A plataforma PetisGo! vén de ver a luz. O vídeo está a cambiar a forma de aprender, e por iso desenvolvemos esta nova plataforma interactiva audiovisual dentro dun proxecto que R puxo en marcha xunto coas empresas Cinfo, Sixtema, Xoia e Ficción Produciones.

PetisGo! permite construír experiencias audiovisuais interactivas para nenos/as no ámbito non regrado e supón unha forma innovadora de producir, xestionar e consumir contidos audiovisuais.

É tamén unha completa e práctica plataforma idónea que poden utilizar os centros educativos galegos para crear contidos formativos e impartir clases e cursos.

Contidos interactivos baseados en contornas inmersivas, realidade aumentada ou realidade virtual

PetisGo! supón unha maneira diferente de entender o audiovisual. Permite integrar en experiencias audiovisuais sensores, realidade aumentada e virtual ou concursos en directo facilitando, ademais, que os propios usuarios, nenos/as, adolescentes, profesionais audiovisuais ou profesores/as cren 'Petiscos' que integren esas tecnoloxías nunha contorna de uso fácil de entender.

petisgo

A plataforma conta cun gran número de posibilidades; dende a xeración de contidos sinxelos e/ou vídeos acompañados de tests ou enquisas ata emisións en directo con interactividade sincronizada.

'Petiscos', o proxecto colaborativo xerador da plataforma

PetisGo! nace do proxecto 'Petiscos', levado a cabo por R e as empresas Cinfo, Sixtema, Xoia e Ficción Producións. 'Petiscos' ten como obxectivo o deseño, desenvolvemento, implementación, posta en marcha e demostración dunha plataforma de experiencias tecnolóxicas interactivas no ámbito formativo para nenas e nenos de entre 6 e 16 anos que poida ser posteriormente adaptado a áreas como Turismo, Patrimonio ou Televisión.

O proxecto está cofinanciado nun 80% por FEDER Galicia 2014-2020 e impulsado pola AMTEGA e a CRTVG, que asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento dun proxecto de innovación tecnolóxica no marco do Plan de Impulso aos contidos dixitais en Galicia.

A plataforma PetisGo! aspira a converterse nun produto exportable que se implante noutras organizacións, nacionais e internacionais, xa que se desenvolveu baixo o modelo de compra pública innovadora. En todo caso, Galicia terá sempre un dereito de uso da plataforma e poderá ingresar royalties polos ingresos futuros.

petisgo

O proxecto conta cun orzamento de 1,15 M€ e un prazo de desenvolvemento de 21 meses e vén de pasar a fase de explotación tras o seu comezo en xuño de 2020.

Xa na fase de dinamización, dende PetisGo!, e en concreto en R, prográmanse eventos que animen os nenos de entre 6 e 16 anos a gozar aprendendo a través da súa plataforma.

O primeiro deles é Dragal Challenge, o chamado 'petisco' demostrador co que xa conta a nova plataforma. O mundo imaxinario de Dragal salta das páxinas da escritora Elena Gallego Abad a este xogo interactivo que converte a Galicia nun gran taboleiro de xogo no que os/as participantes rétanse uns/as a outros/as a descubrir os ovos de dragón esparexidos por toda a xeografía nunha competición por equipos que culmina nunha gran final. O 'Dragal Challenge' tamén se pode seguir en directo a través da plataforma PetisGo! en móbiles Android e iOS ou a través da versión para navegador.

Dragal Challenge ten tamén como obxectivo mostrar as posibilidades máximas da plataforma, na que se poden combinar escenarios reais e virtuais e realidade aumentada para estimular o uso de novas canles e medios e a creación de contidos interactivos innovadores en liña coas novas tendencias de consumo no ámbito da formación non regrada.

Porque PetisGo! eríxese como unha completa plataforma interactiva coa que entreterse pero tamén aprender e educar.

Xa podes descargar a aplicación PetisGo! dende o móbil Android e iOS ou a versión para pc.

Aquí tes máis información sobre o proxecto PetisGo! E se queres saber máis sobre as nosas solucións para empresas, subscríbete ao noso boletín. Tamén podes contactar co equipo da área comercial Empresas de R.