Galicia é terra de emprendedores. Existen unhas cantas razóns e exemplos de grandes empresas que conquistaron o mundo desde aquí. Pero non é necesario chamarse Inditex ou Gadisa para levar a cabo unha idea. De feito, o único que se necesita é alguén que se atreva a facelo.
Persoas dispostas son as que contan as súas historias en TEDx Galicia. Un espazo inaugurado en 2010 con ánimo de compartir ideas e experiencias que suceden na nosa contorna. Durante todo este tempo pasaron polo escenario do TEDx todo tipo de homes e mulleres que, grazas ás súas achegas, se converteron en auténticos “mentores invisibles”.
Para rememorar cinco anos de ideas estupendas fixemos unha recompilación das charlas TEDx que máis nos inspiraron.
Caer para reinventarse
"Que queres facer: un que ou un como?"
Frankie Gómez explica no seu TEDx as súas impresións á hora de definir un proxecto, rendibilizar unha idea, crear unha empresa propia ou a responsabilidade que os emprendedores teñen durante todo este proceso.
Utilizando unha vaca como paralelismo, Frankie vehicula un interesante relatorio sobre todos estes puntos nos que os emprendedores deberían deterse.
Emprendedores, matade ao voso propio xefe
Liches ben, todos deberiamos matar o noso xefe. Isto non significa que o venres teñamos que urdir un sanguinario plan para poñelo en marcha o luns. O que Rafa de Ramón propón é que todos acabemos co xefe que levamos dentro. Este rebelde sen causa expón na súa TEDx a súa visión de como deberían estruturarse as organizacións do futuro.
É posible ser feliz no traballo?
O traballo está estigmatizado. Desde pequechos ensínannos que traballar é unha maldición. Di Santiago Vázquez que é importante que algo que ocupa tanto tempo na nosa vida como o traballo, nos faga felices. Mesmo asegura que "é posible obter a satisfacción dos clientes a través da satisfacción das persoas que traballan directamente con eles". Interesantísimo formulación do noso compañeiro que comparte no seu TEDx o valor da filosofía win to win.
Desde 0. Galicia, terra de emprendedoras
Ana Corredoira é gandeira de nacemento. Os seus pais (emprendedores de nacemento) iniciaron o seu negocio coa firme convicción de querer vivir, formar unha familia e traballar na mesma terra na que naceron. Ana comparte no seu TEDx as leccións de vida que foi aprendendo, as súas experiencias e recordos despois de anos traballando na granxa familiar. Inspirador testemuño dunha muller para a que nada é imposible porque todo o que agora lle resulta fácil, pareceulle difícil nalgún momento.
Liderado imperial elevado á enésima galaxia
Seth Godin asegura nun dos seus libros que calquera se pode converter no líder dunha tribo se consegue atopar a persoas que compartan a súa mesma paixón. Iñaki Quenerapú deuse conta da forza que tiña a idea de Godin, o día que conseguiu que Darth Vader e o seu exército imperial desfilaran ao ritmo de gaita na cidade de Santiago. O máis insólito desta historia é que o desfile acabou na praza do Obradoiro en pleno ano Xacobeo, o mesmo día que se cumpría o 30 aniversario do Imperio contraataca.
O propio Iñaki conta na súa TEDx que fixo para levar a cabo unha fazaña tan friki.
Desde 2010, todas as persoas que pasaron por TEDx compartiron cos demais a súa forma de entender aspectos da súa vida. Ideas que achegan valor a quen os escoita. Ser o líder dunha tribo, romper coas estruturas xerárquicas, rendibilizar os teus proxectos, ser feliz no traballo ou loitar pola túa paixón é algo que está na túa man. Como di Ana Corredoira "non hai nada imposible. Todo o que agora me resulta fácil, pareceume difícil nalgún momento".