Coñecedes o Inbound Marketing? Combina técnicas de márketing e publicidade non intrusivas e nace froito da evolución lóxica dos mercados dixitais.
Conforme as compras en liña se consolidan e multiplican e ante a existencia dun abanico de opcións inmenso, chegar aos consumidores nos momentos decisivos do proceso de compra e espertar o seu interese ata convertelos nun contacto propio non é tarefa fácil pero, cando o consegues, resulta moi eficaz.
Este é o obxectivo principal do Inbound Marketing: acompañar os usuarios dende o principio ata o final do seu proceso de compra e, finalmente, fidelizalos.
Para entendernos, identifica a usuarios que están a empezar a comprar e esperta o seu interese a través de contidos apropiados adecuados ao momento, ás circunstancias e ao tipo de cliente.
Queredes saber como podedes captar clientes mediante a creación de contido valioso e experiencias feitas a medida?
Como elaborar contidos que esperten interese
A base do chamado Inbound Marketing é atraer a potenciais usuarios. Como facelo? Creando contidos de calidade de interese para os usuarios. E como saber cales son os temas que máis demandan? Fundamentalmente, consultando as palabra clave máis buscadas na rede, as estatísticas de uso e navegación en páxinas web ou o número de seguidores e interaccións en perfís de redes sociais.
Coñecendo estes datos e sabendo que tipo de información ten maior demanda, está na vosa man elaborar contidos atractivos e novos capaces de espertar o interese do maior número posible de usuarios. Neste punto, coñecer e facer bo uso das chamadas estratexias SEO (Search Engine Optimization) é indispensable para que os vosos contidos aparezan ben posicionados nas procuras na internet.
A captación e a conversión son outros conceptos clave do Inbound Marketing. É dicir, converter as visitas á vosa páxina web en 'leads' a través de landing pages visuais e efectivas, nas que resultan especialmente útiles formularios sinxelos e chamadas á acción.
O éxito radica en poñer nome e apelidos e converter en contactos propios os visitantes da páxina para ir creando unha ampla base de datos de contactos cualificados aos que poidades dirixir con maior eficacia e coñecemento as vosas accións de márketing.
Cando consigades espertar o interese do usuario e xa coñeza a vosa empresa e os seus servizos, non só poderedes enviarlle comunicacións sendo conscientes de que está interesado, senón que ademais é probable que redifunda as vosas mensaxes entre os seus contactos a través de redes sociais, correos electrónicosou mesmo mediante o boca a boca. A maior alcance, máis coñecemento, imaxe de marca máis forte e posicionada e, finalmente, incremento de vendas.
E aquí radica outra clave dunha boa estratexia de Inbound Marketing: elaborar accións de comunicación e difusión dixitais efectivas. A día de hoxe, son múltiples as opcións, moitas delas gratuítas, coas que contades: newsletter, email márketing, publicidade en redes sociais... Xa sabedes que non hai campañas máxicas universais; cada empresa debe coñecer o seu produto e elaborar estratexias realistas.
Todo xira en torno ao usuario
O Inbound Marketing pon o usuario e as súas necesidades no centro da acción e convérteo nun cliente potencial ao que lle dedicar toda a atención da forma máis personalizada posible. Trátase dunha comunicación bidireccional na que a interacción resulta esencial para consolidar a transformación de usuario potencial en cliente fidelizado. Atender os comentarios ou suxestións que suscitan os vosos contidos permítevos axustar ou redefinir ofertas e servizos.
O éxito do Inbound Marketing radica tamén en seleccionar as ferramentas de automatización correctas para elaborar as campañas. HubSpot, Hootsuite ou a propia ferramenta de xestión de palabras clave de Google poden resultarvos moi útiles para xestionar unha estratexia de contidos.
O Inbound Marketing baséase en soportes dixitais; para medios máis tradicionais, como a radio, a tele ou os xornais, existe a versión Outbound Marketing, similar nos seus obxectivos, aínda que máis masiva e centrada en marca e produto.
Se estades interesados no mundo do Inbound Marketing e en como levalo á vosa empresa, recomendámosvos algúns libros nos que descubriredes ideas e exemplos prácticos que vos axudarán.
O primeiro deles, 'Get Found Using Google, Social Media, and Blogs', firmado polos chamados fundadores do Inbound Marketing: Brian Halligan e Dharmesh Shah.
Un clásico: 'Guerrilla Marketing', de Jay Conrad Levinson, Jeannie Levinson, Amy Levinson.
Para empezar co básico, 'Inbound Marketing for Dummies', de Scott Anderson Miller.
Se ademais che interesan os temas de SEO, 'Inbound Marketing and SEO: Insights from the Moz Blog', de Rand Fishkin e Thomas Høgenhaven.
Atraer, interactuar, converter, deleitar ou pechar son algunhas das palabras que definen aspectos esenciais da estratexia de Inbound Marketing, unha das técnicas máis interesantes para as empresas a día de hoxe xa que as súas vantaxes son evidentes: incrementan os contactos, os rexistros (ou leads) e as visitas ás páxinas web.
Coñece máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas sucribiéndote ao noso boletín ou contactando co equipo da área comercial empresas.