"Queixeamos"? Do 1 ao 3 de marzo, Arzúa recibe a miles de visitantes desexosos/as de degustar o seu famoso queixo na Festa do Queixo de Arzúa 2024, unha das festas gastronómicas máis populares de Galicia. Contámosche máis sobre o programa, concertos, horario do recinto feiral… e, por suposto, sobre o gran protagonista: o queixo.

Programa da Festa do Queixo de Arzúa 2024

Dar unha volta polo recinto feiral, probar riquísimos queixos, ir aos concertos no Campo da feira, saborear tapas elaboradas con queixo DOP Arzúa-Ulloa nos locais de hostalería, gozar da animación das charangas e das gaitas pola rúa… Isto e máis é o que podes facer dentro do programa da Festa do Queixo de Arzúa 2024.

Venres, 1 de marzo

  • 18:00 - 23:00 h. Concurso de Tapas e Petiscos, nos establecementos de hostalería de Arzúa que participan.

Sábado, 2 de marzo

  • 11:00 h. Apertura do recinto feiral "Terra Do Queixo".
  • 11:30 - 13:30 h. Animación de rúa no recinto feiral, praza de Galicia e rúas de Arzúa.
  • 11:00 h. Campo da feira: inauguración da festa e lectura do pregón a cargo da actriz María Vázquez, Ramona na película "Matria".
  • 18:30 h. Praza de Galicia: Festival Pequequeixo, concerto de Ollo Piollo.
  • 19:00 - 20:30 h. Animación de rúa no recinto feiral, praza de Galicia e rúas de Arzúa.
  • 21:30 h. Campo da feira: Festival do Queixo.

Domingo, 3 de marzo

  • 10:00 h. Apertura do recinto feiral "Terra Do Queixo".
  • 10:30 - 12:30 h. Animación de rúa no recinto feiral, praza de Galicia e rúas de Arzúa.
  • 12:00 h. Praza de Galicia: Festival Pequequeixo, con Trío Detrés.
  • 12:30 - 14:00 h. Animación de rúa no recinto feiral, praza de Galicia e rúas de Arzúa.
  • 12:30 h. Campo da feira: Festival do Queixo - Sesión vermú coa actuación de De Vacas.
  • 18:00 h. Campo da feira: Festival do Queixo.

Horario do Recinto feiral:

  • Sábado, 2 de marzo: de 11:00 a 20:30 h.
  • Domingo, 3 de marzo: de 10:00 a 18:30 h.

Concertos da Festa do Queixo de Arzúa 2024

Festa do Queixo de Arzúa 2024
Imaxe: Festa do Queixo de Arzúa

Ademais do queixo, a música é a outra gran protagonista da festa con moitos concertos gratis no Campo da feira durante toda a fin de semana. O Festival do Queixo de Arzúa 2024 inaugúrase o sábado co grupo gañador do Concurso Queixo Maquetón e continúa o domingo con sesión vermú e actuacións pola tarde. E para o público familiar, o Festival Pequequeixo.

Aquí tes todos os concertos da Festa do Queixo de Arzúa 2024 no Campo da feira:

Sábado, 2 de marzo

  • 21:30 h. Tu Futura Ex Mujer: grupo gañador do Queixo Maquetón.
  • 22:25 h. La Plazuela.
  • 00:30 h. Arde Bogotá.
  • 02:05 h. Grande Amore.

Domingo, 3 de marzo

  • 12:30 h. Sesión vermú coa actuación de De Vacas.
  • 18:00 h. Guadi Galego.
  • 19:50 h. Fillas de Cassandra.

Festa do Queixo de Arzúa 2024

A primeira edición da Festa do Queixo de Arzúa celebrouse no ano 1975 e nunca faltou á súa cita, nin sequera nos anos de pandemia, aínda que si tivo que adaptarse ás circunstancias sanitarias, así que en 2024 chega xa á súa edición número 49.

Podes ver na imaxe de arriba o cartel da Festa do Queixo de Arzúa 2024, da artista local Silvatiica.

A Festa do Queixo de Arzúa está declarada de Interese Turístico e é un escaparate de excepción para o máis famoso dos produtos gastronómicos locais: o queixo Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa. É un gran revulsivo económico, pois poden chegar a venderse ata 100.000 queixos en só unha fin de semana.

Mercado de queixo no recinto feiral de Arzúa

Arzúa Festa do Queixo
Imaxe: Festa do Queixo de Arzúa

Para probar e comprar queixo de Arzúa e outros produtos artesanais, pasa polo recinto feiral da Festa do Queixo de Arzúa 2024.

Unha zona está dedicada a produtos artesáns galegos, conservas de Cantabria, aceites...

Outra área resérvase para as queixerías con DOP Arzúa-Ulloa, as outras Denominacións de Orixe galegas, como a de Tetilla, O Cebreiro e San Simón da Costa, ou queixos internacionais.

É un espazo máis para os Produtores Lácteos Tradicionais (PLT).

Á venda e á degustación de queixo súmanse actividades culturais, musicais e entretemento para todos os gustos e públicos.

O Queixo de Arzúa, "Produto Galego de Calidade"

Queixo Arzúa
Imaxe: Turismo de Galicia

O queixo con D.O.P. Arzúa-Ulloa é o que máis producimos e consumimos en Galicia e dende 1989 conta coa denominación de "Produto Galego de Calidade".

Ademais, en 1995 foron recoñecidos como "Denominación de Orixe Protexida" aqueles queixos elaborados seguindo o método estipulado e orixinarios, tanto o leite como a produción, dos concellos da área xeográfica da D.O.P. Arzúa-Ulloa: Arzúa-Ulloa: Arzúa, Boimorto, Curtis, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, O Pino, Santiso, Sobrado, Toques, Touro, Vedra, Vilasantar, Antas de Ulla, Carballedo, Chantada, Friol, Guntín, Monterroso, Palas de Rei, Portomarín, Taboada, Agolada, A Estrada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.

Como é o queixo de Arzúa-Ulloa

Este queixo está elaborado con leite natural e enteiro de vaca e realízase de maneira artesanal.

A súa cortiza é fina e elástica, sen fisuras. O seu sabor, suave, tenro e lixeiramente acedo; conforme vai madurando tende a facerse máis doce. A súa textura é untuosa e conta cun mínimo dun 45% de materia graxa. A súa forma é xeralmente redonda, de "tetiña" ou "periña".

Preséntase en bloques lenticulares con bordos redondeados e cada peza adoita pesar entre 0,5 e 3,5 quilos. Acostuma estar cinguido cunha característica cinta de tea.

Conservación do queixo de Arzúa-Ulloa

Para a súa conservación, é aconsellable que estea en lugares con temperaturas que oscilen entre os 8 e os 10 graos.

A orixinal textura branda vai deixando paso, aos poucos, a un queixo máis duro, denominado de nabiza, que é o máis apreciado.

E para apreciar todo o seu sabor, recomendámosche que o deixes a temperatura ambiente durante un par de horas antes de degustalo.

Que ganas de gozar da Festa do Queixo de Arzúa 2024. Unha cita indispensable coa mellor gastronomía de Galicia, a boa música e unha chea de actividades para toda a familia.

Fonte imaxe de cabeceira: Festa do Queixo de Arzúa