Como se comportan os teus clientes cando buscan un produto? Para vender, o primeiro é identificar quen é o teu público obxectivo e coñecer os seus intereses e patróns de comportamento.
Un plan de márketing dixital eficaz permitirache achegarte aos teus potenciais clientes e ofrecerlles aquilo que satisfaga as súas necesidades. Non hai fórmulas máxicas nin unha única estratexia pero si existen unha serie de accións que che proporcionarán maior visibilidade e posicionamento, fidelización e, posiblemente, un incremento dos beneficios da túa peme.
- Márketing de contidos: Debemos preguntarnos que lles podemos contar aos nosos clientes que suscite o seu interese e elaborar un calendario con contidos atractivos, novos, e, sobre todo, útiles. O mellor contido é o que resulta útil e iso pode facerse de moitas maneiras: resolvendo dúbidas, achegando datos novos, analizando con detalle un tema ou dando ideas.
É importante decidir tamén cal é o soporte ou formato adecuado para cada contido; non usamos o mesmo estilo nin ton para unha mensaxe en redes sociais que para un post incluído nun boletín especializado.
- Márketing en buscadores: Referímonos a estratexias orientadas a mellorar o posicionamento para que a túa páxina web se mostre no lugar máis destacado posible cando alguén realiza unha procura. Pode facerse de forma natural a través do posicionamento SEO ou a través de métodos de pago.
O posicionamento SEO (Search Engine Optimization) é o método orgánico ou natural que podes usar para situarte entre as primeiras páxinas que os usuarios atopan cando realizan unha procura traballando aspectos como a estrutura e os metadatos da túa web, o uso adecuado de palabras clave e elaborando contidos únicos.
O posicionamento SEM (Search Engine Marketing) é o método de posicionamento pago que se utiliza para chegar da maneira máis rápida ás primeiras posicións de resultados.
- Usa as redes sociais: Twitter, Facebook, Instagram o Linkedin son plataformas que congregan todo un universo de clientes potenciais. É un medio idóneo para mostrar proximidade e construír comunidades, difundindo a túa mensaxe cun obxectivo claro: que a compartan, se viralice e chegue ao maior número posible de usuarios.
Tamén podes inserir anuncios a través de opcións como Facebook ou Instagram Ads, que contan con grandes posibilidades de segmentación para chegar a un tipo de usuario moi concreto, pola súa localización, pola súa idade, polos seus intereses...
- Crea contido multimedia: Os vídeos visualmente atractivos e de curta duración non só atrapan facilmente a atención do usuario senón que tamén son moi útiles para resaltar algún aspecto especial e novo e, de paso, incrementar o recoñecemento da túa imaxe e da túa marca. Para que vos fagades unha idea, en 2019 os usuarios pasaban máis de 84 minutos ao día visualizando contidos en vídeo e esta cifra aumenta considerablemente cada ano.
- emailmárketing: Con esta estratexia de comunicación utilizaredes o correo electrónico para establecer unha relación directa cun cliente que xa figura na base de datos. Por tanto, a súa misión non é conseguir clientes senón, por exemplo, informalos de novidades ou darlles a coñecer os teus novos produtos ou solucións pero, especialmente, lembrarlles que estás aí e fidelizalos.
- Inbound Marketing: É unha estratexia de márketing dixital que gaña seguidores/as cada día. Combina técnicas de SEO, márketing e publicidade non intrusivas para atraer, converter, pechar e deleitar. Coloca ao usuario no centro do proceso de tal xeito que ao longo do tempo se vai xerando unha relación máis afín con el, acompañándoo de principio a fin no ciclo de compra.
- Marketing conversacional: Usa unha das armas máis tradicionais para relacionarse cos clientes: conversar, ben sexa a través de chats, de chamadas ou de bots. Calquera destas solucións pode usarse en múltiples dispositivos, cando e onde se queira, e é unha forma moi eficaz de coñecer máis datos dos clientes, rompendo esa barreira entre a venda en si, o soporte e o márketing.
- Usa a Intelixencia Artificial: Para realizar previsións de vendas e devolucións, optimizar promocións ou necesidades de persoal. A Intelixencia Artificial permite optimizar a información, tirarlle o máximo partido a todos eses datos que ides recompilando dos clientes e automatizar procesos. Canto mellor coñeces aos teus clientes, máis sabes que contidos necesitan e podes anticiparte ás súas necesidades.
O márketing dixital está repleto de posibilidades para a vosa peme. Elixide aquelas que mellor se axusten ás vosas necesidades e creade accións de márketing concretas desenvolvidas expresamente para o voso negocio; veredes como pronto darán resultados.
Se queres saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas, subscríbete ao noso boletín ou contacta co equipo da área Comercial Empresas.