O pharming é un tipo de ciberataque que manipula o tráfico de internet para redirixir a unha persoa a un sitio web falso, aínda que escribise correctamente a dirección do sitio lexítimo.
A palabra pharming xorde da combinación das palabras "phishing" e "farming" (colleita), porque os atacantes "sementan" o código malicioso e esperan a que os usuarios "caian" no seu sitio falso.
Como funciona o pharming
O pharming pode producirse de dúas maneiras: o máis habitual prodúcese cando o atacante manipula o sistema de nomes de dominio (DNS) pero tamén pode ocorrer de maneira individual, infectando un dispositivo da vítima.
• A nivel de rede (DNS), os ciberdelincuentes atacan directamente un servidor DNS. Todos os que procuren unha web específica serán enviados ao sitio falso sen sabelo.
• A nivel local (dispositivo da vítima), un virus infecta un dispositivo persoal e modifica o arquivo hosts. Cando tentas ir a unha web, o teu dispositivo le ese arquivo modificado e rediríxete á IP do atacante.
En ambos os dous casos (DNS ou dispositivo individual), cando o usuario escribe unha web lexítima, o sistema rediríxeo automaticamente a unha páxina falsa que parece real.
O usuario introduce os seus datos pensando que está na páxina oficial e os ciberdelincuentes capturan esa información.
O obxectivo é roubar datos sensibles como contrasinais, números de tarxeta ou información bancaria.
Diferenza entre pharming e phishing
Pharming e phishing son dous dos ciberdelitos máis habituais. Sabes cal é a diferenza?
• Phishing: o atacante envía un correo ou mensaxe falsa cunha ligazón enganosa e necesita que fagas clic.
• Pharming: non necesitas facer clic en ningunha ligazón; a redirección ocorre automaticamente e en segundo plano.
O pharming adoita ser máis difícil de detectar, xa que a url parece correcta, e, ademais, o seu alcance é masivo e pode afectar a todos aqueles que accedan a unha determinada web.
Consellos para protexerte do pharming
Dámosche unha serie de recomendacións que poden axudarte a detectar e previr o pharming.
• Revisa que a web á que accedes teña HTTPS e certificado válido.
• Mantén antivirus e sistema actualizados.
• Evita redes wifi públicas inseguras.
• Usa autenticación en dous factores (2FA).
• Mira o cadeado do navegador. Se non aparece ou o navegador mostra advertencias, desconfía.
• Fai clic no cadeado. Verás o certificado de seguridade e a quen pertence o sitio.
• Revisa a url con atención. Ás veces, só cambia unha letra.
• Se algo se ve raro, sal da páxina. Poden ser erros de deseño, faltar logotipos, incorreccións gramaticais ou incoherencias no idioma.
• Non fagas caso de peticións de datos inusuais.
