Andrés Pedreño é catedrático de Economía Aplicada e experto en Intelixencia Artificial. Tamén participou nas Xornadas Tecnolóxicas R 2024. Con el falamos sobre IA no contexto internacional e europeo, regulación e ética, a súa aplicación empresarial, tendencias e retos que temos por diante, como empresa e como sociedade.

Estados Unidos, China e Europa están a tomar camiños moi distintos no desenvolvemento da Intelixencia Artificial. Nestas Xornadas Tecnolóxicas analizamos este escenario global dividido entre quen aposta por facer avanzar a tecnoloxía e quen se centra na regulación. Como se consegue un equilibrio entre innovación, control e liberdade para innovar?

Actualmente quen xera crecemento son as tecnoloxías de propósito xeral, como a economía dixital ou a Intelixencia Artificial. Sobre esa base, Europa necesita unha aposta máis efectiva e ambiciosa.

Europa pon o foco na regulación e lévao á práctica co Libro Branco da Comisión Europea. É esta unha grande oportunidade para liderar en cuestións como a ética tecnolóxica?

Poñer o foco na regulación sen unha industria tecnolóxica propia é como un brinde ao sol. Con dependencia tecnolóxica de terceiros países, a normativa convértese en moitos casos nunha barreira que prexudica a innovación e vai rexenerando un gap de competitividade nos nosos sectores máis representativos.

A regulación debería ser, por suposto, ética, iso é unha obviedade, pero tamén ten que ser eficiente. Un exemplo: España é campioa mundial en doazón de órganos humanos porque temos unha regulación eficiente que permite unha operativa moi complexa con moitas vertentes éticas e de todo tipo.

A regulación dixital europea leva décadas de ineficiencia e á vista están os resultados. Tras vinte anos, non temos xigantes tecnolóxicos, apenas xeramos unicornios en tecnoloxías de propósito xeral e as nosas startups teñen enormes problemas para escalar.

Que normas son esenciais para garantir un uso seguro e beneficioso da IA e que aspectos éticos consideras prioritarios?

A IA pode ser un instrumento tan poderoso que lle afecte á liberdade de expresión, á manipulación de información ou a moitas cousas que son importantes. Pero, en gran medida, non é a regulación, senón a educación, a que pode ser a gran medicina para preservar a ética e establecer garantías.

Andrés Pedreño: "A educación é a gran medicina para preservar a ética"

Que papel pode (ou debe) xogar a IA ante os grandes desafíos mundiais que temos por diante?

Hai moitos campos onde atendemos a diario a noticias extraordinariamente esperanzadoras. Todos os sectores produtivos vanse beneficiar da IA. Pero hai problemas críticos para a humanidade onde a IA pode ser decisiva e axudar a resolvelos: cambios climáticos, eficiencia enerxética e novas fontes, enfermidades complexas, medicina personalizada, educación etc.

• E en España, cal é a situación actual da IA?

Non hai moitos indicadores obxectivos e de calidade que nos permitan facer un diagnóstico preciso. En España hai bos investigadores, con publicacións científicas relevantes, un tecido crecente de startups e unha conciencia moi crecente sobre o seu potencial, motivado polo boom da IA xenerativa. Pero o contexto europeo non axuda. Falta investimento privado de auténtico risco (non só a que recibe a mera denominación). E a regulación europea, na miña opinión, non xera unha cultura de "oportunidades" senón de "riscos". Hai modelos e ferramentas de IA de última xeración que non están dispoñibles en España/Europa e si o están no resto do mundo. Isto é grave.

• Cales son as principais tendencias en transformación dixital que observas no sector empresarial?

Eu distinguiría entre as que hai e as que debería haber. Temos que falar de tecnoloxías que realmente son eficientes, como a IA, que pode supoñer unha vantaxe competitiva e, ademais, é de fácil asimilación.

Para fomentar o desenvolvemento da IA, a colaboración entre o sector público e o privado parece clave. Que papel corresponde a cada un deles? Que medidas poden adoptarse para que esta colaboración sexa máis efectiva?

Dado o peso do sector público en España deberíase apostar de forma ambiciosa pola demanda de proxectos de IA de todo tipo a través, non só de licitacións, senón de fórmulas como a Compra Pública Innovadora. Hai que pasar das subvencións, axudas e fórmulas similares a proxectos reais que permitan desenvolver tecnoloxías, produtos e servizos adaptados a funcións sociais, empresariais etc.

E, por suposto, é absolutamente necesario reducir a burocracia innecesaria, as barreiras gratuítas que impiden ás startups tecnolóxicas concorrer con facilidade no mercado e medrar. A nivel empresarial cómpre pasar de "saír de zona de confort" e "non ter medo ao fracaso" a plantexar empresas con ambición e unha cultura de éxito e escalabilidade.

Como impacta a IA no emprego?

Eu atreveríame a asegurar que moi positivamente; sobre todo se un país pon foco nos empregos que se poden crear. Se hoxe tivésemos en España un millón de mozos/as especializados/as en STEM habería emprego para todos/as eles/as e ademais motivarían unha grande atracción de investimento de empresas tecnolóxicas. Se non damos sinais de que os empregos baseados en tarefas repetitivas non teñen futuro pois entón si, teremos problemas estruturais a medio prazo. Pero, neste momento, os países máis dixitalizados e con máis IA teñen as economías máis sólidas, con maior crecemento e emprego.

Isto lévanos a debater sobre a necesidade de formación. Como crees que será o mercado laboral do futuro e que tipos de formación ou habilidades serán as máis demandadas?

A formación en STEM e a hibridación da computación co conxunto de áreas do saber e vertentes profesionais. A computación é unha ferramenta fundamental para todas as profesións, incluídas as humanidades, o dereito ou a arte. E, por suposto, debemos estar abertos a unha formación continua. Sobre IA, por exemplo, hai que formarse a diario. Unha parte da xornada laboral xa debemos dedicala hoxe en día a poñernos ao corrente de avances relevantes que ocorren unha semana tras outra.

• Ante esta irrupción tan forte de tecnoloxías como a IA, a que retos nos enfrontamos se temos unha empresa? E como sociedade?

Como empresa, enfrontámonos á necesidade de incrementar a nosa competitividade. A clave está en utilizar as novas ferramentas para traballar cos nosos datos e problemas específicos, así que necesitamos adaptar, optimizar e xestionar a IA nós para poder tirarlle partido.

Como sociedade, como país, necesitamos liderar a IA. Temos que ser unha potencia en sanidade aplicada aos nosos sectores máis representativos, como sanidade ou turismo. Europa identificou riscos e elaborou un gran discurso ético pero, sen empresas, só trae maior dependencia tecnolóxica e vulnerabilidade.