menú

Cales son as mellores escolas de negocio de Galicia?

02/09/2015
Blog R

Se es un profesional ao que lle gusta superarse, tes dotes de dirección e queres ter unha visión transversal de todas as áreas da empresa, es o candidato ideal para estudar nunha escola de negocio. Se como nós, exerces a túa actividade profesional en Galicia, estás de sorte. Contamos cunha das escolas de negocio mellor valoradas de España, a Escola de Negocios Afundación, herdeira da institución de formación empresarial das antigas caixas galegas.

Para os que estades a pensar en profesionalizar o voso perfil directivo volvendo ás aulas, reunimos información sobre as mellores escolas de negocio en Galicia.

 

Escola de negocios Afundación

Os seus 28 anos formando líderes en Galicia acredítana como a escola de negocios máis completa da Comunidade. Con sedes na Coruña e Vigo, figura entre as mil mellores escolas de negocio do mundo e no Top Ten de MBA en España.

 

MBA

Ademais de impartir o primeiro Grao Oficial en Administración e Dirección de Empresas de Galicia, a Escola de Negocios Afundación ten unha completa oferta de MBA adaptados a cada perfil. Podes elixir entre o Full-time para novos licenciados, o Part-time para profesionais con máis de dous anos de experiencia e o Executive MBA, dirixido a profesionais con responsabilidade acreditada nas súas áreas e máis de oito anos de experiencia profesional. En todos os casos, ademais de visión estratéxica do negocio, o MBA permite ampliar os coñecementos en dirección de empresas e abre a porta a oportunidades de networking.

 

Business Programs

Para os que queredes un programa de formación máis especializado, a Escola de Negocios Afundación ofrece Business Programs enfocados a dirección xeral, finanzas, comercial e márketing ou internacional. O perfil dos aspirantes é o de profesionais con dez anos de experiencia profesional.

 

Formación In Company

Adaptándose ás novas tendencias de formación empresarial, a Escola de Negocios Afundación tamén ofrece formación personalizada para cada compañía dentro do seu programa “In Company”. Esta opción permite obter unha información máis persoal para cada negocio e con flexibilidade de horarios e lugares nos que se vai a impartir. Cada vez son máis as compañías que optan por deixar en mans de empresas externas a formación do seu persoal buscando profesionalizar este proceso.

 

IFFE Business School

Galicia é a sede dun dos dous campus de IFFE Business School. Dende Oleiros, esta Escola de Negocios axuda a directivos a buscar a excelencia da man da súa formación executive e de posgrao. Ademais de cursos presenciais, tamén ofrece un campus virtual no que aproveitar as novas tecnoloxías para sacarlle partido á formación. O enfoque práctico é un dos efectos diferenciadores do seu programa educativo.

 

MBA

Como no caso da Escola de Negocios de Afundación, tamén dispón dun Master en Administración e Dirección de Empresas, co obxectivo de impartir formación cualificada a directivos e profesionais.

Completa os seus programas de formación con másteres especializados en asesoría xurídica de empresa, xestión sanitaria e hospitalaria, asesoría fiscal e contable, dirección de proxectos e organización empresarial e estratexia dixital, márketing online e comunicación 2.0., máster en recursos humanos e xestión de persoas, máster en comercio internacional e máster en dirección financeira.

Tamén dispón de cursos dirixidos a mellorar a competencia profesional en ámbitos máis especializados, como o programa de xestión integral para oficinas de farmacia.

 

Escola Europea de Negocios

Esta entidade de formación dispón de sete sedes en España dende as que traballan para formar directivos -sociais, líderes e humanos- a través dos seus programas de posgrao e executive. Na Coruña sitúase a sede para Galicia da Escola Europea de Negocios, con case 30 anos de experiencia na formación de profesionais. Ademais de impartir coñecementos para crecer como directivos, no seu programa incídese en fortalecer as aptitudes dos directivos para formar a profesionais con autonomía e emprendedores: comunicación, traballo en equipo ou iniciativa.

 

MBA

A Escola Europea de Negocios inclúe no seu programa MBA online, MBA presencial e masteres de posgrao e masteres executive máis especializados. No caso do Master en Dirección de Recursos Humanos, ocupa o número cinco no ránking nacional por terceiro ano consecutivo.

 

Para os que buscades a excelencia no voso traballo e queredes mellorar a vosa capacitación profesional, non dubidedes en consultar como podedes prosperar dentro da vosa área de negocio adquirindo novos coñecementos. As escolas de negocio son unha boa opción, xa que se adaptan aos horarios profesionais e ofrecen un enfoque moi práctico, afastado da retórica e moi próximo ao mundo empresarial. E todo isto sen desdeñar a oportunidade de networking que supoñen.

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo toda a información para o éxito do teu negocio
acepto os termos e condicións*

0 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*