En R comezamos a ter o primeiro contacto co concello de Vimianzo como provedor no 2014. Hoxe en día conta xa con todos os nosos servizos: telefonía fixa e móbil, internet de alta capacidade e xestión de datos. É un dos casos de éxito nos que, ademais de aforro, se desenvolveu unha infraestrutura que permite ao Concello ser punteiro en materia de tecnoloxías da comunicación. Falamos co seu alcalde, Manuel Antelo, do camiño percorrido.
O proxecto inicial
Antelo lembra como R se converteu no provedor integral de telecomunicacións do concello de Vimianzo en 2016, a raíz dun concurso público.
Ese cambio supuxo para a alcaldía “un aforro moi importante” con respecto ao que pagaban antes. En concreto, Antelo sitúao “arredor do 50%”. Pero ademais, pasaron a ter “mellores solucións”, en canto que “a oferta presentada por R deu solución ás nosas necesidades: mobilidade e acceso aos datos”.
Mellores servizos
Grazas a estas solucións, Manuel Antelo explícanos que agora teñen “unha intranet propia que nos permite interrelacionar departamentos do Concello”. Grazas ao servizo de VPN tamén “están conectadas diferentes sedes” e cumpriron unha das súas necesidades, “o teletraballo, podemos acceder á documentación que todos os días utilizamos no Concello”.
Calidade
Falando da percepción do servizo prestado por R, o alcalde coméntanos que para el se trata “dun servizo integral para unha sociedade moderna, de calidade tanto nas solucións como no soporte e no resultado dos mesmos”.
Dito contrato respondeu a un servizo integral composto por telefonía móbil e fixa, internet, servidores e VPN para conectar sedes entre elas e acceder de xeito remoto á información e á rede do Concello. Colocando a Vimianzo no cume da implantación tecnolóxica a nivel da Administración Pública.
Adiantarse aos tempos
Segundo o rexedor de Vimianzo, unha das súas prioridades era a automatización de procesos non só entre departamentos, senón tamén de cara á cidadanía. Xa en 2016 nos falaban da necesidade de facer os trámites habituais telemáticos.
Ao respecto comenta Antelo que “no Concello de Vimianzo adiantámonos á lei da administración electrónica. Xa nos primeiros contactos con R queriamos implantar a infraestrutura telemática para poder facer todo o traballo e a tramitación electrónica”.
O Concello do futuro
Deste xeito, un cidadán de Vimianzo ten acceso ao Concello as 24 horas do día e pode presentar documentación ou iniciar trámites dende calquera recuncho do mundo.
Tras contemplar as necesidades do Concello, botouse a andar unha solución integral que supervisamos de xeito constante e coidamos ata os pequenos detalles. Grazas a isto, confirma o alcalde da vila, “coas ferramentas actuais estamos en condicións de atender as necesidades dunha sociedade que foi avanzando”. Hai que ter en conta que, como cidadáns, hoxe non demandamos o mesmo que hai tres ou cinco anos, pois as novas tecnoloxías “cambiaron totalmente a relación entre administrados e Administración”. Ademais, Manuel Antelo ten claro que é necesario estar preparado para o futuro porque “máis que van cambiar!”.