Un firewall (ou devasa) é un sistema de seguridade que controla e filtra o tráfico que entra e sae dun dispositivo ou dunha rede. Pode ser software, hardware ou unha combinación de ambos.
Para que serve un firewall?
O firewall é unha peza fundamental de calquera estratexia de ciberseguridade.
A principal función dun firewall é bloquear accesos non autorizados e impedir que atacantes externos accedan a un sistema ou equipo.
Tamén se encarga de detectar software malicioso, axuda a frear virus informáticos e diferentes tipos de malware e prevé ataques comúns como escaneos de portos ou intentos de intrusión.
A súa tarefa baséase, en termos xerais, en controlar o tráfico de rede e decidir que aplicacións ou servizos se poden conectar a Internet.
Como resultado da súa función, mellora a privacidade, evitando conexións non desexadas que poderían recompilar información.
Tipos de firewall
Existen varios tipos de firewalls:
• Firewall de software: instálase directamente no sistema operativo e adoita protexer un só equipo.
• Firewall de hardware: trátase dun dispositivo físico que protexe a toda unha rede.
• Firewall de próxima xeración (NGFW): inclúe funcións avanzadas como detección de intrusións, filtrado de aplicacións e análises profundo do tráfico.
• Firewall de Nube (Cloud Firewall): solución de seguridade virtual aloxada na nube.
Como funciona un firewall?
Un firewall traballa con regras de seguridade que permiten tráfico HTTP e HTTPS, ao mesmo tempo que bloquean conexións entrantes dende direccións sospeitosas e denegan o acceso a certos portos.
Cada vez que se tenta establecer unha conexión, o firewall avalíaa e decide se a permite ou a bloquea.
É recomendable desactivar un firewall?
O firewall constitúe a primeira liña de defensa.
Hai que ter en conta que desactivar un firewall reduce significativamente a seguridade do sistema, así que debería facerse de forma temporal e controlada e unicamente cando sexa estritamente necesario.
En lugar de desactivalo totalmente, é mellor crear excepcións ou regras específicas e adaptar a configuración ás necesidades do usuario ou da organización.
O Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) recomenda, ademais, diferenciar entre redes públicas e privadas; o firewall debe ser máis restritivo nas públicas, xa que son menos seguras.
Como activar/desactivar un firewall
Na gran maioría dos casos, non é necesario configurar manualmente un firewall, xa que vén preconfigurado de serie sen interromper a navegación.
E desactivalo, aínda que varía en función do equipo, adoita ser sinxelo. Basta con ir ao Panel de Control ou Axustes do Sistema e ás opcións de Seguridade e Protección de rede.
