Cada vez que busques en Google Maps como chegar á túa tenda R máis próxima, activa a nova opción “Dar prioridade a rutas con aforro de combustible”. Que é isto? Pois é a maneira en que podes aforrar un chisco cando viaxas en coche. E, ademais, reduces as emisións de CO2. Segue lendo para saber que son e como funcionan as rutas eficientes ou ecolóxicas de Google Maps.
Que son as rutas eficientes para aforrar combustible
Como che diciamos é unha nova alternativa que Google Maps acaba de engadir á súa lista de opcións para calcular a túa ruta en coche.
Con ela podes reducir o consumo de combustible, co aforro de diñeiro que iso supón, e diminuír as emisións de carbono.
Para saber cal é a ruta máis eficiente en cada momento, Google Maps ten en conta varias cousas.
Porque o consumo varía se vas por estrada ou por autoestrada, se hai moitas elevacións na ruta, se paras e arrincas moitas veces no percorrido… Toda unha serie de variables que lle permiten saber cal é o itinerario que consome menos enerxía.
Pero o máis importante é o tipo de motor.
Como inflúe o tipo de motor para aforrar combustible
Inflúe bastante e Google Maps sábeo. Por iso déixache elixir entre estas opcións cando configuras os novas rutas eficientes: gasolina, diésel, eléctrico e híbrido.
E grazas a esa información calcula o itinerario que máis aforra combustible.
Porque se conduces por cidade, paras máis veces o motor e volves arrincar polos semáforos ou pasos de peóns. Para esas situacións van mellor os coches eléctricos e os híbridos. Podes ver neste artigo as electrolineiras en Galicia: cantas hai e como localizalas.
En cambio, cando circulas pola autoestrada o que resulta máis eficiente é un coche diésel, antes que un de gasolina.
Así que iso é o primeiro que tes que facer para usar as rutas ecolóxicas e aforrar combustible.
Explicámosche xusto debaixo todos os pasos que debes seguir.
Que teño que facer para aforrar combustible
Antes de nada, configurar Google Maps para que sempre che mostre a ruta máis eficiente cando buscas o teu destino.
Bo, e ter instalada a app para dispositivos Android ou iOS.
Abre a aplicación Google Maps e selecciona a icona de arriba de todo onde aparece o teu perfil ou a inicial do teu nome. Verás que se desprega este menú onde aparece a opción “Axustes”:
Dentro, selecciona os “Axustes de navegación”.
No apartado “Opcións de ruta” aparecerache “Dar prioridade a rutas con aforro de combustible”. Actívao deslizando o dedo:
Finalmente, debes seleccionar o “Tipo de motor” como ves aquí:
Desta forma, Google Maps vai ensinar sempre as rutas máis eficientes. Outra opción é seleccionar esta configuración para unha ruta concreta e non para todas as túas viaxes. Nese caso, cando seleccións “Como chegar” ao teu destino, nos tres puntiños do lateral da caixa de procura poderás seleccionar eses dous botóns: “Dar prioridade a rutas con aforro de combustible” e “Tipo de motor”.
Selecciona a folla verde para aforrar combustible
Cando utilizas as rutas eficientes ou ecolóxicas de Google Maps, vas ver un itinerario marcado cunha folla verde. Esa é a ruta que che vai a axudar a aforrar combustible. Ademais, poderás ver de canto é o aforro.
Así que, moi fácil:
- Abres Google Maps.
- Teclea o destino ao que queres chegar en coche.
- Pulsa o botón “Como chegar”.
- Elixe a ruta coa icona da folla para aforrar combustible.
E en marcha.
Máis modos de configuración de Google Maps
Por se te preguntas se as rutas eficientes son compatibles con outras opcións de Google Maps, a resposta é si.
A aplicación seguirache mostrando cal é a ruta máis rápida que, ás veces pode ser a mesma que a de maior aforro. Elixir unha ou outra está na túa man, precisamente 😉.
E despois ti podes configurar a app ao teu gusto como sempre. Elixir se queres evitar pagar peaxes, non ir por autoestrada ou pasar dos ferris. Fixar unha ruta cunha chincheta para que poidas acceder rapidamente a unha ruta que fas con frecuencia, etc.
Xa sabes que Google Maps che dá moitas opcións e non só nas súas rutas en coche, tamén en transporte público, camiñando ou en bicicleta.
Dende logo esta nova opción de rutas eficientes que aforran enerxía é unha moi boa noticia, para o medio ambiente e para a túa economía.
Así que úsaa cada vez que collas o coche.