Se es autónomo ou estás a empezar a construír a túa propia empresa, traballar nun espazo compartido pode ser unha boa opción para ti. Esta modalidade chamada coworking permíteche desenvolver a túa empresa de maneira independente e ter a túa propia oficina sen asumir altos custos.

Vantaxes

Pero o coworking non só se reduce a aforrar, ata podes chegar a facer novas alianzas profesionais e atopar oportunidades de negocio.

Aquí che deixamos sete vantaxes que che animarán a facerte cunha mesa nun espazo coworking:

  1. Que o teu lugar de traballo estea diferenciado do teu fogar axuda a empezar a xornada con forza lonxe das distraccións que poidas ter na casa. Ademais, fomenta a disciplina e axuda a establecer horarios.
  2. Podes recibir aos teus clientes nunha contorna profesional.
  3. Estar rodeado doutras persoas que proveñen de sectores diferentes ao teu, achega valor. Tamén che pode axudar a compartir ideas e recibir opinións con diferentes puntos de vista.
  4. Está claro que compartir espazo con outras persoas mellora a teu networking. Os teus propios compañeiros poden ser contactos profesionais, dando lugar a sinerxías positivas. Poida que vos presentedes de forma conxunta a novos proxectos que esixan multidisciplinariedade.
  5. Podes adaptar o peto ás túas necesidades. Os espazos de coworking adoitan ofrecer distintos bonos e paquetes segundo o total de horas e salas que utilices.
  6. Ao haber diferentes tipos de empresas de coworking, contas con moitas opcións á hora de elixir. Desta maneira podes escoller á perfección o lugar que mellor se adapte a ti. Lugares luminosos, preto de casa, con luz natural, con amplas salas… Ti decides.
  7. O coworking tamén achega formación e aprendizaxe. A maioría dos espazos facilitan o acceso a eventos e cursos. Podes aprender ou estrearte como docente impartindo os teus propios obradoiros.

Convocatorias

A Xunta de Galicia en colaboración coa Escola de Organización Industrial presenta ao longo do ano varias convocatorias para acceder a espazos coworking por diferentes lugares de Galicia.

O vindeiro mes de setembro a convocatoria será en Pontevedra e estará dirixida a emprendedores cun proxecto empresarial en fase temperá de desenvolvemento e cunha empresa creada non máis de 6 meses antes da súa incorporación ao espazo coworking.

Espazos coworking en Galicia

Hoxe en día xa hai máis de 900 espazos coworking en toda España e en Galicia existen máis de 85 espazos públicos e privados nos que podes establecer a túa oficina. Como non podemos enumeralos todos podes pinchar no nome de cada provincia para ver os que hai en cada unha delas:

Entre todos os espazos coworking de Galicia hai que destacar o situado na Cidade da Cultura. Foi fundado no 2012 e o seu obxectivo sempre foi acompañar a emprendedores e a novas empresas na súa aventura profesional. Por iso, poñen a disposición de todos os integrantes un programa para dinamizar e consolidar as súas iniciativas empresariais.

Se aínda non tes claro onde situar a túa oficina, non o dubides. Un espazo de coworking pode ser unha boa alternativa á hora de aforrar custos e crear novas oportunidades de negocio.

Ata a próxima!

Imaxe de Annie Spratt.