O diplomático, ex ministro de Asuntos Exteriores de Israel e historiador, Shlomo Ben Ami, foi un dos expertos que participou nas Xornadas Tecnolóxicas R 2023. Con el falamos sobre os cambios tecnolóxicos que lle afectan ao panorama mundial e os desafíos da diplomacia nunha era tecnolóxica marcada pola Intelixencia Artificial.
- Na desorde xeopolítica mundial actual, que grao de influencia ten a tecnoloxía?
Creo que a tecnoloxía ten unha influencia abafadora. Hoxe a cuestión non é cantos tanques ten EE.UU. ou cantos ten China; hoxe ten máis que ver co control da industria dos semiconductores, dos chips.
Ultimamente Huawei estivo bloqueada porque EE.UU. presionou os seus aliados para non transferir tecnoloxías de 5ª xeración a China. Hai un par de semanas, houbo un punto de inflexión, ao ser quen de introducir os seus propios semiconductores nos seus smartphones. Isto representa unha influencia importante para independizarse das sancións americanas, algo que preocupa os chineses.
Ven que EE.UU. utiliza as sancións económicas como estratexia para frear a Rusia en Ucraína e temen que mañá o fagan contra China. Para China as sancións serían moito mais dolorosas, xa que Rusia non está na globalización e China, en cambio, si. É por iso que China inviste masivamente na industria de semiconductores e entraron nunha carreira brutal en cuestións de enerxía renovable, que tamén é moi tecnolóxica.
- Que papel xogan as empresas? Teñen máis poder que os estados? E cal é a relación das empresas cos estados?
O sistema ten que vir dende a educación, dos colexios, a través de investimentos dos gobernos.
Isto non quere dicir que as iniciativas non teñan que vir tamén das empresas. Pero, imaxínanse Sillicon Valley se non fose polos investimentos do goberno americano na Nasa? Ou sen o investimento americano multibillonario en industrias militares avanzadas? Imaxinábanse vostedes que Israel sería hoxe o país do mundo con maior número de startups na bolsa de Nova York só por detrás de EE.UU.?
De onde vén todo isto? Da iniciativa da empresa? En parte si, pero tamén en gran parte do investimento do goberno en tecnoloxías avanzadas e en I+D. Non hai que esquecer o papel dos gobernos centrais, que deben ter esa capacidade de crear a infraestrutura do desenvolvemento dixital e tecnolóxico.
• Como pode a tecnoloxía axudar as empresas a desenvolver o seu potencial en mercados internacionais?
Hai varios tipos de economía. Unha é a economía do pasado que persiste, como o turismo, que sempre existiu, pero non é unha economía tecnolóxica.
E todos os países que teñen materias primas son países pobres, como Nixeria, unha potencia do petróleo.
Para os que non teñen materia prima, a alternativa é investir na xente, na calidade humana e na tecnoloxía. Para a tecnoloxía non necesitas materia prima, necesitas cerebro. Por iso, EE.UU., países europeos ou Israel están a avanzar na tecnoloxía, porque non teñen outra cousa.
Shlomo Ben Ami: "Para os países que non teñen materias primas, a alternativa é investir en tecnoloxía"
- Que pode facer unha rexión como Galicia, coa súa potencialidade, neste contexto global actual de “montaña de dólares”? Que medidas concretas pode tomar?
Que R poida adquirir unha empresa con máis capital ou que entre como socio ou accionista non é completamente imposible.
Requírese capital e capital humano; e aquí hai capital humano. Tamén hai que lle esixir responsabilidades ao goberno central.
Hai uns meses houbo unha reunión da OTAN con empresas de seguridade de defensa europeas. A ministra española non acudiu como protesta lexítima porque non convidaran a ningunha empresa española. E isto é responsabilidade do goberno español: que a personalidade da súa industria avanzada sexa recoñecida e non ignorada nun foro tan importante como o da OTAN.
Isto salpica a Galicia e a calquera rexión española; se o país non foi tratado como igual nun foro internacional e levou unha ministra para boicotealo, iso lle afecta á imaxe da industria avanzada en España. É difícil para calquera rexión española actuar nun baleiro.
