O teu proxecto non funciona como che gustaría e queres saber por que? Non desesperes e elabora un DAFO para analizar as decisións que tomaches durante a túa aventura empresarial. Quizais esteas a seguir a estratexia equivocada e necesites un xiro de 180 graos.
Coñecido tamén como SWOT (polas súas siglas en inglés, Strengths Weaknesses, Opportunities, Threaths), unha análise DAFO permíteche estudar a situación concreta pola que está a pasar o teu negocio (proxecto, carreira profesional...), axudándoche así a atopar os factores estratéxicos internos e externos que están a afectar ao teu negocio.
Non, non fomos nós os que inventamos o termo DAFO (tampouco é casualidade). DAFO fai referencia ás iniciais das catro variables que o integran: debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades.
Cada unha delas, identifica un factor que che permite ter unha visión positiva ou negativa do teu negocio. Este é o significado de cada un:
- Debilidades: son factores que describen as cousas que fas mal e que te fan débil fronte á competencia.
- Ameazas: son factores que poñen en perigo a supervivencia da túa empresa.
- Fortalezas: son factores que describen as cousas que fas ben e que fan que o teu negocio sexa único.
- Oportunidades: son factores que describen un contexto empresarial favorable para o teu negocio.
Destas catro variables, <<fortalezas>> e <<debilidades>> fan referencia aos factores internos da empresa. Á hora de elaborar a túa análise non che custará nada identificar que fai que o teu negocio sexa débil ou forte. Tampouco che custará implementar accións correctivas para mellorar as túas debilidades. Ti tes o control da túa empresa e por tanto dispós de capacidade para cambialo.
Ao contrario do que sucede con <<oportunidades>> e <<ameazas>>, que fan referencia a factores externos que afectan o teu negocio que non dependen de ti. Estas nacen da contorna na que se move o teu negocio e non tes capacidade de control sobre elas.
Así, cunha análise DAFO poderás:
- Identificar e analizar aquelo que afecta directamente ao teu negocio (fortalezas e debilidades)
- Identificar e analizar aqueles factores externos que afectan directamente ao teu negocio (ameazas e oportunidades)
- Identificar e analizar os aspectos negativos que non permiten que a túa empresa se desenvolva correctamente (debilidades e ameazas)
- Identificar os aspectos positivos que permiten que a túa empresa creza (fortalezas e oportunidades)
Para poder visualizar con maior comodidade e sinxeleza cada unha das variables, é recomendable estruturar o DAFO nunha matriz como esta:
Como non podemos facer un DAFO por ti, deixámosche catro consellos para que poidas sacarlle partido:
- As oportunidades deben aproveitarse. Se a situación do mercado é favorable á túa empresa, explótao. Mantenteinformado de todo o que sucede na túa contorna. Novas tendencias de consumo en mercados emerxentes poden supoñer unha oportunidade de negocio para ti.
- As fortalezas deben utilizarse. Busca aquilo que che dá vantaxe fronte aos teus competidores e maximízao. Quizais, a gran vantaxe do teu negocio é o excelente servizo de atención ao cliente ou a túa inmediatez.
- As ameazas deben minimizarse. Do mesmo xeito que un cambio político pode ser unha oportunidade para o teu negocio, tamén pode ser unha ameaza. Trata de identificalas o antes posibles para poder elaborar un plan de acción.
- As debilidades deben eliminarse. Se fas algo mal, tenta corrixilo. A túa competencia aproveitarase da túa debilidade para convencer aos teus clientes.
Utiliza a análise DAFO cando necesites coñecer a situación na que se atopa o teu negocio. Se os fas ben, pódeche axudar a implementar novas estratexias que che permitan consolidar as túas fortalezas e aproveitar novas oportunidades de negocio.