Ninguén vai ir á túa casa para descubrir a idea xenial coa que pensas romper o mercado. Borra iso da cabeza! Xa podes plasmar en papel o teu proxecto, poñerte guapo, ensaiar o teu elevator pitch e, se non tes financiamento, saír en busca de investidores.
Se o teu negocio é de carácter tecnolóxico, xa tes nome para o teu proxecto emprendedor: start-up, e vías de financiamento privado máis vivas. Este tipo de empresas escapan do financiamento tradicional bancario ou público. Se a idea é atractiva e a posibilidade de crecemento alta -como na maioría de empresas tecnolóxicas-, atoparás suficientes investidores privados dispostos a axudarte nesta etapa inicial.
Onde atopar financiamento para o teu proxecto emprendedor?
Os campus para emprendedores son unha grande opción para entrar en contacto con investidores, á vez que recibes formación para sacar adiante a túa idea de negocio. Sen esquecer que son unha oportunidade de networking. Situarante no mapa emprendedor. Cal elixir? A continuación propoñemos varias aceleradoras de start-up cun longo percorrido tanto en España como en Galicia.
Aceleradoras nacionais
Seedrocket
Pode presumir de ser a primeira aceleradora TIC de España. Destaca pola súa ampla rede de mentores, que axudan aos emprendedores para facer viable un proxecto. Se o teu proxecto é atractivo e aproveitas a formación, tamén haberá diñeiro polo medio. O 75% das start-ups que participaron nas súas Investors Day pecharon a súa primeira rolda de financiamento.
Lanzadera
Creada polo fundador de Mercadona, Juan Roig, Lanzadera non se limita ao mundo start-up. Na súa filosofía está axudar a que unha idea sexa un éxito asesorando e financiando pero non investindo. Lanzadera achega préstamos de ata 200.000 euros a condicións moi flexibles, pero que terás que devolver. Se completas con éxito o seu programa de mentoring tamén podes contactar con ata cen investidores nos seus Demos Day.
Conector
Dirixida a proxectos tecnolóxicos, esta aceleradora destaca polo seu programa de mentoring. Ata seis meses de asesoramento reciben as empresas que son seleccionadas para entrar no programa. O sistema de elección de mentores garante que haxa afinidade entre “mestres” e “alumnos”. As start-ups votan aos seus mentores e estes ás empresas candidatas ao “mecenado”. Desa mestura de datos saen os emparellamentos definitivos. Como nos casos anteriores, o programa culmina nun Demo Day onde os posibles investidores entran en contacto cos emprendedores que xa puideron perfilar o seu proxecto.
Aceleradoras galegas
En Galicia dispoñemos de dous casos de aceleradoras de éxito que apoian aos emprendedores en fases iniciais dos seus proxectos.
Partimos
Con sede na Coruña, esta aceleradora permite ás start-ups elixir se prefiren só mentoring ou poñerse en contacto con investidores. Están centrados en proxectos tecnolóxicos nunha fase inicial que sexan “escalables” e “replicables”. Pódente achegar á área de coñecemento na que sexas máis frouxo: marketing, programación, asesoramento fiscal, espazo físico. Non celebran convocatorias para captar emprendedores, están abertos todo o ano.
ViaVigo
Esta aceleradora de empresas galega está impulsada polo Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Xunta. Está aberta a todo tipo de sectores. Se queres participar, terás que estar atento a cando abren a súa convocatoria. Seleccionan uns 40 proxectos emprendedores iniciais. Durante sete semanas recibirás na chamada “Academia” formación específica para o teu proxecto de negocio. Unha vez preparado, para pasar á seguinte fase de “capital semente” deberás superar o Demo Day, no que deberás expoñer o teu proxecto. As quince ideas seleccionadas entrarán no programa da aceleradora durante seis meses ata que estean suficientemente maduros para saír ao mercado e conquistar a investidores institucionais ou privados no Investors Day.
Xa estás preparado para recibir axuda? Como comprobaches, non estás só no ecosistema emprendedor. As aceleradoras axúdante a mellorar na área de coñecemento na que esteas máis coxo ou conseguindo que contactes con posibles investidores. Se confías no teu proxecto, infórmate sobre as convocatorias e déixate “acelerar”.