menú
xose antonio touriñan

Xosé Antonio Touriñán, o actor de moda

25/09/2018
Blog R

Xosé Antonio Touriñán (Castelo, Culleredo, A Coruña, 1981) é un dos nosos actores máis recoñecidos dos últimos anos en Galicia, e agora comeza a pisar forte no panorama audiovisual nacional. Os seus inicios como actor foron co seu compañeiro Marcos Pereiro co dúo cómico “Os dous de Sempre” e, posteriormente, cas “Cantareiras de Ardebullo”. Foi con estes dous personaxes cos que deron o salto á televisión e á fama.

Hoxe en día Touriñán non para de traballar: todos os xoves participa no programa “Land Rober” da TVG, está de xira de novo por toda Galicia coa obra” Somos Criminais” xunto con Carlos Blanco e co monólogo “Manolo Lojo”, e colabora en moitos máis proxectos que agardamos que pronto vexan a luz. Ademais, este ano en R contamos coa súa axuda para escribir os textos dos monólogosR, #20anosporaquí, nos que participan os cómicos Oswaldo Digón e David Amor.

– Ata onde sabemos ti es Licenciado en Filoloxía Galega. Como se che deu en meterte no mundo da interpretación?

Si, eu estudei Filoloxía Galego – Portuguesa, e acabeina, aínda que hoxe en día non lle dou moito uso ao que fixen.

Comecei no mundo da interpretación nos últimos anos no IES Universidade Laboral. Empecei a facer teatro no grupo que había no instituto, foi nese momento cando me enganchou este mundo, aínda que me daba moito “pao” subirme a un escenario diante da xente. Nunca crin que fose capaz de facelo nin de dedicarme a isto. Despois nos primeiros anos da universidade seguín enganchado.

– Empezaches esta aventura con Marcos Pereiro, co dúo “As Cantareiras de Ardebullo”, como foron eses inicios? Que contabades neses espectáculos? De onde sacabades as historias que contabades da xente? Eran reais?

Os inicios foron un pouco de broma, a culpa tívoa Peter, o antigo dono do bar de Carral “Lume e Ferro”, que nos pediu que fixeramos algo para o Día das Letras Galegas dese ano. E de broma nun aniversario meu saíron á luz “As Cantareiras de Ardebullo”, facendo unha versión a pandeireta do Europe is Living a Celebration, a canción coa que Rosa representou a España en Eurovisión. Isto fixémolo como divertimento e sen ter outras miras.

As historias que contabamos eran historias que foron medrando, non tiñan nada que ver coa realidade. Iso si, os nomes eran os de xente que coñeciamos, tanto eu como Marcos, de Castelo, O Couto, Arzúa e outros lugares.

“O que máis me gusta é estar diante do público e o directo, onde non hai volta atrás, gústame facer equilibrios sen rede debaixo.”

 

– Cando foi o salto á fama?

Cas “Cantareiras de Ardebullo” comezamos hai 16 anos, precisamente nese Días das Letras Galegas de 2002. Pero o salto á fama foi cando chegaron a “Luar”. Anteriormente estiveran non últimos sete ou oito programas do ‘Super Martes’, pero este programa desapareceu. No 2004 ou no 2005 comezamos a interpretar estas personaxes en “Luar”, e foi aí cando comezaron a “petar” forte.

Foi nese momento cando ves que te podes dedicar a isto, que che dá para vivir. E ves o que vén de volta da xente, o que lle gusta á xente e que funciona. E isto veu así, sen preparalo moito, foi más ben xogando.

 


 

– Despois do dúo con Marcos viñeron moitos máis traballos en conxunto e individuais en televisión e teatro… e para cando o cine?

Xa fixen cine, non fixen moitas cousas, pero traballei en dúas películas. Cando comezaba fixen un papeliño pequeno nunha peli que se chama ‘Días Azules’.

E unha das cousas que estou moi contento e foi unha experiencia marabillosa, foi facendo ‘Los Fenómenos’ de Alfonso Zarauza. Aí xa teño un papel máis importante.

A verdade é que o cine é moi bonito, igual un pouco lento, comparado ao que facemos na televisión, que se fai todo moito máis rápido. E o cine é algo que se fai con máis calma e onde os procesos son moito máis longos. A min agoníame un pouco porque desde que gravas a peli ata que se estrea, ao mellor pasan dous ou tres anos. Pero agardo poder facer máis cousas en cine.

– Un dos teus papeis máis destacados do último ano foi a participación na serie ‘Fariña’, que foi todo un éxito, interpretando a un dos fillos de Manuel Charlín. Como foi esa experiencia? Que tal te atopaches nun papel que non fose humorístico?

A experiencia foi marabillosa. Foi toda unha sorte que a min me deran a oportunidade de facer de Paquito Charlín, dende un primeiro momento, nun proxecto como ‘Fariña’ na que todos os actores e actrices galegos queriamos estar nese proxecto.

“É para sentirse orgulloso do traballo de ‘Fariña’, xa que o 95% dos profesionais que o fixeron posible somos galegos”.

