Se es xefe pode que o título deste post che resulte familiar. Ser bo xefe non é sinxelo. Motivar o teu equipo ou facer que sentan parte da empresa consegue maior compromiso, menos absentismo e maior satisfacción.
O clima laboral afecta á produtividade da túa empresa. Se aínda non o fixeches, é necesario que o avalíes e tomes as accións necesarias para melloralo.
Como saber se o clima laboral da túa empresa é bo?
Unha entrevista ou unha enquisa entre os traballadores poden ser dúas boas ferramentas para medir o clima laboral. Independentemente da que decidas utilizar, debes ter claro que:
- Debe ser absolutamente confidencial. Pola contra é posible que os teus empregados non participen ou mintan.
- É necesario que sexas directo e determines con claridade que é o que queres saber.
- É importante que informes claramente das datas nas que se realizarán as enquisas ou as entrevistas.
- Debes comunicar os resultados da enquisa e tomar accións para tratar de mellorar a situación, se é necesario.
Como conseguir mellorar o clima laboral da túa empresa?
Hai tantos factores que axudan a mellorar o clima laboral que non caberían nun único post. Aquí van os tres que consideramos máis importantes.
Empodera aos teus traballadores
Impulsa a súa participación na toma de decisións e ten en conta a súa opinión para mellorar a súa confianza.
Cando haxa que tomar unha decisión, pregunta, escoita activamente e delega tarefas. Se delegas as tarefas idóneas segundo as habilidades e formación de cada persoa, gañarás empregados autónomos, comprometidos e novos aliados na toma de decisións.
É moi importante que as tarefas que delegues sexan sempre as adecuadas a cada traballador, se non frustarase.
Recoñece o esforzo dos teus traballadores
Sentirse valorado é fundamental para que os teus empregados se sentan cómodos. Por iso, é importante que recoñezas o seu esforzo e dedicación día a día, publicamente ou cun incentivo.
Fomenta a igualdade e trata a todos os teus traballadores da mesma forma
Avoga sempre por dar aos teus empregados o mesmo trato. A conciliación ou a flexibilidade debe afectar a todos da mesma maneira. En caso contrario o clima laboral empeorará e deixarán de sentirse cómodos.
Que vantaxes ten un bo clima laboral?
Cando o clima laboral da túa empresa é bo, increméntase a produtividade de forma natural e mellora a relación de confianza entre traballadores e a empresa. Pero sobre todo, diminúe o nivel de tensión dos traballadores.
Da mesma maneira que un mal clima laboral se retroalimenta ata converterse en algo asfixiante, un bo clima laboral mantén aos teus traballadores motivados e atrae novo talento.
Xestionar o clima laboral da túa empresa é importante para a túa empresa. Realiza as enquisas e entrevistas que necesites para coñecer como senten os teus empregados respecto do seu lugar de traballo, seguro que levas unha sorpresa.
imaxe: unsplash