Ninguén dubida de que a IA está a revolucionar a nosa forma de traballar e de comunicarnos, fóra e dentro das empresas. Son moitas as ferramentas e axentes de IA que existen para axudarnos nas nosas tarefas cada día. Tantos, que non sempre é fácil decidirse por algún deles e saber cal se axusta máis ás necesidades da nosa empresa.

Así que preparamos unha listaxe con algúns dos axentes de IA máis utilizados nas empresas para explicar como poden facilitarnos o traballo.

ChatGPT (OpenAI)

O pioneiro e seguramente o máis popular dos axentes de IA é ChatGPT.

É tremendamente versátil: redacta correos, textos, informes ou resumos. Tamén pode traducir, responder preguntas ou escribir, revisar e explicar código.

Dispón dunha versión free gratuíta que só require darse de alta como usuario/a na páxina oficial (https://chatgpt.com/).

E integrado directamente en ChatGPT está DALL-E, un dos axentes de IA máis utilizados para crear imaxes.

Claude

Claude é un asistente de IA conversacional cuxos puntos fortes son a análise de textos extensos e complexos e a comprensión contextual, o que o converte nunha ferramenta moi útil para tarefas de lectura e escritura complexas, como informes legais ou manuais técnicos.

Hai versión libre sen custo e versión pro de pago con funcionalidades máis avanzadas. Accédese a ambas as dúas dende a súa páxina oficial: https://claude.ai.

Unha curiosidade: o seu nome vén de Claude Shannon, o matemático, enxeñeiro eléctrico e criptógrafo considerado o pai da teoría da información.

Gemini (Google)

Entre as funcionalidades de Gemini destaca a súa capacidade para resumir artigos ou páxinas web; reescribir e mellorar textos; revisar código, corrixir erros ou suxerir melloras. Tamén procura datos en tempo real e cita fontes directamente.

A súa web oficial é https://gemini.google.com. Conta con aplicacións móbiles (versión para Android e iOS, ambas as dúas integradas con Google Assistant) e intégrase tamén con outros produtos de Google como Gmail, Google Docs ou Google Drive.

Copilot (Microsoft)

Outro dos axentes de IA máis útiles para empresas é Copilot.

Copilot é un grande aliado para redactar documentos completos a partir dunha instrución; reescribir textos con outro ton ou estilo; corrixir a redacción ou mesmo xerar ideas, títulos e esquemas.

Aínda que tamén funciona como un axente de IA independente, está deseñado para asistir directamente dentro das aplicacións que xa se están usando de Microsoft (Word, Excel, PowerPoint, Outlook, Teams):

• Combinado con Microsoft Excel analiza datos, crea gráficos ou xera fórmulas e táboas dinámicas con linguaxe natural.

• Combinado con Microsoft Outlook resume e responde correos automaticamente.

• Combinado con Microsoft Teams resume reunións e destaca tarefas pendentes.

Fireflies

As reunións virtuais convertéronse en habituais en múltiples empresas e organizacións.

Fireflies é un popular axente de IA que transcribe, resume, procura e analiza todas as conversacións. Funciona en tempo real e en máis de 100 idiomas.

Identifica diferentes oradores en reunións e arquivos de audio, xera resumos intelixentes, extrae elementos clave e pode realizar análises de sentimento.

Ofrece un plan gratuíto con todas as funcionalidades, pero con almacenamento limitado a 800 minutos por usuario.

Zapier AI

Unha das principais claves do éxito de Zapier AI é a súa capacidade para executar fluxos de traballo automáticos sen requirir coñecementos técnicos especializados, aforrando horas de traballo repetitivo.

Zapier AI pode enviar respostas automáticas ou gardar arquivos adxuntos. E, en concreto, ofrece vantaxes moi valoradas en relación co márketing e as vendas: por exemplo, envía leads automaticamente a un CRM ou xera reportes automáticos.

Coa súa versión gratuíta podes acceder a ata 5 "zaps" (automatizacións). Para máis opcións, hai que contratar algún plan de pago: Starter, Professional ou Company.

GitHub Copilot

Para programar, GitHub Copilot é unha das opcións máis solicitadas.

Converte linguaxe natural en código, e non só xera liñas completas de código senón que tamén realiza suxestións en tempo real e ofrece múltiples alternativas baseadas no contexto e nos modelos de cada proxecto.

Doutra banda, intégrase facilmente con moitas das ferramentas de desenvolvemento máis utilizadas, como Visual Studio Code, e organiza e centraliza a documentación e as referencias, o cal facilita o traballo en equipo.

Midjourney

Midjourney é un dos axentes de IA máis potentes para crear imaxes a partir de texto.

Partindo dunha simple descrición (prompt) é capaz de xerar imaxes de alta calidade co estilo que se lle indique, dende logotipos a escenarios de videoxogos. Así que non é de estrañar que sexa moi utilizada por deseñadores, artistas, publicistas ou creadores de contido.

Non ofrece ningunha versión gratuíta; o plan máis básico custa 10$/mes.

Leonardo AI

Para imaxes e vídeos, Leonardo AI é outra opción popular.

Permite crear imaxes detalladas e contén un xerador de vídeos que transforma imaxes estáticas en animacións de ata 4 segundos, ideais para contidos en redes sociais ou presentacións. Tamén vale para creacións en 3D.

Todo iso pode facerse coa súa versión gratuíta, aínda que para usos profesionais ofrece varios plans de subscrición que conteñen beneficios e prestacións adicionais.

Trengo

Trengo é un axente de IA con funcións bastante específicas. Serve para centralizar mensaxes de diversas canles nunha única vista, simplificando tanto a xestión da comunicación cos clientes como o traballo en equipo.

Permite crear chatbots sen necesidade de código e reducir tempos de resposta automatizando o fluxo de información. Ademais, proporciona estatísticas sobre as diferentes conversacións e intégrase facilmente cos sistemas CRM empresariais.

Pasados os 14 días que ofrece de proba gratuíta pasa a ser ferramenta de pago.

Como ves, os axentes de Intelixencia Artificial son ferramentas útiles e polivalentes que axudan a automatizar tarefas, aumentar a produtividade e facilitar o noso traballo de cada día. Dende R queremos que aproveites o inmenso potencial da Intelixencia Artificial e ofrecémosche o noso asesoramento personalizado á hora de implementala na túa empresa ou organización.

Se queres saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas relacionadas con Intelixencia Artificial, subscríbete ao noso boletín ou contacta co teu/túa asesor/a persoal ou co noso equipo da área comercial empresas a través do seguinte formulario. E para estar ao día das últimas noticias síguenos en LinkedIn.