A maior parte das empresas xa cambiastes o chip e o teletraballo é a fórmula elixida para manter a actividade en situacións difíciles como a que estamos a vivir. Pero non podemos deixarnos arrastrar polas présas do momento. Debemos establecer o noso propio decálogo de boas prácticas para que non só teletraballemos, senón que ademais o fagamos de forma produtiva e segura.

Si ao teletraballo, pero con seguridade

A situación actual pon a proba a dixitalización dos nosos procesos de traballo. Necesitamos traballar dende calquera lugar, en calquera momento e de forma áxil, segura e sinxela. Non o dubidamos, é un reto difícil, pero non é imposible xa que hoxe, máis que nunca, a tecnoloxía, os servizos e as solucións de comunicación permítennos traballar dende a casa coma se estivésemos na oficina.

Pero, ante este novo escenario, os nosos datos e procesos están sometidos a maiores riscos. Así que unha das nosas prioridades debe ser tomar medidas para protexernos de posibles atacantes. Porque teletraballar non pode significar expoñer os sistemas e os datos da nosa empresa na rede.

Que medidas podemos tomar para un teletraballo ‘ciberseguro’?

- Utilizar un servizo de Rede Privada Virtual (VPN) para conectarnos remotamente á empresa, evitando as wifis abertas, non fiables, ou compartidas por un gran número de usuarios.

- Dispoñer dunha solución de firewall que protexa as infraestruturas da empresa, tanto dos servizos corporativos como das localizacións remotas.

- Usar ferramentas de colaboración coas que intercambiar de forma segura información sensible entre o persoal da empresa. As ferramentas colaborativas como Teams ou Skype volvéronse esenciais: o persoal necesita compartir documentos ou celebrar reunións dunha maneira fluída e transparente mediante chat e chamadas tanto individuais como en grupos.

- Revisar que o noso equipo de traballo se atopa adecuadamente bastionado e conta coas medidas de seguridade adecuadas (sistema operativo actualizado, aplicacións actualizadas e antivirus).

- Protexer os nosos dispositivos, bloqueándoos sempre que non os usemos e facendo uso de contrasinais seguras que só nós coñezamos, e asegurar tamén o noso traballo, realizando copias de seguridade periódicas.

Os perigos da rede son unha constante, e máis en tempo de coronavirus

Convén lembrar que a ‘ciberdelincuencia’ ten sistemas automáticos para detectar, por exemplo, equipos co protocolo RDP (Remote Desktop Protocol) de Windows activado e conectados directamente a internet e pode facerse co control destes equipos.

Ademais, nestes momentos está a notarse un incremento do spam e dos ataques de phishingaproveitando a necesidade que temos todos de información sobre o coronavirus.

Sempre é importante estar alerta non abrindo mensaxes de correo nin ficheiros sospeitosos, de destinatarios descoñecidos ou non esperados, nin picando enlaces se non estamos seguros da súa procedencia. Tampouco debemos facer caso a chamadas telefónicas de provedores que se ofrecen a arranxarnos supostas incidencias que descoñeciamos.

En definitiva, o teletraballo é a solución perfecta para continuar coa nosa actividade dende calquera lugar no que nos atopemos pero sen esquecer un aspecto fundamental dentro e fóra da oficina: a seguridade.