Vivimos nunha época de cambios e transformacións continuos na que resulta inevitable que xurdan novas tecnoloxías chamadas a revolucionar, unha vez máis, a nosa forma de vivir, relacionarnos e traballar. Unha delas é a computación cuántica, máis poderosa e eficiente que a tradicional, e que xa empeza a contar co seu espazo propio no panorama tecnolóxico actual.
Os sistemas informáticos tradicionais póñense a proba cando moitas variables interactúan de maneira complicada a través de múltiples secuencias e é aquí onde atopan o seu lugar os computadores cuánticos.
En termos xerais, a computación cuántica é unha rama da informática que se nutre dos principios e leis da física, as matemáticas e, especialmente, da mecánica cuántica (a que estuda as partículas atómicas e subatómicas no ámbito microscópico) para almacenar máis datos e operar con algoritmos máis eficientes a nivel numérico e, con todo iso, resolver problemas máis complexos.
Os seus algoritmos crean espazos multidimensionais capaces de analizar enormes cantidades de patróns e combinacións de datos individuais e poden realizar multitude de operacións de forma simultánea.
Cales son as características fundamentais da computación cuántica?
- Os elementos centrais do seu traballo son os cúbits (ou bits cuánticos), unidades básicas de información na computación cuántica e que multiplican de forma exponencial a velocidade dos computadores. Como o fan? Por exemplo, permitindo superpoñer e intercalar uns e ceros de forma coherente, mentres que o bit da informática tradicional só contemplaba a opción dun dos valores, ou o cero ou o un.
- A clave da computación cuántica está no entrelazamento; é dicir, os datos separados están correlacionados de tal maneira que, ao interactuar cun deles, o outro decátase e adáptase.
- Os computadores cuánticos non teñen un código ou linguaxe propio para programar, senón que se basean en algoritmos específicos.
- Un computador cuántico non ten memoria nin procesador, é de reducido tamaño e enerxéticamente máis eficiente.
- Os computadores cuánticos son complexos... e sensibles. Necesitan condicións adecuadas de presión, temperatura e illamento do campo magnético terrestre para que os cúbits "superconductores" se movan sen resistencia e, ademais, evitar fallos de medición ou mesmo o borrado de datos.
Usos actuais da computación cuántica
Pola súa gran potencia, os computadores cuánticos están pensados, esencialmente, para usos empresariais ou tecnolóxicos.
Esta tecnoloxía emerxente ten aplicacións en campos como a medicina, o medio ambiente, a biotecnoloxía, a aeronáutica, a automoción, a loxística, as telecomunicacións ou as finanzas.
En particular, os computadores cuánticos resultan especialmente apropiados para traballar con solucións baseadas en Big Data ou Intelixencia Artificial, permitindo, por exemplo, crear sistemas de aprendizaxe automática máis veloces e precisos.
Doutra banda, as súas achegas innovadoras en relación coa encriptación de datos incrementan e melloran as opcións de seguridade das comunicacións en internet, facendo posible dende a confidencialidade absoluta ao intercambio de claves de tal maneira que só emisor e receptor poidan descifralas.
Pero, que vantaxes achega a tecnoloxía cuántica ás empresas?
Os seus usos e beneficios son múltiples e diversos, e isto só é o principio.
- Optimización da cadea de subministración e produción, reducindo custos e tempos de execución.
- Maior precisión, derivada da súa capacidade para analizar e combinar todas as variables, incluso as microcóspicas.
- Alto nivel de personalización de produtos ou servizos.
- Creación de modelos estatísticos con altísimos niveis de fiabilidade e análise dos detalles.
- Capacidade para detectar e anticiparse a posibles fraudes.
- Xestión avanzada de dinámicas e fluxos de traballo.
- Axilidade nas procuras de datos e informacións específicas.
Un computador cuántico de última xeración para o CESGA
A Administración pública, pola súa banda, tamén é consciente das necesidades e as innovacións tecnolóxicas ás que poden sacar máis partido tanto entidades públicas como privadas.
Así, a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, acaba de adquirir o computador cuántico máis potente de España e un dos primeiros de Europa.
Esta compra enmárcase dentro do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia e permitirá aumentar a seguridade na transmisión de datos; axudar a entender a estrutura e o comportamento de moléculas e materiais; resolver problemas de optimización como planificar mellores roteiros, programar a produción e a asignación de recursos dunha fábrica; ou favorecer a eficiencia enerxética.
É, por tanto, un paso máis na aposta pola transición dixital do sistema produtivo e por contar coas mellores infraestruturas de investigación a través dunha das tecnoloxías máis disruptivas.
Ademais, a Rede Española de Computación (RES), xunto con varias institucións de investigación distribuídas polos diferentes territorios, entre eles Galicia, traballa para a posta en marcha de Quantum Spain, un novo proxecto que quere desenvolver o primeiro ecosistema de computación cuántica do sur de Europa.
Porque, en definitiva, os computadores cuánticos poden realizar unha tarefa útil de maneira máis rápida, económica ou eficiente.
En R, como sabedes, apostamos sempre pola innovación e non perdemos de vista aquelas tecnoloxías que axudan a mellorar a eficiencia e a rendibilidade da vosa empresa.
Se queres saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas, subscríbete ao noso boletín ou contacta co teu asesor persoal ou con noso equipo da área comercial empresas a través do seguinte formulario.