Europa quere garantir a inclusión de todas as persoas nun mundo cada vez máis dixitalizado. Este é o obxectivo principal da Directiva Europea de Accesibilidade, que supón un auténtico revulsivo na regulación da accesibilidade de produtos e servizos dixitais.
Malia que o 16% da poboación mundial ten algún tipo de discapacidade, só un 3% das webs cumpren cos estándares de accesibilidade para estas persoas. E, actualmente, a accesibilidade dixital é fundamental para que tamén elas poidan acceder en igualdade de condicións a Internet e aos servizos dixitais.
Por iso, a UE quixo dar un paso adiante e adoptar unha Directiva Europea de Accesibilidade que esixe a empresas e organizacións públicas e privadas adaptar as súas webs, documentación e redes sociais e facelas accesibles a todas as persoas, establecendo obrigacións claras, prazos definidos e recomendacións prácticas para lograr unha comunicación dixital verdadeiramente inclusiva.
A accesibilidade dixital convértese así nunha esixencia legal e un imperativo ético para a inclusión que debe ser tratada como un proceso de mellora continua, adaptándose a novas tecnoloxías e necesidades dos/as usuarios/as.
Aspectos fundamentais da normativa europea sobre accesibilidade
A Directiva (UE) 2019/882, coñecida como a Directiva Europea de Accesilidade, harmoniza as leis de accesibilidade dixital nos países membros, garantindo que tanto produtos como servizos dixitais sexan accesibles para todas as persoas, incluídas as que teñen algún tipo de discapacidade.
Desta maneira, todas as empresas que fabriquen, presten servizos, importen ou distribúan produtos na UE deben revisar a accesibilidade dos seus activos dixitais, especialmente en relación con:
• Comercio electrónico (plataformas de venda en liña)
• Servizos bancarios e financeiros (banca en liña, apps móbiles)
• Transporte (webs e apps de servizos de transporte e a súa información en tempo real)
• Telecomunicacións (telefonía, Internet e outros servizos de comunicación electrónica)
Principais requisitos de accesibilidade
A Normativa Europea de Accesibilidade fala de varios principios e requisitos fundamentais que deben reunir os produtos e servizos dixitais:
• Perceptibilidade: Contido dispoñible para todos os sentidos, incluíndo textos alternativos, subtítulos ou bo contraste de cor.
• Operabilidade: Navegación e funcións utilizables por todos; entre outras, acceso por teclado e tempo abondo para interactuar, sen elementos que causen convulsións.
• Comprensibilidade: Información clara e fácil de entender mediante o uso dunha linguaxe sinxela e instrucións claras.
• Robustez: Compatibilidade con distintas tecnoloxías e dispositivos, incluídos lectores de pantalla.
E establece requisitos específicos para web, documentación e redes sociais.
Para páxinas web:
• Menús claros e consistentes
• Estrutura lóxica e xerarquía de contidos
• Formularios con etiquetas claras
• Contraste de cor adecuada
• Compatibilidade con diferentes navegadores, dispositivos e tecnoloxías de asistencia
Para documentación dixital (PDFs, formularios, etc.):
• Uso de encabezados, listaxes e táboas con etiquetas semánticas
• Xerarquía e orde de lectura coherente
• Descricións detalladas en imaxes e gráficos
• Fontes claras e tamaño adecuado, bo contraste
• Documentos PDF correctamente etiquetados e con metadatos completos
• Formularios accesibles e con orde lóxica de tabulación
Para redes sociais:
• Linguaxe sinxela e sen tecnicismos
• Hashtags estruturados para fácil lectura
• Uso responsable de emojis
• Texto alternativo en imaxes
• Subtítulos en vídeos
Prazos para a aplicación e cumprimento da Normativa Europea de Accesilidade
Establécense varios prazos para o seu cumprimento:
• Os novos produtos e servizos dixitais, deben ser accesibles xa dende o seu lanzamento a partir do 28 de xuño de 2025.
• Os produtos e servizos dixitais xa existentes, teñen un período de adaptación que finaliza o 28 de xuño de 2030.
Non hai dúbida de que esta normativa europea de accesibilidade dixital marca un antes e un despois na inclusión dixital. Supón un reto, pero tamén unha oportunidade para construír unha contorna dixital máis xusta, equitativa e con maior alcance de mercado.
Porque a accesibilidade dixital non só é un dereito e unha cuestión técnica; tamén amplía o alcance das empresas e mellora a experiencia e o SEO dos sitios web, converténdose nunha grande oportunidade estratéxica que permite chegar a máis de 1.300 millóns de usuarios/as potenciais e mellorar a experiencia dixital global dos/as vosos/as clientes/as.
Se queres saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas, subscríbete ao noso boletín ou contacta co teu asesor/a persoal ou co noso equipo da área comercial empresas a través do seguinte formulario. E para estar ao día das últimas noticias síguenos en LinkedIn.