Dende o momento que souben que ía existir esa serie eu dixen que quería estar aí. O proceso de casting foi espectacular no sentido de que eramos moitísimos e fixéronse moitas probas. Eu tiven a sorte de que me colleron para a proba que fixera.

O que me pasou con ‘Fariña’ foi un regalo, un regalo porque todos éramos galegos (o director, actores,…) e a min coñécenme de facer humor. E que alguén aposte por min para facer todo o contrario, un personaxe que non ten nada que ver con fixera ata o momento, xa que é mala xente e eu sempre interpreto a xente que cae ben.

A experiencia foi fabulosa tanto gravando, durante os seis ou sete meses que botamos coa preparación e gravación da serie e despois todo o que veu coa emisión da serie na televisión.

O resultado é para estar moi orgulloso, o que vén de volta do público é que se senten orgullosos dun traballo audiovisual feito en Galicia, a pesar de tratarse dunha historia non moi bonita da nosa terra, o narcotráfico. É para sentirse orgulloso deste traballo do audiovisual galego, xa que o 95% dos profesionais que o fixeron posible somos galegos. E aínda segue o éxito, seguen vindo de volta moitas cousas de ‘Fariña’, e agardamos que sexa así durante unha tempada longa.

widget 

– A túa participación xunto con Carlos Blanco na obra “Somos Criminais” tamén colleitou moitos éxitos este ano, de feito volvedes á carga cunha nova xira e estaredes no FIOT de Carballo. Que tal te atopas no teatro? Se tiveras que escoller entre todos os paus que tocas (tele, teatro, monólogos,…) con que te quedarías?

O teatro quizais sexa o medio que máis me gusta. É certo que me encanta facer cine, aínda que non teño moita experiencia, que me encanta facer televisión, que me gusta moito o directo, que me divirto moito co que facemos en “Land Rober”.

Pero o que máis me gusta é o traballo en directo no que só se pode facer unha vez e que tes a resposta do público xa inmediata, se lles gusta xa o ves no momento e non hai que esperar os datos da audiencia. O teatro e a interpretación en directo, como cando comecei cos monólogos nos bares, é o que máis me gusta.

A resposta do público con “Somos Criminais” foi espectacular, Carlos Blanco é un fenómeno, enche os teatros alá por onde vai. Era de esperar que houbese unha moi boa acollida por parte do público pero superou todo o que nos pensabamos, é dicir, 30.000 entradas vendidas na primeira xira. De feito, cando comezamos a ensaiar xa estaban vendidas 15.000 entradas, xa a xente quería velo sen saber o que íamos facer.

É un orgullo sentir todo ese cariño que vén de volta no teatro, porque o que recolles no teatro vén de moitos sitios, do que fago en tele, nos monólogos, etc.. e toda a xente á que lle gustas noutras cousas vente ver ao teatro. Estou moi contento con estas reaccións.

O que máis me gusta é estar diante do público e o directo, onde non hai volta atrás, gústame facer equilibrios sen rede debaixo, non se pode borrar o que fas, “o feito, feito está”, hai que facelo ben, non vale dicir “Marcho para casa!”.

“Agora mesmo estou a gravar unha serie para Amazon e Atresmedia que se vai chamar ‘Pequenas coincidencias’ e outra serie que se vai chamar ‘Justo antes de Cristo’”

– Pódesnos desvelar algún proxecto no que vaias participar proximamente, ademais de seguir participando en “Land Rober”, na obra “Somos Criminais” e no monólogo “Manolo Lojo”?

A miña idea é facer os últimos monólogos de “Manolo Lojo” este inverno, non sei se decembro ou xaneiro, é certo que hai moita xente que quere que faga este monólogo, que xa ten case 11 anos e creo que é bo momento de retirar a Manolo.

A parte de “Land Rober” e de “Somos Criminais”, agora mesmo cóllesme en Madrid, estou gravando unha serie para Amazon e Atresmedia que se vai chamar ‘Pequenas coincidencias’ e outra serie para que se vai chamar ‘Justo antes de Cristo’.

Podo adiantar que son comedias e que é un xeito de probarme, xa que tiven a sorte de que me deron a oportunidade de poder facelo, xa que non é fácil querer facer ficción en castelán e poder participar nestes dous proxectos tan importantes é unha sorte. E ata aquí podo contar .

Lembra que podes seguir a nosas novidades en Twitter, Facebook, Instagram e na nosa canle de Telegram.

Ata a próxima!

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novidades e a información dos teus servizos R
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

2 comentarios

R Cable y Telecomunicaciones Galicia, S.A.U. é o responsable do tratamento dos datos persoais que nos facilites e trataraos para a xestión da túa solicitude de facer comentarios neste blog en base a unha relación contractual. Non cederemos os teus datos persoais a ningún terceiro, salvo que exista unha obriga legal. E só os compartiremos cos nosos provedores que deban ter acceso para prestarnos un servizo. Tes, entre outros, dereito a acceder, rectificar e suprimir os teus datos, como se explica na información adicional da política de privacidade da nosa web.
Ao facer clic no botón publicar comentario declaras coñecer e entender a política de privacidade da Sociedade.