Sucede ás veces que inda que madruguemos cando chega a hora de xantar temos a sensación de que non fixemos nada. 0. En que raios perdemos o tempo?.

gif_ladron_tiempo
Vía: theodysseyonline.com

Din os expertos que en moitos casos a falta de tempo á que nos enfrontamos é consecuencia dos temidos ladróns do tempo.

Ladrón de tempo

Chamamos ladrón de tempo aos malos hábitos que adquirimos á hora de xestionar o noso tempo. Trátase de rutinas que non nos deixan avanzar. Estes usurpadores do tempo vólvennos máis desorganizados, máis ineficaces e máis lentos. Distráennos e estresan.

Hai diferentes ladróns do tempo. As interrupcións son un dos máis habituais. Son capaces de romper o noso ritmo de traballo, intensidade e concentración. Obrigan á nosa cabeza a configurarse de novo e esforzarse unha e outra vez para conseguir volver ao momento exacto no que deixaramos a nosa tarefa.

Esquiva ao ladrón de tempo

Inda que non é fácil, deixámosche algúns trucos para poder sortealos.

Identifica o que te interrompe

Seguro que ao longo do día hai varias interrupcións que se repiten. Soa o teléfono, entra un novo correo, o whatsapp non deixa de vibrar... Anótaas e pensa como combatelas. Se o teu problema é o móbil, proba a silencialo e poñelo boca abaixo. Tamén podes desactivar os datos e activalos a determinadas horas do día. Se tes medo a perder algo importante podes configurar os teus contactos para saber sempre quen tenta poñerse en contacto contigo.

Evita os despistes e verás como consegues aproveitar mellor o día.

Motívate

Cando empezamos unha nova tarefa, especialmente se é nova ou complexa, adoitamos tardar en arrincar. É importante que teñas ánimo e tentes poñer toda a túa concentración nela. Ás veces, deixámola porque nos dá medo enfrontarnos a ela e caemos na procrastinación estirando o tempo para non realizala. Concéntrate e evita as interrupcións.

Pensa no prazo e obxectivo de cada tarefa

É importante que teñas unha lista de tarefas na que anotes todo aquilo que debes facer. Cada vez que chegue unha nova pensa cal é o seu obxectivo e pregunta cando debe ser entregada. A miúdo adoitamos comezar as tarefas que nos chegan e deixamos de lado o que estabamos a facer cando non é necesario.

Coida ser amable pero asertivo

A asertividade é unha gran virtude que nos axuda  a evitar as interrupcións. Debemos aprender a dicir que non cando non poidamos atender unha chamada ou realizar unha tarefa nun determinado momento. É moito máis práctico que busquemos un oco para retomala e volvamos ao que estabamos a facer.

Mesmo, podes marcar unha rutina. Se necesitas falar con clientes ou provedores, podedes establecer unhas horas determinadas para atendelos como merecen.

Traballa en bloques curtos

O blogger Alberto Pena, recomenda que se non es capaz de diminuír o ritmo de interrupcións diarias, probes a traballar en moi pequenos espazos de tempo. Ao facelo, redúcense as posibilidades de interrupción. Por iso, Alberto recomenda dividir calquera tarefa en sinxelos bloques de 15 ou 25 minutos. Así o traballo será máis intenso e produtivo.

Para aproveitar mellor as horas do día debemos poñer en marcha mecanismos que nos axuden evitar as interrupcións.  Así que deixa de ler este post e volve ao traballo. Non deixes que che roubemos máis tempo.