Nun contexto onde se demandan tanto solucións tecnolóxicas avanzadas como persoal especializado e cualificado, os tecnólogos prepáranse para lles dar resposta aos novos desafíos tecnolóxicos con competicións como os ciber-retos, datathon, … e as empresas participamos nestes encontros con retos reais.
Un CTF (Capture The Flag) ou reto de ciberseguridade é unha competición entre profesionais da seguridade e/ou estudantes que desexan aprender de forma divertida na que os participantes, tanto profesionais como alumnos/as, poñen a proba os seus límites para gañar o reto.
Compítese para atopar solucións ou descifrar os diferentes retos tecnolóxicos expostos. Valóranse a orixinalidade ou a adecuación ao tema e tamén hai premios. Así que é unha maneira moi activa de expor, practicar, compartir e premiar solucións innovadoras.
Como funcionan os ciber retos?
Os ciber-retos poden contar con múltiples modalidades, obxectivos, participantes ou premios.
- Ciber-reto individual, colectivo ou en grupo. É dicir, pode tratarse dun reto no que unha única persoa ou un equipo deban ir resolvendo os diferentes pasos e problemas que se expoñen ata chegar á conclusión final; ou pode enfocarse, por exemplo, como unha competición entre profesionais/empresas. No segundo caso, a dinámica adoita consistir en propoñer ideas e solucións que logo valorará un "xurado", conforme a criterios previamente definidos, para determinar cal é a mellor proposta.
En calquera caso, o obxectivo fundamental dos ciber-retos é aprender e que o desafío se converta nun espazo de creación e intercambio de ideas.
- Os ciber-retos poden ser físicos, virtuais ou híbridos. En plena era dixital, son habituais os dous últimos tipos, e resulta indispensable contar cunha plataforma virtual adecuada.
- Unha vez definido o tipo de participantes e a modalidade de desenvolvemento, hai que identificar e expor os retos.
Un par de exemplos:
Unha base de datos empresarial sufriu un ataque ransomware (secuestro de información). Que solucións adoptariades na vosa empresa?
Ou ben: púxose en marcha un novo modelo de traballo na vosa empresa que combina diferentes sedes e dispositivos con equipos que deben compartir documentos. Pero non todos teñen os mesmos permisos e detectouse unha fenda de seguridade, que facedes?
- O seguinte paso é definir a mecánica do ciber-reto: tempo de execución, documentación dispoñible, distribución por niveis...
- En canto a premios e recoñecementos, adoitan enfocarse en función dos participantes. Por exemplo, se compiten estudantes, unha opción interesante é ofrecerlle ao gañador/a algunha oportunidade laboral na empresa.
En todo caso, unha parte fundamental destes encontros é a posta en común final das solucións expostas e defendidas polos participantes. Porque cada persoa/equipo ou empresa ten uns coñecementos e, aínda que non puidese superar todos os niveis, debeu facer fronte a algo novo e tomou consciencia de perigos ou ameazas latexantes.
Porque unha das mellores formas de aprender e buscar solucións innovadoras é programármonos novos retos e problemáticas.
Dende a cátedra R temos organizado varios retos de ciberseguridade nos que os participantes debían demostrar as súas habelencias e destreza á hora de resolver problemas relacionados con temáticas como a criptografía, a análise forense, networkinge reversing.
E o día 29 de marzo, no CITIC Cyber Competition e durante 4 horas, os participantes demostrarán os seus coñecementos no ámbito da seguridade informática.
Aínda que non sempre estes retos se cinguen á temática ciberseguridade. Outros temas de actualidade tecnolóxica como o Big Data ou a Intelixencia Artificial tamén poden ser os protagonistas, como no caso do Datathon "Madrid for Tech", no que o noso compañeiro Adrián Bertol, especialista de Intelixencia Artificial e Analítica de R, propoñerá, xunto a outros expertos, solucións a diferentes retos e desafíos expostos en relación cos datos e a IA.
En R cremos que iniciativas como os ciber-retos son unha boa maneira de enfrontarse a situacións difíciles que obrigan a pensar solucións, ademais de servir para descubrir e fomentar o talento e a formación nun ámbito fundamental a día de hoxe.
Se queres saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas, subscríbete ao noso boletín ou contacta co teu asesor persoal ou con noso equipo da área comercial empresas a través do seguinte formulario.