Ola. Seguro que escoitaches nas últimas semanas que baixou o custo das chamadas internacionais. E tamén oirías que no seu momento se estableceu que o roaming non tivese custo dentro da Unión Europea. Pero é o mesmo ou non é o mesmo?
A confusión é lóxica se temos en conta que ao falar de roaming nos referimos ás chamadas ou conexións a internet que facemos co móbil noutro país. Así que o de "internacional" podería encaixar. Pero non son o mesmo tipo de chamadas. Tentámoscho aclarar.
Chamadas internacionais
O que determina que unha chamada sexa internacional ou roaming é a orixe, o lugar desde o que se fai a chamada.
Se chamas desde España a calquera outro país do mundo (sexa Portugal, Francia ou Estados Unidos), trátase dunha chamada internacional. Por esa razón, sempre vai ter custo.
Chamadas e datos en roaming
O roaming é a capacidade que ten un terminal de conectarse a distintas redes móbiles. Deste xeito, aínda que non esteas en España, podes seguir falando e navegando.
Neste caso, a orixe tamén determina o tipo de chamada: se chamas ou usas os datos fóra de España, a través da antena móbil doutro operador, estás en roaming.
Rebaixa nas chamadas internacionais
Se no teu negocio ou oficina fas moitas chamadas a outros países da Unión Europea, o prezo baixou grazas a unha normativa da Comisión Europea:
- dende o fixo: antes tiñas un custo de establecemento de 30 céntimos, que agora desaparece. E por minuto pagarás só 23 céntimos.
- dende o móbil: o custo do establecemento de 54,45 céntimos tamén se elimina. Pola súa parte, fronte aos 59 céntimos/minuto de antes, agora o custo será de 23 céntimos/minuto.
- SMS: también baixan o seu prezio, de 36,3 a 7 céntimos.
Roaming
O roaming non ten custo dentro dos países do Espazo Económico Europeo. Se chamas desde Portugal a España, non pagas ningún extra.O mesmo se te conectas a internet, para todos os efectos é coma se non saíses do país.
E as chamadas que fagas a calquera outro país do Espazo Económico Europeo, tampouco teñen ningún cargo.Pagas o que tes incluído na túa tarifa.
Resumamos: se estás en Alemaña e chamas a Italia, é roaming e non pagarías máis. Pero se estás en España e chamas a Portugal é unha chamada internacional e ten custo. Sabemos que non ten moito sentido, pero ao estar os prezos regulados, se un operador portugués nos cobra por conectarnos á súa rede, iso provoca que a chamada sexa máis cara.
Países Espazo Económico Europeo
Indicámosche os países onde o roaming é gratuito e onde podes facer chamadas internacionais máis baratas:
Alemaña, Austria, Bélxica, Bulgaria, Chipre, Croacia, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Finlandia, Francia, Xibraltar, Grecia, Guadalupe (Caribe Francés), Güiana Francesa (Caribe Francés), Hungría, Irlanda, Islandia, Illas Feroe, Italia, Reunión, Letonia, Liechtenstein, Lituania, Luxemburgo, Malta, Martinica, Noruega, Países Baixos, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Romanía, Suecia e Vaticano.
Con calquera dúbida, quedamos pro aquí á túa disposición.
Imaxe de William Iven