Parástesvos a pensar cantas apps tedes instaladas no voso teléfono móbil? Imaxinádevos agora que con só unha app poidades, por exemplo, realizar unha reserva nun establecemento hostaleiro, xestionar as citas médicas ou facer unha transferencia bancaria. Pois esa sería unha superapp.
As superapps son un novo modelo dixital de aplicacións "todo nun" que reúnen nunha mesma plataforma, de maneira simultánea, os diferentes servizos que necesitamos.
Constrúense como plataformas integradas por miniaplicacións modulares que se activan de forma progresiva para conseguir superaplicacións ampliadas e personalizadas que se poden axustar ás necesidades específicas de cada un/unha.
É unha maneira de simplificar e unificar ese acceso aos múltiples servizos dixitais que agora se realiza mediante diferentes apps.
E non esquezamos que as aplicaciónsse converteron nunha ferramenta de uso moi habitual para a xestión rápida das nosas actividades cotiás dende un dispositivo móbil. De feito, segundo “iResearch Industry Overview”, o mercado mundial das apps superará os 930.000 millóns de dólares ao longo deste ano 2023.
As superapps máis populares e as que están por chegar
Así que non é de estrañar que as chamadas superapps estean a atopar o seu lugar nun mundo cada vez máis dixitalizado.
Con todo, fano de forma desigual: xa parecen consolidadas en América Latina ou Asia, mentres que en Europa a súa presenza é aínda moito máis limitada.
En China naceu a considerada superapp por excelencia, WeChat, inicialmente como unha aplicación de mensaxería e que agora xa permite facer a compra en liña, pedir comida a domicilio ou reservar entradas para un concerto.
Grab é outro exemplo de superapp exitosa; neste caso, centrada no ámbito financeiro. Permite dende pagar un hotel a solicitar un préstamo.
E en América Latina destacan superapps como Rappi, a través da que podes chamar un taxi ou pagar impostos, ou OMNi, que lles dá cabida a todo tipo de servizos médicos.
En Europa e en España, como vos dicimos, aínda están menos consolidadas. As máis populares: Glovo, Cabify, Deliveroo, Uber ou Bolt, que non son estritamente superapps pero si se consideran apps multiservizos e todas están, como vedes, vinculadas ao reparto e á mobilidade.
En canto á administración pública, a plataforma eAgora agrupa nun só espazo todas as funcionalidades municipais e xa está a ser utilizada por máis de 40 concellos en España.
Doutra banda, empresas como Microsoft preparan a súa propia superapp, que incluirá opcións de compra, procuras, noticias ou servizos de mensaxería. E Elon Musk, tras mercar Twitter, anunciou a creación dunha aplicación ‘todo nun’ chamada "X".
Así que, malia ser aínda unha das chamadas tecnoloxías emerxentes, que está abrindo camiño pero á que lle falta madurar, xa podemos enumerar algúns dos seus beneficios para usuarios/as e empresas.
Vantaxes para o/a usuario/a:
- Navegación máis rápida e fluída xa que as superapps caracterízanse por posuír unha interface de uso áxil, sinxela e intuitiva.
- Liberación de espazo no voso dispositivo móbil, xa que só necesitades descargarvos unha única app e, a pesar de ser moi completa, non adoita pesar moito.
- Comodidade e rapidez, pois accededes a unha única app, xa coñecida, para facer as diferentes xestións. A curva de aprendizaxe necesaria é menor e tamén o tempo que se debe investir niso.
- Seguridade e confianza, porque só unha app conta cos vosos datos.
- Acceso a novos servizos dixitais. Quizais nunca vos descargariades unha app para reservar un voo pero seguramente si o faredes se vedes a opción na mesma superapp que xa usades habitualmente.
Vantaxes para as empresas:
- Identidade e imaxe visual máis atractiva e moderna.
- Centralización de datos sobre preferencias, gustos, necesidades e hábitos de consumo dos/as clientes/as.
- Incremento do alcance de servizos e prestacións para os/as usuarios/as.
- Agrupación de usuarios/asque usaban apps diferentes.
- Maior capacidade de personalización tanto para o/a usuario/a como para o/a responsable da superapp, xa que se pode elixir que miniaplicación usar ou poden engadirse e eliminarse as miniaplicacións que a integran.
- Optimización do investimento e aforro en custos de desenvolvemento das vosas solucións dixitais empresariais, ao concentrar esforzos e recursos nunha app e non dispersalos en varias pensadas para usos diferentes e específicos.
En resumo, as superapps sitúannos ante un mundo dixital no que a través dunha única plataforma podemos acceder a todos os recursos e servizos que necesitamos gañando en tempo, comodidade e seguridade.
Se queres saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas, subscríbete ao noso boletín ou contacta co teu asesor persoal ou co noso equipo da área comercial empresas a través do seguinte formulario.