Sabes que están en Galicia os cantís máis altos da Europa continental? Son os cantís de Vixía de Herbeira. Contámosche como chegar, en coche ou a pé, e que vas atopar nunha das paisaxes naturais galegas máis impresionantes.
Os cantís de Vixía de Herbeira son os cantís de maior altura da Europa continental. En concreto, contan con 613 metros de altura sobre o nivel do mar. Incluso sumando outros vertixinosos cantís situados en illas europeas, serían os cuartos no ranking de altura, só superados polos de Hornelen, Cabo Enniberg e Croaghaun.
Así que neste post imos falarche deste lugar que se converteu nun dos recunchos máis visitados e instagrameados da costa galega.
Como chegar aos cantís de Vixía de Herbeira
En primeiro lugar, debes saber onde están e como chegar aos Cantís de Vixía de Herbeira.
Os cantís de Vixía de Herbeira están situados na serra da Capelada, entre os concellos de Cariño e de Cedeira. Pódese chegar en coche ou a pé.
Se vas en coche, debes tomar a estrada DP-2205 que une Cariño con Cedeira, en dirección San Andrés de Teixido. Na entrada de San Andrés de Teixido verás sinalizado o desvío que leva aos cantís de Vixía de Herbeira.
Aínda que a estrada é estreita e con bastantes curvas, o acceso non ten perda. Ademais, a zona dispón de aparcadoiro.
Outra opción é achegarte camiñando a través da ruta aos cantís de Vixía de Herbeira.
Ruta aos cantís de Vixía de Herbeira
Un bo plan para descubrir a zona é a ruta Vixía Herbeira-Santo André de Teixido. Vai dende o lugar de Santo André de Teixido ao miradoiro de Vixía de Herbeira.
A distancia total a percorrer son uns 4,5 quilómetros (só ida) e non entraña gran dificultade. Iso si, ten en conta que a néboa e, sobre todo, o forte vento son máis que probables na zona durante boa parte do ano.
Estamos nun lugar declarado de Importancia Comunitaria (LIC) pola Rede Natura 2000, así que, durante o traxecto podes observar diferentes especies de aves, transitar entre campos de pastos e gando e cruzarte con corzos ou algún cabalo salvaxe.
Cando chegues á parte alta do percorrido, diríxete ao miradoiro de Vixía de Herbeira para gozar da mellor panorámica.
Miradoiro dos cantís de Vixía de Herbeira
No punto máis elevado, xusto ao bordo do cantil, eríxese a garita de Herbeira.
É unha antiga caseta de pedra con planta rectangular, tres xanelas, cheminea e teito abovedado. Aínda que foi levantada orixinalmente no século XVIII (polos propios veciños), a actual construción é bastante posterior, de principios do século XIX.
Tamén o seu uso foi variando co paso do tempo. Á súa primeira misión como vixiante costeira e marítima da zona sucedeuna a súa actual faceta como miradoiro.
No ano 2003, restaurouse como parte do conxunto turístico da comarca de Ferrolterra e ao redor da vella garita dispúxose un pequeno muro de pedra que exerce tanto de protector como de miradoiro.
Dende este miradoiro de Vixía Herbeira pódese gozar do cantil e de fantásticas vistas da costa atlántica, dende o Cabo Ortegal ata as illas Sisargas ou Estaca de Bares.
Vistas e paisaxe nos cantís de Vixía de Herbeira
Os cantís de Vixía de Herbeira contan cunha pendente de máis do 80%. Dende aí arriba, a imaxe das potentes ondas chocando contra a costa ofrece un espectáculo impresionante, ao que debemos engadir a pintoresca paisaxe que tes ao redor.
Aos teus pés, xunto ao mar, atópase unha das poucas praias de area negra non volcánica do planeta, a praia de Teixidelo, que debe a súa cor ás rocas da zona.
E tamén podes ver un antigo val glaciar.
Ademais da espectacularidade dos seus cantís, a zona é un tesouro xeolóxico, con curiosas formas rochosas que habitualmente se achan ocultas e aquí están na superficie, e que foron modeladas ao longo dos séculos pola natureza e as inclemencias meteorolóxicas.
Doutra banda, á beira dos cantís de Vixía de Herbeira, atópase o popular santuario de Santo André de Teixido.
Santo André de Teixido
Santo André de Teixido é un lugar moi especial que ben merece unha visita.
O lugar está encaixado entre barrancos e suspendido sobre o mar e nel atopamos o popular santuario de Santo André de Teixido, construído no século XII.
Trátase dunha capela de estilo gótico-barroco e detalles mariñeiros convertida en multitudinario lugar de peregrinación e rodeado de mitos e lendas.
Para cumprir coa tradición, lembra depositar unha pedra nalgún dos milladoiros que hai no camiño e levar uns sanandresiños, as figuras elaboradas a man con miga de pan sen fermentar que son os amuletos oficiais de Santo André de Teixido.
Lembra que a "Santo André de Teixido: Vai de morto quen non foi de vivo", así que non desaproveites a oportunidade :;
Se queres gozar dunha das mellores panorámicas do litoral galego, achégate aos cantís de Vixía de Herbeira, os máis altos da Europa continental. E sempre podes aproveitar para visitar tamén Santo André de Teixido.
Fonte imaxe cabeceira: Turismo do Concello de Cedeira.