Para os que aínda non a coñecedes, Ecos do Sur é una ONG xurdida na Coruña no ano 1991 que traballa a prol da integración das persoas inmigrantes e doutros colectivos en risco de exclusión social, principalmente persoas desempregadas.

Ademais, tamén levan a cabo unha serie de proxectos de cooperación internacional  para mellorar as condicións de vida nos países en vías de desenvolvemento.

Grazas a unha base de 250 persoas, entre equipo técnico, voluntarios e colaboradores puntuais, a entidade xa atendeu máis de 10.000 persoas nos últimos 7 anos, a través de todos os seus programas de intervención social. “Concibimos a axuda ao colectivo inmigrante como un acompañamento integral dende que chegan ao país”, explica Francisco Hurtado, director da ONG. Este acompañamento inclúe axuda para cuestións básicas como empadroarse, escolarizar aos fillos ou tramitar unha tarxeta sanitaria ata asesoramento máis especializado en ámbitos coma o laboral, o sociosanitario, o xurídico ou o psicolóxico.

Ademais destes servizos permanentes tamén contan con iniciativas específicas para fomentar a interculturalidade, coma o proxecto de participación cidadá  desenvolvido no barrio coruñés da Agra do Orzán; para mellorar o tecido asociativo dos inmigrantes, tanto aquí coma nos seus países de orixe (Entre-Nós); ou para axudar a colectivos concretos cunha situación máis vulnerable. É o caso das mulleres ou dos mozos. “Temos en marcha iniciativas para mellorar a empregabilidade e fomentar o emprendemento entre os máis novos ou programas como Afrodita, para atender a mulleres víctimas da prostitución”.

“Galicia é unha sociedade moi integradora”, explica Hurtado. Con todo, “a crise e a desinformación son un caldo de cultivo para a xenofobia”, continúa, poñendo énfase na necesidade de seguir traballando nas tarefas de sensibililización e integración cultural.

Se queredes colaborar con Ecos do Sur podedes facervos socios ou voluntarios, ou simplemente ofrecer un donativo. Todo suma.

http://ecosdosur.org