Unha conserveira, unha empresa de software, un banco ou unha clínica dental. De entrada, os seus usos e necesidades antóllansenos totalmente diferentes. Pero se hai algo que caracteriza ás solucións de Intelixencia Artificial é precisamente a súa capacidade de adaptación a todo tipo de empresas, independentemente do seu sector de actividade ou do seu tamaño.

Por exemplo, a IA pódevos axudar a saber cal é o prezo óptimo ao que debedes vender un produto a través dun modelo de elasticidade de prezo; que máquina pode deixar de funcionar nun momento determinado, usando un modelo de mantemento preditivo, para realizar o mantemento antes de que iso ocorra; ou cal é a cantidade óptima dun produto que debes ter no almacén ou na tenda para non prexudicar as túas vendas pero tampouco gastar demasiado en almacenamento, a través dun modelo de predición da demanda.

En suma, son moitos os usos e beneficios que a IA lle pode achegar a calquera empresa. E chegou para quedar: a Intelixencia Artificial podería contribuír con máis de 15 billóns de dólares á economía global en 2030, segundo a consultora PWC, e iso é máis que a suma da produción actual de China e India xuntas.

inteligencia_artificial_empresas

Así que, aos poucos, os diferentes sectores vanse anticipando ás inminentes novas necesidades e realidades dun futuro inmediato e integrando nas súas organizacións a Intelixencia Artificial, destinando para iso orzamentos específicos e contando tamén coa axuda de persoal cualificado. Neste sentido, en R queremos axudarvos a implantar con éxito a IA na vosa empresa e contamos cun grupo de traballo especializado, BAI Analytics, para ofrecervos as mellores solucións de vangarda.

Os sectores de vangarda no uso da Intelixencia Artificial

Malia a indubidable tendencia ascendente da IA en todos os sectores, a día de hoxe o seu uso segue sendo dispar.

Os dous sectores que claramente están á vangarda da IA son, en primeiro lugar, o tecnolóxico, encabezado por grandes empresas como Google, Amazon, Facebook e Netflix…, seguidas de startups tecnolóxicas que son nativas dixitais e a levan no seu ADN dende o seu mesmo nacemento; e, en segundo lugar, o sector financeiro, incluíndo bancos, aseguradoras e fintechs (empresas que usan as tecnoloxías para ofrecer os seus servizos financeiros) que necesitan ser moi eficientes para ser rendibles.

Outros sectores que están a apostar con forza pola IA son a venda minorista, como supermercados ou franquías de venda de moda ou de comida; e o enerxético, empresas de xeración e de distribución de enerxía con instalacións de difícil manexo que precisan determinar con precisión canta enerxía se vai xerar e consumir en cada rexión.

Un elo por baixo situaríanse o sector da saúde e o industrial; en ambos os dous casos, a pesar de que xa teñen en marcha diversos proxectos e procesos, aínda están lonxe de aproveitar todo o seu potencial.

Calquera sector pode aplicar con éxito os diferentes tipos de Intelixencia Artificial, pero debe facelo atendendo ás súas peculiaridades e características concretas, xa que non falamos dun produto ou dunha aplicación tanxible; non é algo físico que se poida adquirir, trátase de aplicacións que quizais non visualizamos a primeira ollada pero que, integradas adecuadamente na nosa estrutura e actividade, redundan en mellores e máis completos servizos para a nosa empresa e os nosos clientes.

A Intelixencia Artificial é clave nun mundo cada día máis dixitalizado, e sorprenderíanos saber como a usamos no noso día a día practicamente sen darnos conta. Facémolo cando botamos unha ollada ás recomendacións que nos suxire Netflix a partir dos programas que xa vimos ou cando gmail nos completa automaticamente un correo en base ás respostas que adoitamos enviar aos nosos contactos; é a chamada ‘aprendizaxe automática automatizada’, automated machine learning ou AutoML, o que fai posible estes comportamentos tan cotiáns.

Queres máis información sobre as nosas solucións baseadas en Intelixencia Artificial? Subscríbete ao noso boletín ou contacta co equipo da área comercial Empresas.