O bluesnarfing é un tipo de ataque cibernético que utiliza unha conexión bluetooth para acceder de maneira fraudulenta á información dalgún dispositivo conectado á rede (computador, tableta, smartwatch, smartphone...) para roubar eses datos.

O termo bluesnarfing xorde, precisamente, como resultado da suma de bluetooth, en referencia á tecnoloxía utilizada, e narfing, que alude ao copiado de datos dun dispositivo sen permiso.

É un dos ciberataques máis comúns. Por certo, hai que distinguir entre bluejacking e bluesnarfing. Aínda que ambos os dous usan conexións bluetooth, bluejacking só transfire datos e envía mensaxes sen autorización do receptor, polo que non é un delito.

Como funciona o bluesnarfing

O bluesnarfing é un tipo de ataque complexo que adoitan realizar hackers expertos.

O ciberdelincuente utiliza un software especializado para detectar dispositivos bluetooth activos dentro do seu rango. Xeralmente, ata 15 metros, aínda que a distancia pode mesmo superar os 200 se se usan equipos especializados.

Unha vez identificado o dispositivo, téntanse explotar vulnerabilidades no protocolo bluetooth para establecer conexión sen o consentimento do propietario. Se o consegue, permítelle ao atacante roubar todo o contido do dispositivo, dende os datos máis básicos á información confidencial. Poden acceder a contactos, correos electrónicos, arquivos, contrasinais, datos bancarios, fotos...

Este roubo de datos pode ser un primeiro paso para outros ciberdelitos, como o phising ou roubo de identidade. Tamén permite extorsionar á vítima ou buscar rendibilidade vendendo os datos roubados no mercado negro (Dark Web).

Consellos para evitar un ataque de bluesnarfing

Aínda que resulta imposible deixar de ser potencial vítima de bluesnarfing, hai unha serie de consellos que nos axudan a protexernos e a poñerlles as cousas un pouco máis difíciles aos ciberatacantes.

Desconectar o bluetooth cando non o utilicemos; é dicir, desactiva o modo "visible" e déixao como "non visible" ou "oculto" para dispositivos bluetooth próximos. Podes facelo dende os "Axustes rápidos" de Android ou dende o "Centro de Control", se tes iOS.

Manter sempre actualizado o software de seguridade, xa que as actualizacións adoitan corrixir vulnerabilidades coñecidas. E utilizar contrasinais seguros que se renovan periodicamente.

Non aceptar solicitudes de dispositivos descoñecidos para emparellarse por bluetooth.

• Comprobar que o teu dispositivo non experimenta comportamentos estraños (mensaxes descoñecidas na pantalla, lentitude excesiva, consumo demasiado elevado de batería...).