Os Xemelgos Dixitais (ou Dixital Twins) consolídanse como unha das tecnoloxías máis prometedoras e revolucionarias. Pero que son exactamente e cales son as súas utilidades?
Un Xemelgo Dixital é unha réplica virtual idéntica, e en tempo real, dun elemento, proceso ou sistema. Trátase dunha representación dixital dinámica e viva que se actualiza constantemente con datos recompilados de sensores situados no mundo físico real.
A súa capacidade para simular, analizar e predicir o comportamento dos sistemas físicos converte aos Xemelgos Dixitais nunha ferramenta tremendamente útil. Permite previr problemas ou riscos, experimentar novas funcionalidades sen poñer en xogo a actividade habitual ou anticiparse ás necesidades e estar preparados/as para picos de demanda.
Aínda que o concepto xurdiu hai décadas, é agora cando a súa presenza na industria aumentou máis dun 70 %, especialmente grazas ao desenvolvemento doutras tecnoloxías que o sustentan, como o IoT e a IA.
Compoñentes dun Xemelgo Dixital
Un Xemelgo Dixital estándar consta de tres elementos imprescindibles:
• Físico: o elemento do mundo real que se replica.
• Virtual: o xemelgo virtual, a réplica dixital xerada con esta tecnoloxía.
• Datos: recompílanse no mundo físico e replícanse no xemelgo virtual para reflectir fielmente a realidade.
Xemelgos Dixitais e IoT (Internet das Cousas)
E como se recompilan os datos reais para seren replicados no Xemelgo Dixital? A través de sensores e dunha infraestrutura baseada, fundamentalmente, en IoT (Internet das Cousas).
Os sensores IoT instálanse nos activos, máquinas, edificios ou sistemas que se desexan replicar. Son os encargados de medir e rexistrar múltiples parámetros como datos de rendemento (temperatura, presión ou consumo de enerxía), datos ambientais (luz, humidade) ou mesmo datos de localización.
Unha vez recompilados, os datos deben ser transmitidos ás plataformas cloud ou servidores locais nos que se almacenan e procesan. Para iso, utilízanse redes cableadas, redes sen fíos e protocolos de comunicación optimizados para a comunicación entre dispositivos IoT.
Xemelgos Dixitais e Intelixencia Artificial
Para a xestión dos datos, os Xemelgos Dixitais utilizan tecnoloxías como o Machine Learning e a Intelixencia Artificial, capaces de analizalos, identificar patróns e xerar predicións valiosas.
A IA é fundamental porque lle permite ao Xemelgo Dixital optimizar as súas operacións de forma autónoma. Sen IA, o Xemelgo Dixital é unha simple réplica estática que mostra datos; ao engadir IA, convértese nunha ferramenta dinámica e preditiva.
Aplicacións e beneficios dos Xemelgos Dixitais na industria
Son moitos os sectores que están a experimentar e probar tecnoloxías de Xemelgo Dixital polo seu gran potencial e versatilidade.
No ámbito da Industria 4.0, os Xemelgos Dixitais permiten optimizar a produción e mellorar a eficiencia sen interromper a produción real.
Tamén resultan útiles para o mantemento preditivo. Antes de que unha máquina falle, o Xemelgo Dixital pode predicir cando necesitará mantemento baseándose nos seus datos de rendemento, reducindo así custos e minimizando o tempo de inactividade.
No sector enerxético serven, por exemplo, para controlar en remoto en tempo real a necesidade de enerxía.
No ámbito das vendas as empresas poden detectar e adiantarse ás demandas cambiantes do mercado e ás preferencias concretas dos clientes.
Tipos de Xemelgos Dixitais
De maior a menor complexidade, máis xenéricos ou máis especializados, hai Xemelgos Dixitais para cada necesidade.
• Xemelgo de compoñente (Component Twin). É o tipo máis sinxelo de Xemelgo Dixital: unha réplica dunha única parte dun obxecto ou sistema que serve para monitorear e analizar o rendemento dalgún compoñente específico.
• Xemelgo de activo (Asset Twin). Combina varios compoñentes individuais para crear unha réplica dun obxecto completo. Permite analizar o comportamento en conxunto e como interactúan as súas partes.
• Xemelgo de sistema (System Twin). Replica un sistema completo e todos os seus compoñentes. Con el pódense optimizar as relacións entre elementos e prever o resultado final.
• Xemelgo de proceso (Process Twin). É o tipo máis avanzado de Xemelgo Dixital. Fai posible visualizar e optimizar fluxos de traballo, identificar ineficiencias e mellorar o rendemento xeral.
Os Xemelgos Dixitais funcionan como nexo tecnolóxico entre mundo físico e dixital. Para continuar a súa expansión resulta fundamental que os sensores sexan cada vez máis alcanzables e con maior capacidade de procesamento. E tamén se necesita unha boa conectividade e infraestrutura de rede, como a que vos ofrecemos en R, capaz de responder ás necesidades de tecnoloxías disruptivas que lles axuden ás empresas galegas a ser máis eficientes e competitivas.
Se queres saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas, subscríbete ao noso boletín ou contacta co/a teu/túa asesor/a persoal ou co noso equipo da área comercial empresas a través do seguinte formulario. E para estar ao día das últimas noticias síguenos en LinkedIn.
