Pedro Baños, Coronel de infantería do Exército de Terra en situación de reserva, é un dos expertos que participaron na edición 2025 das Xornadas Tecnolóxicas R. Con el falamos de ciberseguridade, xeopolítica e tecnoloxía.
• Cal é a relación entre tecnoloxía e xeopolítica?
Absoluta. Para avanzar, calquera sociedade, ao longo da historia, sempre necesitou catro cousas: vontade humana ou iniciativa, enerxía, recursos naturais e tecnoloxía.
A tecnoloxía, en moitísimos casos, case sempre, marcou a pauta de quen foi a potencia dominante. E vemos que agora mesmo, dentro da pugna que claramente manteñen EE.UU. e China, hai aspectos comerciais, económicos, financeiros e, fundamentalmente tecnolóxicos, que á súa vez están relacionados con todos os demais.
• Como afecta a situación xeopolítica á xeración e crecemento de novas ameazas cibernéticas? Podemos dicir que a maior tensión e inestabilidade, máis ciberdelincuencia?
Non podemos mesturar cousas. O termo ciberespacial é tremendamente amplo e, por suposto, emprégase tamén dende o punto de vista xeopolítico. Hai unha ciberguerra permanente, coas grandes potencias ciberatacándose permanentemente entre elas: pode ser simplemente para espionaxe, para obter información política, xeopolítica ou económica das outras potencias.
E logo está a cibercriminalidade. Isto non quere dicir que non haxa potencias que non utilicen o cibercrimen para obter diñeiro, e nin sequera directamente co seu persoal, poden subcontratar cibercorsarios que traballen ao seu servizo.
O que si é verdade é que cada vez hai maior ciberdelincuencia. Hai que ter en conta que as persoas vivimos xa en dous planos: físico e virtual. E o mesmo que hai delincuencia no plano físico, haina tamén no plano virtual. Pero hoxe a maioría da delincuencia prodúcese no ciberespazo, precisamente pola gran inmersión que todos temos neste mundo.
Pedro Baños: "A maioría da delincuencia prodúcese no ciberespazo pola gran inmersión que todos temos nel"
Ademais, pasa algo moi curioso: os desenvolvementos, tradicionalmente, polo menos ata o de agora, non pensaron nunca na ciberseguridade como prioridade. Primeiro desenvolvíase o sistema e logo víase como se podía implementar unha seguridade para protexelo. Non se pensou en empezar pola seguridade e darlle prioridade antes de terminar de desenvolver o sistema.

• Que papel xoga a tecnoloxía no equilibrio de poderes e rivalidades sociopolíticas? Pode ser a tecnoloxía un instrumento de ameaza ou control?
Si, tamén son dúas cousas diferentes. Por unha banda, a tecnoloxía é un aspecto clave en todo o espectro xeopolítico actual. A historia demóstranos que o que tivo mellor tecnoloxía e, ademais, pode vender máis barato que os demais, domina os mercados.
En Europa, tiñamos o caso claro de Alemaña, que tiña a mellor tecnoloxía. Quen non quería ter un coche ou un electrodoméstico alemán, incluso sendo máis caro.
Pero cando te enfrontas a un caso como China, que ten a mellor tecnoloxía e ademais pode vender máis barato que calquera país occidental, empezan os problemas. Aínda que lles poñamos moitos aranceis porque en Europa somos moi proteccionistas (de diversas maneiras).
Doutra banda, a tecnoloxía permítenos vivir mellor ao cidadáns pero, se se utiliza mal, pode ser un grande instrumento de control das poboacións. Ademais, os cidadáns non somos conscientes da cantidade de datos que achegamos de maneira constante no ciberespazo. Todo o que facemos ou compramos vai deixando unha pegada e marcando absolutamente todo: a nosa forma de ser, o noso nivel económico... Estamos a achegar continuamente datos que poden ser utilizados para o ben ou para o mal. Unha vez que te coñecen, pódente manipular; e en moitos casos xa está a suceder.
• Afrontan os mesmos desafíos tecnolóxicos empresas e gobernos ou organismos públicos?
Si, porque da ciberseguridade non escapa ninguén. Ciberseguridade sería que neste mundo ciberespacial estivésemos exentos de perigos e ameazas. Pero este tipo de perigos padécenos todos, persoas e entidades públicas ou privadas, que utilicen o ciberespazo. E estamos a ver que os ataques son constantes, a persoas individuais con mensaxes maliciosas para que demos os nosos datos, ou a entes públicos e privados, a través dunha enxeñería social cada vez máis sofisticada que permite tamén a Intelixencia Artificial.
Pedro Baños: "A IA fai posible unha enxeñería social cada vez máis sofisticada que tamén pode usarse para ciberataques"
Calquera empresa pode sufrir, por exemplo, un ransonware ou secuestro de datos. Moitas veces, sófreno organismos que o disimulan ou tentan ocultalo polo desprestixio que lles vai supoñer o dicir que foron atacados. E os ciberdelincuentes ameázanos con contalo porque moitas veces é maior o dano causado por facelo público que polo diñeiro que están a pedir para o rescate dos datos.

• Atopámonos fronte a un cambio de era motivado, fundamentalmente, pola tecnoloxía? Que desafíos se nos presentan nun futuro inmediato?
O cambio social que vai haber é absoluto en todos os planos. Pensemos o que vai significar a Intelixencia ou as Intelixencias Artificiais, que se están impoñendo a pasos axigantados. Todo cho ten que confirmar unha IA, con todo o risco que iso conleva ao ser facilmente manipulable.
Grok, por exemplo, no caso de X, simplemente o que fai é un resumo do que previamente se puxo nesta rede social. Pero alguén pode ter a malicia de poñer determinada información para que ese resumo estea xa condicionado.
Isto vainos pasar tamén en calquera outro ámbito. Pero o que é certo é que isto o vai cambiar todo: xornalismo, avogacía, sanidade... calquera sector que agora mesmo pensemos vai estar afectado pola IA dunha maneira ou doutra. Empezando polo tema laboral, vai haber distintos empregos? Si, pero o certo é que, en xeral, vai haber moitos menos empregos. Agora mesmo xa hai fábricas en China onde son todo robots controlados por IA, e non necesitan nin que haxa luz.
Entón, isto é un cambio social absoluto para o que me temo que moitos dos nosos dirixentes non están mentalizados e tampouco están a preparar un plan estratéxico para o que que vai suceder. E isto está correndo a un paso axigantado; vai suceder en moi poucos anos.