O concello de Cambados, pertencente á comarca do Salnés e con preto de 14.000 habitantes, decide no ano 2015 implantar un sistema de gravación dos plenos. Os obxectivos son varios: transparencia política; permitir aos cidadáns coñecer en directo que decisións se toman dos temas que se levan a debate sen ter que desprazarse e repositorio, a xeito de hemeroteca, para consultar todos os plenos.
O sistema técnico escollido polo Concello no 2015 presentaba limitacións, xa que a calidade do son, algo primordial para eles, non era bo. Tratábase dun sistema analóxico e resultaba complicado comprender o que se dicía.
Isto levounos a poñerse en contacto con R e, tras unha análise de necesidades, vimos que o noso servizo de multicámara encaixaba á perfección coas súas necesidades. Ofrecémoslle entón unha solución máis económica, cunha mellor calidade de son e moito máis sinxela de xestionar.
A solución: o servizo multicámara
En cuestión dun mes, o concello de Cambados emitía os seus plenos en directo cunha mellor calidade de son e vídeo para os cambadeses.
Segundo explica Xurxo Charlín, Concelleiro de Economía e de Facenda de Cambados, ao primeiro pleno emitido co novo sistema conectáronse máis de 160 persoas á vez. Cifra que sorprende porque non se trataban temas de grande importancia, pero que reflicte o interese da vila. “Mostra que a xente quere participar nestes contidos online”, conclúe Charlín.
Por outra banda, o Concelleiro de Economía e Facenda cambadés salienta que “as persoas que accederon a este pleno os felicitaron: dixeron que mellorou abismalmente a calidade do son co sistema que temos agora”.
A importancia de emitir un pleno en directo
O último xoves de cada mes celébrase o pleno no concello de Cambados e os veciños poden asistir sen ter que moverse da casa. A razón que está tras todo isto é que para o goberno local, comenta Xurxo Charlín, “é moi importante que os veciños poidan acceder á política municipal sen desprazarse, que poidan ver o que se decide nosplenos, xa que moitas veces son temas que lle poden afectar directamente”.
Este acceso non pasa só pola emisión en directo do pleno, senón tamén porque as gravacións se soben de xeito automático á hemeroteca que eles escolleron. A través da plataforma Youtube contan cun repositorio dos plenos de libre consulta. Conta Charlín que teñen “unha páxina que fixemos no concello de Cambados, que se chama Portal de Transparencia, onde colgamos os plenos”.
Máis axilidade e personalización
Á hora de analizar a súa experiencia, Xurxo Charlín valora “moi positivamente este novo sistema, sobre todo pola calidade e facilidade á hora de utilizalo”. Falamos arriba do éxito do novo sistema de audio, pero a solución técnica de R ofreceulles axilidade en tanto que antes tiñan que facer toda a programación, “colgalo en Youtube e programalo nas redes sociais”. Pola contra, “agora queda programado de dous día antes e é moito máis fácil par avisar en redes da canle e hora no que poderán ver o pleno”, afirma Charlín.
O servizo multicámara ten varias funcionalidades, tratando de que cada cliente as adopte segundo as súas propias necesidades. En Cambados teñen a pantalla dividida en tres planos, porque “abonda con ver as reaccións das tres mesas”, pero o servizo tamén permite facer a realización online ou escoller primeiros planos, por exemplo.
Vídeo-actas
Por outra banda, dende o equipo de goberno do concello de Cambados, sempre con afán de mellora, están pensando en “facer vídeo-actas, para que xa se establezan as actas deses plenos, e non ter que redactar todas as conversas. Así simplificamos o proceso administrativo”.
Non só se trata de darlles facilitades aos veciños para abrir a política á rúa, senón tamén a funcionarios como a secretaria municipal.