Gústache recibir agasallos corporativos por parte dunha empresa da que es cliente ou provedor? Seguro que si , porque “a cabalo regalado…” pero hai algúns que deixas gardados nun caixón e non te volves acordar deles por “inutilidade”.
Se estás pensando en facerlle un detalle os teus clientes para agradecer e reforzar a túa relación con eles, pénsao ben. Hoxe en día non vale regalar por regalar, tes que ter claro a imaxe que queres transmitir e o orzamento do que dispós. A partir de aí, debes escoller o teu agasallo corporativo.
Que regalar?
Existe un amplo abanico de opcións na industria dos agasallos promocionais. O máis novo actualmente son todo tipo de gadgets tecnolóxicos como os USB e cestas con produtos ecolóxicos.
E non te podes esquecer de regalar produtos intanxibles ou experiencias aos teus clientes: dende entradas para diferentes eventos deportivos ou culturais ata estancias vacacionais e de relax. Seguro que con este tipo de agasallos fidelizas moito máis aos teus clientes . Aínda que é certo que non sempre se teñen uns orzamentos tan elevados como para ofrecer estes detalles.
A aeroliña Ryanair lanzou este Nadal os seus "cartóns regalo para empresas" coas que as compañías poden obsequiar aos seus traballadores para motivalos e recompensalos. Estes cartóns conteñen un saldo, que pode ir de 10 a 500 €, e pódense trocar por voos en toda a rede de destinos de Ryanair. Outras empresas como Atrápalo e VueloRegalo fan iniciativas ao longo de todo o ano.
Á hora de escoller o teu agasallo corporativo é moi importante que cumpra as seguintes premisas:
- Útil: tes que coñecer o teu cliente e saber que vai utilizar o teu agasallo con frecuencia e non o vai a deixar apartado nun caixón.
- Significativo: que nalgunha parte do agasallo se relacione coa túa empresa, xa sexa pola presenza do nome ou das cores da marca.
- Social: aínda que sexa un agasallo de uso individual, o ideal é que a súa experiencia como usuario sexa transmitida á súa contorna.
- Viral: cumprir esta premisa é o máis en grao sumo. Trátase de que o teu cliente transmita a través das súas redes sociais que lle fixeches un agasallo corporativo.
Cando regalar?
Non é necesario esperar a que chegue Nadal para facer un agasallo aos teus clientes e provedores, calquera época do ano é boa para facelo. No mes de decembro a todos nos alegra recibir unha postal de felicitación do Nadal que, aínda que está moi vista, xa se sabe que os clásicos nunca pasan de moda. Unhas galletiñas con motivos de Nadal ou unha caixa con botellas de viño sempre se desfrutan.
Coa chegada do verán tamén podes aproveitar para facer uns agasallos moi chulos e útiles como bolsas neveira para ir á praia, raquetas para xogar ao tenis, toallas e todo tipo de merchandising para tinguir as praias de Galicia coas cores da túa marca e viralizar a túa imaxe de marca.
A chegada do novo ano tamén é un moi bo momento para regalar, é mítico un calendario ou unha axenda, pero se te curras un bo deseño converterase nun obsequio desexado coa chegada do ano novo.
E se queres quedar como un rei cos teus clientes, envíalle un agasallo corporativo cada vez que un deles estea de aniversario. Pero ollo, isto soamente é asumible se a túa carteira de clientes non é moi ampla, porque se non o teu orzamento vaise desmadrar .
Os clientes e provedores son moi importantes para que funcione unha empresa, pero o motor de toda compañía son os empregados. Así que non te esquezas de facerlles a eles os mellores agasallos para agradecerlles a súa dedicación.
E ti, que pensas sobre facer agasallos corporativos? Cal é o agasallo corporativo máis útil que che fixeron?
Ata a próxima!
gif de giphy.com