A Intelixencia Artificial xa está integrada nas nosas empresas e organizacións. En pouco tempo, ferramentas e solucións que a aplican forman parte da actividade diaria e son compañeiras de traballo útiles e imprescindibles. Atopámonos ante outra maneira de tomar decisións, producir ou atender ao/á cliente/a, á que agora se suma tamén a creación de contido coa chamada Intelixencia Artificial Xenerativa.
As estatísticas déixano claro: case un 50% das empresas afirman que o uso da Intelixencia Artificial reduce custos, optimiza tarefas automáticas, mellora a produtividade (moi especialmente en relación coas novas maneiras de traballar híbridas ou en remoto) e achega maior coñecemento do mercado e dos/as clientes/as.
Pero, como chegou a IA, e agora a IA xenerativa, a converterse nunha compañeira de traballo útil?
ChatGPT: cando a Intelixencia Artificial se fixo popular
Aínda que os chatbots ou chats virtuais existían dende os anos 60, foi ChatGPT o que nos presentou todo un mundo de novas posibilidades, grazas á IA, pola súa capacidade para establecer unha linguaxe comprensible entre máquinas e seres humanos. Disto non hai nin dous anos, falamos de finais de 2022.
Mediante procuras sinxelas podemos consultarlle practicamente de todo a través dunha páxina web e -case sempre- obter unha resposta natural e coherente. A súa xa de por sí inmensa base de datos increméntase e actualízase cada día grazas, entre outras cousas, ás nosas propias consultas.
Máis aló da súa esencia innovadora, en que axuda ao traballo diario dunha empresa? Pois en labores de documentación, resumo de información ou mesmo redacción e edición de textos. A súa versatilidade levouno á fama, así que non sería de estrañar que moi pronto xurdisen multitude de novas ferramentas encamiñadas a facilitarnos o traballo usando a IA.
Actividades habituais como a transcrición de reunións ou a xestión de calendarios e outras máis creativas, como o deseño de imaxes, a creación de presentacións ou a xeración de pequenos vídeos corporativos, son tarefas para os que a IA nos achega infinidade de solucións e aplicacións.
Ademais, en xeral non falamos de aplicacións carísimas só ao alcance dunha minoría. Moitas contan con versións gratuítas ou de reducido custo que ofrecen unha chea de posibilidades.
Google vs Microsoft e a Intelixencia Artificial
Nesta irrupción masiva da IA, os dous grandes xigantes tecnolóxicos por excelencia, Google e Microsoft, tamén moveron ficha rapidamente lanzando ao mercado solucións innovadoras dispostas a facilitarnos o traballo aproveitando as potencialidades da Intelixencia Artificial.
A Intelixencia Artificial Xenerativa de Google chámase agora Gemini. O seu antecesor é Bard, un servizo experimental de IA conversacional, pero Gemini vai un paso máis aló e é un asistente virtual que funciona como analista de investigación ou vendas, como editor de textos e mesmo reparador de defectos.
Microsoft tampouco se quedou atrás na súa aposta pola IA xenerativa. A Bing Chat podes pedirlle tanto contidos sobre un tema específico como axuda para resolver dúbidas.
En pleno documento podes recorrer a Microsoft 365 Copilot para que o reescriba, localize algún dato concreto ou xere algunha imaxe apropiada. Aínda que quen mellor se ocupa desa parte máis creativa é Microsoft Designer.
Pero hai moitas máis ferramentas e solucións de IA xenerativa dispoñibles no mercado.
Ferramentas de Intelixencia Artificial Xenerativa máis populares
Dos mesmos creadores de ChatGTP, OpenAI, chegounos DALL-E, ferramenta especializada na xeración de imaxes.
Tamén o son Stable Diffusion ou MidJourney. Stable Diffusion é de código aberto e pode usarse gratuitamente a través da web. Pola súa banda, MidJourney é de pago e capaz de elaborar imaxes máis complexas. En todos os casos, a dinámica de uso é similar: hai que describir textualmente o que se desexa visualizar.
As reunións de traballo tamén poden cambiar grazas á IA e a Fireflies, un asistente de voz que axuda a transcribilas de forma automática, tomar notas ou crear tarefas. Ademais, intégrase con boa parte das plataformas colaborativas máis usadas, como Zoom, Google Meet ou Microsoft Teams. Na mesma liña vai Notion, con multitude de plantillas para elaborar documentos e experta na integración de tarefas para o traballo en equipo.
Canva é outro nome que non pode faltar na listaxe de ferramentas capaces de xerar contido visual mediante a IA. Unha completísima ferramenta de deseño, relativamente fácil de utilizar, que pode servir tanto para ilustrar unha presentación como unha páxina web.
A creación de pequenos vídeos tamén é posible con IA. Aí atopamos opcións como Pictory, Synthesia ou QuickVid (especialmente pensada para vídeos curtos en Youtube).
Para dar un impulso ás túas promocións ou produtos, AdCreativeofrece millóns de imaxes de arquivo gratuítas que se poden utilizar en creatividades publicitarias.
Á hora de escribir textos, entre as opcións máis populares figuran Grammarly, Copy, Writesonic ou Jasper (moi usada para blogs e campañas de márketing).
Se necesitas traducións, está DeepL, que traduce textos e arquivos completos (tamén de voz) de maneira instantánea en máis de 30 idiomas.
Como ves, a listaxe de opcións é infinita e actualízase constantemente. Así que en cada empresa debedes definir as vosas necesidades e utilizar aquela que máis se axusta ao que buscades.
Se queres saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas, subscríbete ao noso boletín ou contacta co/coa teu/túa asesor/a persoal ou co noso equipo da área comercial empresas a través do seguinte formulario. E para estar ao día das últimas noticias síguenos en LinkedIn.