Niño-Becerra e Roberto Romero, o director de Empresas de R, Isidro Fernández de la Calle, o CIO de Luckia, Manuel Díaz, e Antonio Rodríguez del Corral, Presidente do Clúster TIC Galicia.
Están preparadas as empresas para abordar os cambios que se están producindo na orde mundial? Os participantes no coloquio analizaron posibles estratexias ante este novo panorama e o impacto real dos fondos e axudas europeas para paliar problemas inherentes á nova conxuntura.
As Xornadas Tecnolóxicas 'O teu futuro decídelo hoxe, súmate ao efecto dixital' serviron para poñer en común claves que poidan axudar as empresas galegas a adaptarse, reinventarse e prepararse de cara aos cambios futuros, coa tecnoloxía como protagonista esencial no proceso.
Pincha aquí se queres ver un resumo das Xornadas Tecnolóxicas:
Como sabedes, en R posicionámonos tamén como unha empresa referente no sector en políticas de xestión ambiental. Na nosa firme aposta pola sostibilidade, nestas Xornadas Tecnolóxicas minimizamos a xeración de residuos, evitando utilizar papel e plástico, reducindo o consumo de electricidade e limitando o uso de vehículos para o transporte de persoas e materiais.
Ademais, compensaremos as emisións de carbono que non se puideron evitar no evento colaborando activamente na plantación de árbores autóctonas en leiras custodiadas pola asociación Quercus Sonora na comarca da Ulloa (Lugo).
Se queres saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas, subscríbete ao noso boletín ou contacta co equipo da área comercial empresas.