A Cidade das TIC vén de facerse realidade coa inauguración do seu Centro de Servicios Avanzados (CSA). Arrinca así unha iniciativa estratéxica para crear en Galicia un polo TIC e de innovación dixital de referencia a nivel nacional e internacional e que conta coa infraestrutura de rede de R.

A Cidade das TIC nace impulsada polo desexo de contribuír á especialización de Galicia en tecnoloxías emerxentes. Ampáranos un sector TIC galego que non para de medrar e é un dos máis dinámicos en canto á súa evolución e perspectiva de futuro. En termos económicos, factura ao ano uns 2.643 millóns de euros.En datos de emprego, son máis de 2.700 as empresas do sector que lles dan traballo a máis de 18.100 persoas. E medrando. Só na Cidade das TIC prevese a creación de centos de empregos nos próximos anos.

Para consolidarnos como polo de referencia hai tamén que estimular e atraer tanto a emprendedores/as TIC como a grandes socios tecnolóxicos internacionais e consolidar tecidos empresariais conectados e competitivos que impulsen as TIC e a dixitalización galega.

E fai falta un lugar onde se aglutinen ideas e proxectos e se xere un ecosistema TIC dinámico e vangardista.

Ese espazo é a Cidade das TIC, situada na Coruña, nos terreos da antiga Fábrica de Armas.

cidade-das-TIC

A aposta de R por un proxecto nado da colaboración público-privada

A Cidade das TIC nace da colaboración público e privada entre administracións públicas e empresas TIC, capitaneadas pola Universidade da Coruña e o Clúster TIC Galicia. E R é unha desas empresas pioneiras que apoiou dende os seus inicios a idea de crear unha "Cidade das TICS".

Convertido o proxecto en realidade, somos agora o seu principal provedor de telecomunicacións, fornecendo conectividade, servidores, equipos de datos, switching, infraestrutura de Intelixencia Artificial e servizos de datacenter.

Cremos que a Cidade das TIC é o lugar dotado con todas as ferramentas necesarias para pensar, investigar e crear produtos tecnolóxicos "made in Galicia" e un centro tecnolóxico deste nivel necesita unha rede potente que lle permita desenvolver todo o seu potencial.

Que é a Cidade das TIC?

Poñer en marcha un polo tecnolóxico innovador non é tarefa fácil. Porque son moitos os obxectivos e as liñas de actividade que ten por diante a Cidade das TIC.

• Ser un centro de innovación industrial no que se xeren infraestruturas de innovación e servizos TIC avanzados.

• Funcionar como parque empresarial para pequenas e grandes empresas TIC e, especialmente, como incubadora especializada en Intelixencia Artificial.

Hai que lembrar que A Coruña foi elixida tamén sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), un organismo pioneiro que abre a porta a unha infinidade de oportunidades empresariais vinculadas a esta tecnoloxía, unha das máis disruptivas e activas a día de hoxe.

• Traballar como un campus tecnolóxico, con Centro de I+D incorporado.

• Converterse nun lugar para a formación e a divulgación do sector TIC.

A primeira pedra de todo este conglomerado de servizos e obxectivos represéntaa o Centro de Servicios Avanzados (CSA), que ofrece novos servizos tecnolóxicos para empresas e que xa está inaugurado.

cidade-das-TIC

Centro de Servicios Avanzados (CSA)

O Centro de Servicios Avanzados converteuse no primeiro espazo que se pon en marcha na Cidade das TIC.

A inauguración contou coa presenza de autoridades e duns 350 profesionais do sector das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), o cal indica a relevancia e as expectativas xeradas ao redor da Cidade das TIC.

Neste Centro de Servicios Avazados (CSA) hai laboratorios avanzados adicados á Intelixencia Artificial, media e dispositivos intelixentes, showroom, espazos de coworking e 2.600 m2 de superficie no que poden aloxarse empresas TIC para desempeñar o seu traballo. Imatia, Cinfo, ITG, Xoia, Enxenio e Odeene xa contan cun lugar propio reservado.

O CSA pretende ser un punto de encontro entre clientes, universidade, centros de coñecemento, empresas e provedores de solucións TIC para a transformación dixital da industria.

Na práctica, poderá, por exemplo, facilitar, en modo de uso compartido, tecnoloxías TIC industriais (Mediatech, Intelixencia Artificial, Internet das cousas, sensores, BPMs, simuladores) ou executar tarefas temperás de definición (prototipado, demostración, análise de alto nivel) de proxectos de transformación dixital industrial antes da súa definición para o mercado.

A súa labor de divulgación de coñecementos TIC comezou o mesmo día da inauguración, coa celebración dun primeiro evento tecnolóxico titulado "Intelixencia Artificial e empresa".

Nel participaron Alberto Pan e Daniel Lender, Chief Technology Officer e Chief Financial Officer, respectivamente, de Denodo; Zeltia Lado Lago, Directora Xeral de Formación para o Emprego e Orientación da Xunta de Galicia; David Pereira, Head of Data & Intelligence de NTT DATA Europe & Latam; Ravin Dhalani Gonzalez, Chief Information Officer no Grupo MASMOVIL (ao que pertence R) e Chema Alonso, Chief Digital Officer de Telefónica.

Un encontro no que se falou, entre outras cuestións, de tecnoloxías emerxentes como a Intelixencia Artificial e de estratexias de formación e investimento vinculadas ás TIC.

Con esta posta de longo comeza a andaina das Cidade das TIC, un proxecto ambicioso e innovador que sitúa a Galicia na vangarda tecnolóxica.

Se queres saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas, subscríbete ao noso boletín ou contacta co teu asesor persoal ou co noso equipo da área comercial empresas a través do seguinte formulario. E para estar ao día das últimas noticias séguenos en LinkedIn.