Na actualidade levamos e xestionamos dende o móbil a nosa vida persoal e profesional. Temos convertido o noso terminal nun inmenso contedor de datos moi atraínte e, en ocasións, nun obxectivo demasiado fácil para ciberataques, virus e múltiples riscos. De aí a importancia de coidar a ciberseguridade do teléfono móbil.
As ameazas para a seguridade dos dispositivos móbiles están a aumentar en cantidade e en gravidade. E aquí atopámonos ante un paradoxo: cada vez utilizamos máis os nosos teléfonos para realizar xestións diarias e traballar pero, con todo, estes non adoitan contar con solucións de ciberseguridade adecuadas nin estar tan protexidos como, por exemplo, os PCs de escritorio.
Así que non é de estrañar que o teléfono móbil se teña convertido nunha das principais entradas de virus e perigos cibernéticos.
Neste contexto, como podemos coidar a ciberseguridade do noso teléfono móbil para que non nos afecte a nós nin á nosa empresa?
Consellos para coidar a ciberseguridade do teléfono móbil
• Utilizar e descargar apps oficiais.
• Desconfiar de mensaxes urxentes, especialmente se non se identifica claramente quen o envía ou pide que lle facilitedes (ou confirmedes) datos.
• Usar contrasinais seguros e cambialos con frecuencia.
• Facer copias de seguridade dos datos. Actualmente, as solucións na nube son unha das opcións máis populares para ter sempre dispoñible e protexida, toda a información.
• Coidado coas redes públicas gratuítas.
• Revisar que sesións están abertas no terminal. As que non se usen habitualmente é preferible desconectalas; e se se deixa de utilizar algunha, o recomendable é desinstalala.
• Comprobar que as apps e redes sociais que se utilizan contan con medidas de seguridade axeitadas.
• Incorporar opción de borrado remoto de datos para casos de perda ou roubo do terminal.
• Bloqueo de contrasinal. Tamén moi útil por se se perde a pista ao dispositivo; ou simplemente por se vos esquecestes de pechar algunha sesión.
• Actualizar periodicamente o sistema operativo do móbil.
• Contar con solucións de ciberseguridade completas e actualizadas.
Riscos de seguridade para os teléfonos móbiles
• Filtración de datos. Neste apartado destacan as chamadas "riskware", esas aplicacións gratuítas que moitas veces descargamos para acceder a servizos ou produtos de tendas e establecementos. Para poder instalalas, indicamos datos persoais e, ademais, damos permisos de acceso ao noso teléfono.
• Utilización de redes non seguras. En moitos establecementos públicos, dende hoteis a ximnasios, podemos utilizar wifis gratuítas ao dispor dos/as usuarios/as. En moitos casos, a súa seguridade é limitada e supón un potencial risco.
• Suplantación de rede. Tamén en lugares públicos se producen maioritariamente as suplantacións de rede; é dicir, vemos ao noso alcance supostas conexións (paréceno, pero non o son) que, para acceder, convídannos a dar os nosos datos. E non sabemos onde acabarán nin con que finalidade serán utilizados.
• Xestión das sesións. Moitos dispositivos móbiles permítennos lembrar os contrasinais, de tal modo que non teñamos que introducilos cada vez que as utilicemos. A comodidade que supón é tanta como o potencial risco que representa, xa que hai softwaresmaliciosos que permiten intercambiar e extraer datos de sesións abertas sen que nos deamos conta.
Que ciberdelitos lles afectan máis aos teléfonos móbiles?
Os ciberdelitos reinvéntanse a gran velocidade; tanta, que moitos nin sequera teñen aínda un nome. Pero imos enumerar algúns xa coñecidos e que nos poden supoñer serios crebacabezas.
• AdWare ou software publicitario. É a ameaza máis común para dispositivos móbiles. De súpeto, non paran de saír anuncios na pantalla en múltiples xanelas emerxentes. Ademais de ser molesto, facilita unha porta de entrada a outras ameazas.
• Phishing. O envío de correos ou avisos falsos segue sendo un dos métodos máis utilizados polos ciberdelincuentes para acceder a contrasinais e datos persoais. Ao móbil poden chegarnos en formato sms, whatsapp ou correo electrónico. Ao termos na nosa man unha forma de acceso rápida e cómoda, resulta fácil caer na tentación de picar nesa ligazón que nos envían para ver de que se trata.
• Spyware. O noso móbil pode conter algún tipo de software que recompila datos e os reenvía a un terceiro sen o noso permiso nin coñecemento. É unha técnica combinada, en moitos casos, coa filtración de datos ou derivada do phising.
• Troianos, especialmente os relacionados coa banca en liña. Unha forma de acceder de forma remota á información financeira do noso teléfono.
• Keyloggers. Son programas que rastrexan o que o usuario teclea no seu dispositivo. Unha maneira moi efectiva de conseguir contrasinais.
• Ataques "man in the middle". Os ataques máis habituais utilizando as redes sociais. Sorteando o habitual cifrado de extremo a extremo, exercen de intermediarios entre dispositivos e así conseguen acceder a datos nuns e outros.
En resumo, xa que o móbil é gardián e centro neurálxico dos nosos datos persoais e empresariais, deberiamos protexelo e coidar a súa ciberseguridade.
Se queres saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas, subscríbete ao noso boletín ou contacta co teu asesor persoal ou co noso equipo da área comercial empresas a través do seguinte formulario. E para estar ao día das últimas noticias síguenos en LinkedIn.