Ramón Bueno, o director de Distribución de Plexus Tech, explícanos en que consiste a tecnoloxía blockchain; que tipos hai; como se pode aproveitar o seu potencial e a súa estreita relación e achega a outras tecnoloxías innovadoras, como Intelixencia Artificial ou Internet das Cousas; que achega á ciberseguridade; e, a partir da súa propia experiencia, como aplicala en diferentes ámbitos empresariais.
• En que consiste a tecnoloxía blockchain e que pode achegar a unha empresa? Cóntanos, en concreto, a vosa experiencia en Plexus.
Unha cadea de bloques é un modelo tecnolóxico descentralizado no cal non hai dependencias dun organismo central certificador. Esta definición, a priori innocua, ten unha gran carga, xa que o feito de prescindir desa figura central abre moitas oportunidades, pero á vez xera moito receo.
Nunha rede de bloques descentralizada, todos os nodos que pertencen á cadea, a partir dun complexo modelo matemático, teñen a capacidade de certificar e validar os eslabóns ou bloques novos que se inseren na cadea. Nese bloque podemos poñer calquera tipo de dato e, por tanto, ter a seguridade de que é un dato 100% fiable e inmutable.
Ramón Bueno: “ No bloque podemos poñer calquera tipo de dato e, por tanto, ter a seguridade de que é un dato 100% fiable e inmutable”
• Pública, privada... que tipos de tecnoloxía Blockchain existen?
Públicas, Privadas e Híbridas. Aínda que todas están baseadas na mesma arquitectura, teñen características que, en función do caso de uso, fan máis conveniente unhas fronte ás outras.
Bitcoin é a máis famosa das redes públicas; calquera pode unirse e formar parte como nodo nela, por iso é polo que a minería se volveu poñer de moda no século XXI. O uso destas redes públicas ten custo (GAS) e non son idóneas para todos os casos de uso.
• Cal é o grao de uso e coñecemento das empresas galegas en relación con esta tecnoloxía emerxente? Están preparadas e dispoñen de recursos suficientes?
En xeral, máis aló do mundo criptomonedas, evolucionouse e investigouse pouco na tecnoloxía blockchain. Creo que é necesario que nos poñamos as pilas e empecemos a traballar e investigar para estar formados e cos recursos capacitados.
• Que debe facer unha empresa para comezar a utilizala? Pasos a seguir.
Perder o medo a que o investimento non sirva para nada, buscar un equipo con ganas de aprender e aplicalo a un caso de uso.
Empezar é o máis difícil. O máis importante é que ao final, se o caso de uso non é aplicable, todo o aprendido polo camiño xa o tes para novas oportunidades.
• A ciberseguridade trae de cabeza a moitas empresas hoxe en día, como coida e protexe a seguridade de datos e sistemas a tecnoloxía blockchain? Existe regulación específica? Como se comporta esta tecnoloxía ante fallos ou potenciais riscos de seguridade?
A ciberseguridade débese implementar en todas as capas, e nunha arquitectura blockchain tamén.
En canto á protección de datos, blockchain ofrece: criptografía avanzada, descentralización e consenso, inmutabilidade, rexistros transparentes e audibles.
• Interactúa, complementa ou é compatible blockchain con outro tipo de tecnoloxías emerxentes como Internet das Cousas ou a Intelixencia Artificial?
Absolutamente, a blockchain pode ser a infraestrutura sobre a que corre calquera solución, achegando seguridade, confiabilidade e rastrexabilidade.
Se estamos a falar de Intelixencia Artificial, grazas á blockchain poderemos trazar de maneira confiable se a IA xerou a información e cando ou se, pola contra, foi algo xerado por humanos.
No caso da internet das Cousas, os logs das comunicacións entre máquinas pódense rexistrar e así ter sempre dispoñible unha “caixa negra” con toda a info que se intercambiou.
Ramón Bueno: “A blockchain pode ser a infraestrutura sobre a que corre calquera solución, achegando seguridade, confiabilidade e rastrexabilidade”
• Blockchain supón un cambio de paradigma e conta cun enorme potencial que se pon ao dispor das persoas, que implica esta afirmación?
Dende Plexus entendemos as capacidades que nos ofrece a blockchain e o modelo disruptivo porque representan unha oportunidade única para achegar valor e contribuír a mellorar a vida das persoas.
Fano dende o punto de vista dos beneficios resultantes de novas funcionalidades, como novas formas de pago (www.dennariapay.com), xestión e certificación ambiental, identidade dixital…
Pero tamén dende o punto de vista da formación de profesionais nesta tecnoloxía disruptiva que, máis pronto que tarde, marcará o paso e a tendencia tecnolóxica.