Hoxe ímosche falar dun novo servizo que vimos de lanzar en R. Trátase de algo moi novidoso, máis propio de Silicon Valley, pero que está feito en Galicia con moito cariño. É o servizo multicámara de R.
En que consiste? Pois trátase de capturar, procesar, almacenar e difundir, en directo ou en diferido, o contido audiovisual de calquera evento. Ollo! e de xeito automático e sen ser preciso que estea controlado por alguén. É dicir, non é preciso ter un realizador ou varios cámaras, o cal abarata moito os custos para os que non poden ter algo tan complexo.
Difusión do contido
Imaxina que es dun equipo local e queres difundir os teus encontros entre os seguidores que non poden asistir ao recinto. Ou ben os queres para desfrutar despois das mellores xogadas, ou para que o adestrador poida estudar o traballo dos xogadores. Esta é unha solución ideal.
Grávanse distintos puntos do lugar e, de xeito automático, lánzase o sinal onde ti digas: a Facebook, Youtube… E, por suposto, podes descargar todo o material. Ademais, tamén podes ter o vídeo na túa web e alí contar cunha multicámara interactiva, onde escolles o plano que máis che interesa.
Servizo integral e xestionado
Unha plataforma localizada na nube fai posible que as cámaras realicen a gravación de vídeo multicámara. E todo se procesa automaticamente.
En R encargámonos de todo. Precísase dunha conexión de internet no recinto (se non a hai, trataríamos de ver as posibilidades para levar banda ancha ao lugar) e dunha ou de varias cámaras (segundo escolle o cliente). En todo caso, cunha única cámara (conectada á nosa plataforma cloud) somos capaces de coller distintos planos de todo o recinto.
Sen investimento inicial
Non é necesario realizar un investimento inicial para implantar o servizo multicámara, xa que o financiamos ao 100%. Só pagarás polo uso desta plataforma.
Cando estea todo instalado xa se pode proceder á gravación de imaxes e emisión dos contidos multicámara, sen ser precisa a produción manual. Tal e como comentabamos anteriormente, a emisión pode ser en directo ou en diferido.
Tipos de eventos e casos de uso
As gravacións non están dirixidas só a eventos como partidos de baloncesto ou concertos, tamén teñen outros usos para:
- Calquera clube deportivo que celebre competicións no seu propio pavillón.
- Adestradores e preparadores físicos para seguir o movemento dos deportistas.
- Obras de teatro.
Tipos de realización
En función do tipo de evento podes seleccionar dous tipos de realización:
- Realización automática: as imaxes xéranse de xeito automático a partir dun algoritmo de seguemento de movemento. É dicir, temos un sistema de intelixencia artificial que sabe onde se está a producir o xogo e vai seguindo o que pasa no recinto.
- Realización manual remota: que estará dispoñible proximamente, e se se desexa, tamén se pode facer unha realización manual. O sistema ofrece os distintos sinais, para escoller o que se queira en cada momento.
Ata a próxima!