Xa te decidiches a montar a túa propia empresa, fantasiaches co nome, imaxinaches o local, o trato que lles darás aos teus clientes... Telo todo na túa cabeza! Agora é o momento de plasmalo nun papel. Se queres pasar das palabras aos feitos precisas un plan de empresa.

Que é un plan de empresa?

É o documento que analiza a oportunidade do negocio que propós e a súa viabilidade técnica, económica e financeira. Soa moi abstracto, pero precisamente trátase de poñer claridade ao teu proxecto de negocio. Servirache para ordenar as túas propias ideas, para que marques unha folla de ruta e para conquistar posibles investidores. A partir de agora é a 'Biblia do teu negocio'.

Que elementos debe incluír un plan de empresa?

O Plan de empresa é un resumo do teu proxecto de negocio. Non deas nada por sentado e inclúe toda a información, incluído o teu contacto!

  • Portada. A primeira impresión conta. Fuxe dos adornos, pero intenta transmitir unha imaxe de seriedade e profesionalidade. Non esquezas os teus datos de contacto! Canto máis a vista, mellor.
  • Índice. Outra verdade de pé de banco que non está de máis lembrar. É básico para facilitar a lectura do documento. Ideal para os 'fans' que queiran repasar o teu plan.
  • Resumo executivo. Por que non facilitarlle o traballo a posibles investidores vendendo o teu proxecto nas primeiras páxinas? Cal é o teu obxectivo, o valor engadido do teu proxecto, as oportunidades... Conquístaos nun parágrafo!
  • Equipo. Non te escondas, é importante transmitir quen está detrás desa innovadora idea, quen dá a cara polo proxecto. Enumera os promotores do novo negocio e os seus currículos.
  • Estudo de mercado. Se decidiches lanzar a túa idea de negocio é porque encontraches unha oportunidade para o teu produto ou para o teu servizo. Cóntao, recolle no teu plan de empresa as características do mercado no que competirás, as novas tendencias detectadas e unha análise DAFO (debilidades, fortalezas, ameazas e oportunidades) do teu negocio.
  • Estratexia comercial. Como vas vender o teu produto (localización do negocio, canles de distribución), cal vai ser o seu elemento diferenciador, que estratexia de prezos vas seguir.
  • Organización e persoal. Se xa definiches o perfil do teu equipo directivo e o organigrama da túa empresa, cóntao. Transmitirás seguridade ao ter o esquema de organización interno pechado.
  • Plan de investimentos. Neste apartado figurarán os investimentos previstos para os primeiros anos. Nel incluiranse os gastos de constitución, os gastos materiais, os gastos intanxibles, as necesidades de financiamento, os ingresos por áreas de negocio e as contas de resultados provisionais. Trátase de deseñar un escenario económico para a túa empresa

Modelos para elaborar plans de negocio

A túa idea é orixinal, pero antes ca ti, millóns de emprendedores elaboraron o seu plan de negocio para facer realidade o seu soño. Por iso, céntrate en ter claro o teu proxecto e en que resulte atractivo, á hora de poñelo por escrito existen modelos para axudarche a elaborar o teu plan de negocio. Apunta estes recursos, poden resultarche útiles:

Aproveita as ferramentas dispoñibles e o asesoramento que che poden ofrecer as administracións públicas para elaborar o teu plan de negocio. Só un último consello: fai teu o documento, asegúrate de que recolle a filosofía da túa idea de negocio tanto no contido coma no ton. Serache moito máis doado despois defendelo e cumprir os obxectivos que recolle. Sorte!