En plena era da Intelixencia Artificial asistimos case acotío a novidades e avances. Entre eles, os chamados axentes de Intelixencia Artificial, cada vez máis populares, que contan con tres grandes capacidades: percibir, razoar e actuar.
Un axente de Intelixencia Artificial é un sistema que observa a súa contorna, razoa sobre o que percibe e actúa para lograr obxectivos. Noutras palabras, recibe datos, procesa esa información con algoritmos de IA para planear que facer e executa accións na contorna. Isto pode implicar, dende dar unha resposta nun chatbot a provocar, por exemplo, o movemento dun robot.
Os chatbots habituais adoitan limitarse a respostas en linguaxe natural ante comandos específicos, pero os axentes de IA poden tomar accións complexas e planificar tarefas de maneira máis intelixente e autónoma.
Un axente de IA diferénciase doutros programas porque non só segue instrucións predeterminadas; tamén razoa, aprende da experiencia, se adapta rapidamente e soluciona problemas de maneira autónoma. E pode ter distintas formas, o cal o converte nunha ferramenta moi polivalente: software en computadores, asistentes virtuais, robots físicos, dispositivos con sensores...
Os axentes de IA ofrecen grande autonomía e produtividade, poden executar tarefas repetitivas ou complexas, tomar decisións e aforrarnos moito tempo e recursos. Ademais, melloran constantemente grazas á súa capacidade de aprender e adaptarse, intégranse con sistemas empresariais (como CRMs ou ERPs) e permiten a automatización de fluxos de traballo, polo que resultan fundamentais para mellorar a competitividade e eficiencia no actual contexto de dixitalización.
Usos prácticos dos axentes de IA
Para que se utiliza un axente de IA na práctica? Aquí tes algúns exemplos.
• Chatbots: poden resolver dúbidas frecuentes ou axudar os/as clientes/as a realizar xestións.
• Asistentes virtuais: algunhas das máis coñecidas, Alexa, Siri ou Google Assistant, son axentes de IA que entenden ordes e controlan dispositivos. Poden axudarche en tarefas diarias como organizar axendas, enviar recordatorios ou xestionar correos.
• Atención ao/á cliente/a.
• Robótica e control. Imaxina un robot aspirador que "mapea" a casa e limpa só.
• Coches autónomos.
• Drons.
• Recomendacións personalizadas de películas ou produtos.
• Sistemas financeiros que fan trading automático.
• Diagnósticos médicos.
• Videoxogos.
• Optimización de rutas de transporte ou repartición.
• Eficiencia enerxética.
• Plataformas educativas. Personalizan a aprendizaxe e melloran a interacción e o seguimento do/a alumno/a.
Tipos de axentes de IA
Os axentes de Intelixencia Artificial (IA) pódense clasificar segundo como perciben, deciden ou actúan.
• Axentes Reactivos ou de Reflexo Simple: Responden directamente a estímulos inmediatos seguindo regras predefinidas, sen memoria nin razoamento complexo.
• Axentes Baseados en Modelo: Gardan e lembran unha representación interna do modelo de referencia para avaliar a situación e actuar en consecuencia.
• Axentes Baseados en Obxectivos: Perseguen metas e son expertos en procuras e planificacións para resolver temas ou tarefas específicas.
• Axentes Baseados en Utilidade: Avalían diferentes accións e procuran a mellor opción en función da utilidade e do beneficio.
• Axentes de Aprendizaxe ou Adaptativos: Aprenden da experiencia e van mellorando as súas decisións co tempo.
• Multi-Axentes: Varios axentes traballan conxuntamente. Cada axente colabora e comparte coñecemento.
Os axentes de Intelixencia Artificial levan á práctica diaria as vantaxes e as potencialidades desta tecnoloxía e convértena nun instrumento fundamental para afrontar o día a día coa vista posta na autonomía, na personalización e na mellora continuas.
Se queres saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas en materia de Intelixencia Artificial, subscríbete ao noso boletín ou contacta co/coa teu/túa asesor/a persoal ou co noso equipo da área comercial empresas a través do seguinte formulario. E para estar ao día das últimas noticias síguenos en LinkedIn.