A cultura da ciberseguridade nas pemes españolas é aínda reactiva. Seguramente porque o 99,8% do tecido empresarial non se considera un obxectivo atractivo para un ciberataque e isto tradúcese en que case 3 millóns de empresas en España están pouco ou nada protexidas contra hackers.
A peme é a argola máis vulnerable desta cadea, por falta de medios, tempo e, en ocasións, concienciación. Arredor dun 35% teñen establecidos protocolos básicos de seguridade; o 30 % das webs non dispoñen do protocolo https; só o 14% actualiza os seus contrasinais con regularidade; e unicamente o 21% fai regularmente copias de seguridade.
Todo iso en pleno crecemento dos ciberataques, xa que, segundo datos do Centro Criptolóxico Nacional, en 2020 detectáronse 38.000 incidentes, un 43% máis que o ano anterior.
Deseñar e implantar unha política de ciberseguridade axeitada é a mellor maneira de afrontar con éxito o reto de coidar a seguridade integral da vosa empresa. En R organizamos recentemente un encontro dixital pensado para analizar os principais aspectos que cómpre ter en conta á hora de elaborar un decálogo de ciberseguridade eficaz.
En primeiro lugar, convén desenvolver unha cultura empresarial que incentive e recompense a seguridade dixital e o uso seguro das ferramentas dixitais de traballo, cunha mensaxe clara do compromiso por parte da dirección e mantendo ademais aos empregados sempre alerta ante posibles ataques.
A ciberseguridade debe figurar como unha das partidas de investimento anual, de tal xeito que permita contar con ferramentas solventes e recoñecidas no mercado, sempre actualizadas e xestionadas por persoal especializado. Convén ter un soporte de seguridade localizado que sexa quen de informar a todos os involucrados sobre como acceder rápida e eficientemente en caso de incidente e que sexa capaz, ademais, de articular procesos continuos de mellora.
A seguridade non está só nos dispositivos; tamén hai que procurar redes seguras mediante políticas de seguridade actualizadas que comproben e protexan toda a contorna, incluídos os dispositivos móbiles: computadores, portátiles, móbiles, tablets, servidores , dispositivos IoT, maquinaria...
Por outra banda, a copia de seguridade é o antídoto máis potente ante un incidente de seguridade e é esencial que os datos sensibles de clientes, negocio, contabilidade e impostos se almacenen en contedores seguros e, se é posible, encriptados.
Outro piar fundamental son os contrasinais. É recomendable utilizar aplicacións e programas que esixan contrasinais seguros, cambialos periodicamente e implantar a dobre autenticación nos procesos que sexa posible.
Tampouco podedes esquecervos da páxina web. É o escaparate da vosa empresa e, en moitas ocasións, onde reside boa parte do negocio a través da venda en liña. Hai que supervisar e auditar as súas posibles vulnerabilidades e manter actualizados os sistemas de CMS que usedes.
En R queremos axudarvos a coidar o activo máis importante que posúe o voso negocio: a información. Porque a evolución vertixinosa dos sistemas informáticos e os seus dispositivos provocaron que os métodos de protección que no pasado funcionaban, como os antivirus, xa non sexan abondo. Asegurarse de cumprir un decálogo de boas prácticas e elixir a solución de seguridade máis adecuada para a vosa empresa evitaravos moitos problemas.
Se queredes saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas, subscríbete ao noso boletín ou contacta con noso equipo da área comercial Empresas.