Non esquezamos que unha soa persoa, un “tolo” con capacidade de liderado e que poida mover montañas, cuxa enerxía estea centrada na dixitalización da rexión galega, o pode conseguir.
Falo da experiencia israelí con Yossi Vardi; aquel “tolo” que dixo que Israel tiña que ser unha potencia de alta tecnoloxía e ninguén llo cría porque faciamos tomates e laranxas.
Non é imposible poñer presión sobre os gobernos centrais, sobre as empresas. Ter capacidade de integrar cousas que xa existen e de procurar as oportunidades das que un pode facer algo novo.
• Podería contarnos algún caso de éxito tecnolóxico en Israel que sexa extrapolable a empresas galegas?
Eu creo que a clave está nos intercambios. Non é necesario inventar a roda; gran parte do que se require existe xa e pódese compartir.
Shlomo Ben Ami: "O futuro está na innovación, non no petróleo"
É importante a colaboración no mundo da alta tecnoloxía. En Israel, o 60 % da exportación do país é alta tecnoloxía. E iso prodúceo unha parte moi pequena do mercado laboral porque non require un exceso de man de obra.
Eu penso que se podería colaborar máis. Porque o futuro está na innovación, non no petróleo, aínda que siga un tempo.
Israel ten unha certa vantaxe e é que, a diferenza de España, ten unha industria militar hipersofisticada moi importante. Non falo de produción de canóns e tanques, senón de ferramentas tecnolóxicas que che dan vantaxe sobre o inimigo. Esas ferramentas desenvolvidas polo exército despois aplícanse e adáptanse ao mundo civil.
Por exemplo, en Silicon Valley, as empresas americanas beneficiáronse dos investimentos masivos que EE.UU. realizou na industria espacial. De aí viñeron moitas das innovacións que logo se adaptaron á industria civil.
Agora, Alemaña acaba de investir unha suma moi importante en mísiles contra mísiles. Aqueles que hoxe traballan nesa tecnoloxía, mañá pasan á industria civil e fan outras cousas baseadas nesas tecnoloxías.
• A ciberseguridade é, na actualidade, un dos temas que máis lles preocupan ás empresas, sexan locais, nacionais ou internacionais; cales son os perigos e os desafíos aos que se enfrontan?
Si, a ciberseguridade é a guerra destes días. Imaxino que ocorre en España tamén; aquí cada día hai decenas de miles de ataques cibernéticos que son parados.
Hai dous tipos de ciberdelitos: defensivos e ofensivos. En ambos os dous, Israel está ben posicionada. E seguro que hai avances tamén en España; países que teñen boa relación poden compartir estes coñecementos.
- No desenvolvemento tecnolóxico das últimas décadas vivíronse unhas soadas burbullas que provocaron impacto nas economías das principais potencias e, por efecto rebote, no resto do mundo. Hai risco dunha burbulla respecto ás tecnoloxías hoxe en día?
Na década de 2000 houbo unha burbulla de empresas de alta tecnoloxía, que foi a maior crise.
Hoxe fálase menos disto e máis de certa recesión que provén dunha falta de investimentos a través de todo o mundo.
No propio Israel, este ano houbo unha redución do 60% en investimentos de capital risco. Un país que proxecta estabilidade política e seguridade xurídica atrae investimentos. Cando non hai esa sensación, hai menos investimento.
Creo que isto é algo conxuntural e non necesariamente unha burbulla parecida ao colapso do ano 2000.
• Cales son os grandes retos da diplomacia internacional na actual era de transformación tecnolóxica e dixital?
O reto é atopar ou articular unha diplomacia capaz de controlar o armamento cando este é invisible. Porque isto é unha nova era.
A guerra nuclear entre as grandes potencias era unha “era de paz” porque existía un equilibro. Pero, cal é o equilibrio nunha era cibernética? É moi difícil de definir. Cando Putin interveu nas eleccións en EE.UU., igual non o fixo o goberno ruso, senón algún grupo de hackers. Como o controlas?
A arma é unha computadora, non unha central nuclear. E é aí onde temos que poñer as nosas enerxías, en inventar a diplomacia de equilibrio de paz en tempos de Intelixencia Artificial.