Sabedes que no 2021 o investimento en publicidade dixital superou os 4.000 millóns de euros só en España? É un incremento superior ao 30% respecto ao ano anterior e reflicte a importancia dunha actividade na que as empresas vos estades envorcando pola súa alta rendibilidade e eficacia.
E neste ambiente de continuo cambio e transformación que estamos a vivir, a publicidade dixital tamén se adapta e actualiza para conseguir o seu obxectivo principal: chegar ao usuario.
Abordamos algunhas das principais tendencias que na actualidade atopamos no mercado publicitario dixital.
Márketing de influencers
O márketing de influencers segue en forma. Contratar persoas coñecidas para que publiciten un produto xera recoñecemento e comunidade.
O máis difícil é acertar co influencer adecuado ao que queredes vincular o voso produto, e niso poden axudarvos as numerosas axencias especializadas que existen. Porque os influencers evolucionaron e profesionalizáronse; agora xa non só poñen a súa imaxe senón que en moitos casos mesmo son os creadores de contido orixinal ou quen xestiona as tendas virtuais. Dende o 1 de xaneiro de 2021, existe un código sobre o uso de influencers na publicidade.
Apelar ás emocións
A publicidade emocional conecta máis e mellor co público. Xera un sentimento de proximidade e confianza que se traduce nunha maior simpatía cara á marca. Así, hoxe gustan os anuncios que asociamos coa morriña, o afecto, a proximidade, a solidariedade ou os soños.
Ademais, poñer cara e mesmo nome e apelidos aos protagonistas das campañas achegan a marca ao potencial consumidor.
Contar unha historia
Outra tendencia de moda en publicidade dixital é o storytelling ou contar historias.
As historias unen, inspiran e motivan e é unha maneira moi efectiva de xerar comunidade. Por certo, é importante que a historia esperte interese pero tamén que sexa coherente coa imaxe e a identidade corporativa da empresa.
Live Shopping
Baséase en vídeos gravados en directo nos que se combina a información sobre o produto ou servizo con toques de entretemento para que resulte atractivo ao usuario. A idea é que queden espontáneos, naturais e cribles.
Gamificación
Pode resultar estraño, pero darlle un punto lúdico e enfocar case como un xogo anuncios de produtos ou servizos que nada teñen que ver con este enfoque xera unha percepción máis positiva por parte dos usuarios.
Triunfa o vídeo
O vídeo segue sendo o rei dos formatos dixitais. Son capaces de atraer a atención dos usuarios e entreteñen ou informan, o que necesites, porque contan con inmumerables posibilidades. Consello: que sexan curtos, orixinais e de calidade pero non moi complexos para facer sinxelo e doado o visionado.
O alcance multiplícase exponencialmente se facedes campaña simultaneamente en varias redes ou canles, pero non esquezades que debería adaptarse ás características e tipo de usuario de cada plataforma.
En paralelo ao triunfo dos vídeos vemos acrecentarse a popularidade de plataformas nos que son os protagonistas, como Tik Tok, que xa suma preto de 690 millóns de usuarios activos ao mes en todo o mundo, ou os Reels de Instagram, espazos aos que cada vez recorren máis empresas para difundir os seus produtos, especialmente se van dirixidos a un público novo.
Crear podcasts
Están a funcionar moi ben empuxados pola maior calidade e carácter especializado coa que se asocian os seus contidos. O recordo de marca é superior ao doutros formatos e os seus anuncios tamén convencen máis.
Ademais, a mobilidade actual e a posibilidade de ser reproducidos en diferentes soportes convértenos nun formato idóneo para consumir dende múltiples localizacións, cando esteas a desprazarte ou nalgunha espera.
Programas de afiliación
Conseguir un cliente é difícil pero conservalo aínda o é máis. No momento actual hai que lle ofrecer ao usuario algo diferente a outras marcas: maior personalización, máis orientación aos seus intereses concretos ou necesidades. Neste sentido, os programas de afiliación de clientes son ideais para propoñerlle vantaxes especiais, xerar comunidade e manter unha relación fluída.
Novos escenarios: realidade virtual e Metaverso
Tamén aparecen novas posibilidades como a realidade virtual e o Metaverso, un espazo dixital virtual no que ademais de ver anuncios coas lentes de realidade aumentada poderás comprar, viaxar ou ir a un concerto e no que xa están a realizar campañas exitosas algunhas marcas.
Televisión conectada
Tamén a chamada televisión conectada -calquera televisión que se poida conectar a internet- continúa explorando formatos e oportunidades. Os seus principais valores radican nas súas segmentacións precisas, mensaxes personalizadas e na súa capacidade de interactuar co usuario a través de formatos como o pre-roll interactivo ou o vídeo in-stream.
Doutra banda, convén lembrar que as novas formas de chegar ao cliente a través do Branded Content ou de seguir achegándose a el a través de fórmulas reinventadas de publicidade exterior ou comercio electrónico ofrecen grandes posibilidades.
Neste contexto de cambios vertixinosos, tamén está por ver como lle afectará á publicidade a eliminación das cookies de terceiros prevista para 2023.
E non esquezamos o poder dos datos. Os resultados estatísticos que achegan as plataformas actuais, sumados ás posibilidades de solucións tecnolóxicas como a Intelixencia Artificial, puxeron sobre a mesa a importancia da información á hora de xestionar campañas.
Saber que está a funcionar, que anuncios xeran máis interacción e máis likes ou coñecer a localización e a idade dos potenciais usuarios representan un gran bagaxe á hora de expor e lanzar campañas.
Porque non é indispensable un gran investimento para conseguir unha campaña de publicidade eficaz; a clave está en elaborar unha estratexia acorde co voso produto e potenciais clientes.
Coñece máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas subscribíndote ao noso boletín ou contactando co equipo da área comercial empresas.