Mindfulness, sóache? Esta filosofía de vida contra o estrés aterrou con forza nas empresas españolas e non ten intención de marcharse.
Que é o mindfulness?
No mundo frenético no que vivimos facemos moitas cousas á vez. Mesmo pasamos o día pensando que imos facer despois do que estamos a facer. Soa absurdo, verdade?
A filosofía mindfulness despréndese desta idea e axúdache a que te concentres plenamente no que estás a facer sendo consciente de cada son, cada cheiro ou cada palabra. Aínda que soe moi zen, a idea é ser máis produtivo e mellorar no noso traballo.
Que achega o mindfulness ao teu negocio?
Son moitas as vantaxes que o mindfulness pode achegar ao teu negocio. O máis destacado é que te axuda a focalizar a túa atención, mellorando o teu autocontrol e a túa capacidade para ser máis resiliente (neste post lembrámosche os beneficios de ter un negocio resiliente). Se o consegues, farás que as tarefas flúan con maior rapidez.
Pero isto non é o único. Poñendoo en práctica:
- mellorará a túa habilidade para comunicar e escoitar.
- mellorará a túa capacidade para xestionar a frustración e os cambios.
- mellorará a túa capacidade para xestionar as túas emocións.
- mellorará a túa capacidade de atención.
- mellorará a túa capacidade para ver os problemas con maior calidade.
Repsol, 3M ou Google levan máis de cinco anos ofrecendo ferramentas mindfulness aos seus empregados para que consigan empatizar máis cos seus compañeiros e se coñezan mellor a si mesmos.
E non son os únicos. Cada vez son máis as empresas españolas que inclúen programas deste tipo para os seus traballadores co obxectivo de axudarlles a xestionar a súa frustración, mellorar o seu pensamento lateral e darlles ferramentas para clarificar a súa mente.
Mindfulness, unha filosofía de vida para o futuro
Pero o mindfulness non só tocou de cheo o mundo empresarial. Cada vez son máis as escolas e os profesionais que apoian o uso de ferramentas de mindfulness nas aulas e na vida cotiá.
Personalidades como Martin Seligman, sosteñen que a actitude positiva será unha das habilidades máis demandadas no mercado laboral do futuro.
A tecnoloxía cambiará a nosa forma de entender o traballo que acabará por automatizarse, deslocalizarse e globalizarse por completo. Así que o mindfluness pode converterse nun bo adestramento para xestionar os cambios que están por chegar.
Cheguen ou non, a filosofía mindfulness pode axudarnos a coñecernos mellor e gozar dunha vida máis plena.